Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2017 Páx. 32422

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 22 de xuño de 2017 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-340 Gondomar-A Ramallosa, puntos quilométricos 17+650-21+360, de clave PO/16/055.06.

Con data do 21 de xuño de 2017, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Antecedentes de feito

Primeiro. Con data do 18 de novembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 221) o Anuncio do 26 de outubro de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-340. Gondomar-A Ramallosa p.q. 17+650-21+360, de clave PO/16/055.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

O documento que se puxo á disposición durante o trámite da información pública foi unha separata para información pública do proxecto construtivo, e redactouse o dito proxecto construtivo con base na referida separata.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse certificados, informes e alegacións, e procedeuse á súa valoración.

Fundamentos de dereito

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tras os certificados, informes e alegacións recibidas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de itinerario peonil e ciclista na PO-340. Gondomar-A Ramallosa p.q. 17+650-21+360, de clave PO/16/055.06, modificando o documento sometido a información pública cos cambios que se resumen a seguir:

– Mellora do acceso dos peóns na contorna do IES Escolas Poval, mediante a construción dun carril central para facilitar o xiro á esquerda dos vehículos de transporte escolar e a implantación de medidas para regular o tráfico na contorna das zonas de cruzamento que necesariamente terán que usar os futuros usuarios vulnerables que utilicen a senda, principalmente os alumnos do centro educativo.

– Deseñar unha glorieta no p.q. 20+350, para regular o tráfico nunha zona de importante afluencia peonil pola existencia próxima de áreas comerciais e dun centro de saúde. A dita glorieta permitirá regular o tráfico nunha complexa intersección, facilitar os movementos de xiro dos vehículos e minimizar o risco nas zonas de cruzamento de calzada dos usuarios vulnerables que desexen acceder ao novo itinerario peonil mediante a habilitación de refuxios centrais nas áreas de cruzamento.

– Habilitar zonas de aparcadoiro nunha zona situada entre os p.q. 21+040 e 21+080 na marxe esquerda da vía, aproveitando o espazo dispoñible na beiravía actual.

– Ampliación das beirarrúas ata a liña de edificación das normas subsidiarias na marxe esquerda no tramo comprendido entre os p.q. 21+360 a 21+450, desde o mercado ata conectar coa trama urbana da Ramallosa. Para iso construirase un muro tipo crebaondas.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Gondomar e Nigrán deberán adaptar os seus planeamentos urbanísticos ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2017

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas