Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 11 de xullo de 2017 Páx. 33572

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Escola Galega de Administración Pública

ANUNCIO do 6 de xuño de 2017 polo que se fai pública a resolución da concesión dunha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo.

En cumprimento do establecido na base décima da Resolución do 27 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 36, do 18 de abril), faise pública a Resolución do 5 de xuño de 2017 da concesión dunha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo:

Resolución do 5 de xuño de 2017 pola que se adxudica a bolsa de formación en dereito administrativo (PR770F).

Feitos.

1. A Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) convocou, mediante a Resolución do 27 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 36, do 18 de abril), unha bolsa de formación en estudos relacionados co dereito administrativo, e concedeu un prazo dun mes para que as persoas interesadas presentasen as súas solicitudes.

2. Mediante a Resolución da directora da EGAP do 5 de abril de 2017 nomeáronse as persoas integrantes da comisión de avaliación.

3. Terminado o prazo de presentación de instancias e emendadas as deficiencias observadas na documentación achegada polas persoas solicitantes, a antedita comisión reuniuse para avaliar os seus méritos.

Logo de ser realizada a dita avaliación, publicouse na web da EGAP http://egap.xunta.gal e no seu taboleiro de anuncios a listaxe provisional de posibles bolseiros/as coas puntuacións obtidas e concedeuse un prazo de tres días para presentar alegacións. Contra a dita listaxe non se formulou alegación ningunha.

4. O día 22 de maio de 2017, a comisión de avaliación entrevistou a aquelas persoas candidatas que acadaron a puntuación mínima establecida na avaliación de méritos e que se presentaron a ela.

Como consecuencia das ditas entrevistas, o día 29 de maio de 2017, a comisión eleva á directora da EGAP unha proposta de concesión para a designación de Alejandro Villanueva Turnes como titular da bolsa.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A competencia para ditar esta resolución correspóndelle á directora da EGAP, segundo o establecido na base décima da convocatoria.

Segunda. De acordo co establecido na base novena da convocatoria, a comisión de avaliación examinou e valorou os méritos, realizou a entrevista das persoas candidatas e concluíu que a persoa con maior puntuación da bolsa é Alejandro Villanueva Turnes, que obtivo un total de 21,09 puntos.

Esta conclusión foi recollida na proposta que elevou a directora da EGAP, de conformidade co exixido pola base décima da convocatoria.

Polo exposto e examinada a proposta da comisión para a súa adxudicación,

RESOLVO:

1º. Adxudicar a bolsa de referencia a Alejandro Villanueva Turnes por ser o candidato as cal lle corresponde por orde de puntuación. A efectividade da bolsa recoñecida será desde a data da súa incorporación ata o 31 de decembro de 2017.

2º. Lembrarlle ao beneficiario que, de acordo co disposto pola base décimo primeira da convocatoria, unha vez recibida a notificación desta resolución de concesión da bolsa, disporá dun prazo de dez días para comunicar á EGAP a súa aceptación ou renuncia á bolsa. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa pola súa parte, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3º. Lembrarlle ao beneficiario que, de acordo co disposto na base décimo primeira da convocatoria, no prazo de cinco días contados desde a aceptación expresa da bolsa ou do transcurso do prazo para entendela tacitamente aceptada, deberá incorporarse ao desempeño da bolsa na EGAP. No caso de que o beneficiario non se incorporase neste prazo ou que renunciase expresamente, perderá os dereitos inherentes á bolsa.

Contra esta resolución poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a directora da EGAP, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co establecido no artigo 46.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública