Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36754

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Monforte de Lemos

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan especial de protección do conxunto histórico-artístico de Monforte de Lemos.

A Xunta de Goberno local, por delegación da Alcaldía (Decreto do 18.6.2015) da competencia que lle atribúe o artigo 21.1.j) da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, adoptou, na sesión ordinaria do 10 de xullo de 2017, o acordo que na parte dispositiva di o seguinte:

«Primeiro. Proceder á aprobación inicial do Plan especial de protección do conxunto histórico-artístico de Monforte de Lemos, expediente de iniciativa municipal redactado pola entidade Oficina de Planeamiento, S.A. en virtude do servizo contratado polo Concello.

Segundo. Sometelo a información pública polo prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 75.1 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia, na páxina web municipal e nos xornais de maior difusión na provincia e que se notificará ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados; e solicitar das administracións públicas competentes os informes sectoriais e consultas que resulten preceptivos.

Terceiro. O acordo de aprobación inicial determinará, por si só, a suspensión do outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición no conxunto do ámbito do Plan especial. De acordo co establecido no artigo 86.3 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a suspensión de licenzas non afectará:

a) As obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.

b) As licenzas de primeira ocupación.

c) Os proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento en vigor e o Plan especial aprobado inicialmente.

d) Os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contando desde a aprobación inicial de Plan especial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento».

O período de información pública que figura no punto segundo do acordo comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Monforte de Lemos, 12 de xullo de 2017

José Tomé Roca
Alcalde