Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 11 de xullo de 2017 Páx. 33533

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Corcubión

EDICTO (130/2014).

Cristina Suárez Prieto, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de PrimeIra Instancia e Instrución de Corcubión, polo presente,

Anuncio:

No presente procedemento seguido por instancia de Lizania Vázquez Cobelo fronte a Enrique Morera Lluis ditouse sentenza cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza.

Corcubión, 20 de outubro de 2016.

Vistos por María Purificación Prieto Picos, xuíza titular do Xulgado de Primera Instancia e Instrución número 2 de Corcubión, os presentes autos de divorcio contencioso número 130/2014, por instancia da procuradora Sra. Louro Piñeiro, en nome e representación de Liziania Vázquez Cobelo, defendida polo letrado Sr. Antelo Trillo, contra Enrique Morera Lluis, en situación de rebeldía procesual e con intervención do Ministerio Fiscal.

Decido.

Estimo a demanda presentada por instancia da procuradora Sra. Louro Piñeiro, en nome e representación de Lizania Vázquez Cobelo, defendida polo letrado Sr. Antelo Trillo, contra Enrique Morera Lluis, en situación de rebeldía procesual e con intervención do Ministerio Fiscal. En consecuencia, declaro:

1. Disolto por divorcio o matrimonio contraído por Lizania Vázquez Piñeiro e Enrique Morera Lluis o día 15 de novembro de 2002 na Habana, con revogación de cantos poderes e consentimentos que calquera dos cónxuxes tivese outorgado a favor do outro, cesando a posibilidade, salvo pacto en contrario, de vincular os bens privativos do outro cónxuxe no exercicio da potestade doméstica.

2. A patria potestade deberá ser exercida por ambos os dous proxenitores.

3. A garda e custodia dos fillos menores comúns, Enrique e Lía atribúese a favor da nai.

4. O pai poderá ter na súa compañía a (omitido) e (omitido) sempre que o pacten os pais e no seu defecto ateranse ao seguinte réxime de visitas: o pai poderá ter na súa compañía os menores o primeiro e terceiro fin de semana de cada mes, desde as 10.00 horas do sábado ata as 19.00 horas do domingo. En canto ás vacacións de verán, o pai terá dereito a estar en compañía dos seus fillos un mes, xullo nos meses pares e agosto nos impares. En canto ás vacacións de Nadal, o pai terá dereito desde o 24 ao 30 de decembro nos anos pares e do 31 de decembro ao 6 de xaneiro nos anos impares. Así mesmo, terá dereito a catro días en Semana Santa, do Domingo de Ramos ao Mércores Santo nos anos pares e do Xoves Santo ao Domingo de Resurrección nos impares.

5. O pai deberá aboar unha pensión alimenticia a favor dos seus fillos (omitido) e (omitido) de 350 euros ao mes (a razón de 175 euros para cada un). A devandita suma ingresarase dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta que a nai designe, e actualizarase cada ano conforme a variación do IPC segundo o Instituto Nacional de Estatística ou organismo que o substitúa.

6. Os gastos extraordinarios do menor pagaranse por metade sempre que se realicen co consentimento de ambos os dous proxenitores. Advírtese a ambos os dous proxenitores, que calquera gasto extraordinario que se realice sen consentimento do outro proxenitor ou no seu defecto autorización xudicial, non permitirá reclamarlle o seu importe vía demanda executiva.

7. O uso da vivenda familiar situada en (omitido) atribúese á nai mentres conviva cos seus fillos menores.

Todo iso sen expresa imposición de custas a ningunha das partes litigantes.

Notifíqueselles ás partes a presente sentenza, facéndolles saber que contra esta se poderá interpoñer recurso de apelación, perante este xulgado, dentro do prazo de vinte (20) días contados desde o día seguinte ao da súa notificación e de conformidade co previsto no artigo 774, parágrafo 5, en relación cos artigos 457 e seguintes da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, o devandito recurso non suspenderá a eficacia das medidas acordadas nesta.

Están exentos de constituír o depósito para recorrer os incluídos no punto 5 da disposición citada e os que teñan recoñecido o dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Fáganse as anotacións correspondentes no libro de asuntos e lévese a presente ao libro cartapacio de sentenzas e autos deste xulgado e testemuño desta aos autos principais.

Asine esta resolución procédase á súa inscrición no Rexistro Civil onde figura inscrito o matrimonio celebrado entre os litigantes (artigo 752 da Lei de axuizamento civil).

Por esta miña sentenza, xulgando definitivamente en primeira instancia, pronúncioo, mando e asino».

Publicación. Dada, lida e publicada foi a anterior sentenza polo xuíz que a ditou estando a celebrar audiencia pública no mesmo día da súa data. Dou fe.

Así mesmo, ditouse auto do teor literal seguinte:

Auto.

Único. Con data do 3 de novembro de 2016, a representación procesual de Lizania Vázquez Cobelo solicitou corrección de erros materiais manifestos contidos na sentenza con data do 20 de outubro de 2016 ditada en proceso de divorcio contencioso nº 130/2014.

Parte dispositiva.

Ten lugar a rectificación solicitada no sentido de que o encabezamento da sentenza do 20 de outubro de 2016 ditada en proceso de divorcio contencioso e a decisión desta deberá corrixirse en canto ao nome da demandante, o cal quedará transcribido nos seguintes termos: «Lizania Vázquez Cobelo».

Notifíquese esta resolución ás partes, advertíndolles que contra esta non cabe recurso ningún, sen prexuízo dos recursos que poidan interpoñerse contra a resolución que é obxecto de rectificación.

E encontrándose o devandito demandado, Enrique Morera Lluis, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que sirva de notificación en forma a este.

Corcubión, 20 de xuño de 2017

A letrada da Administración de xustiza