Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2017 Páx. 32096

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2017 pola que se ordena a publicación da normativa de permanencia e progreso nas titulacións oficiais de grao e de máster.

Aprobada a normativa de permanencia e progreso nas titulacións oficiais de grao e de máster da Universidade de Vigo polo Consello de Goberno, o día 16 de decembro de 2016, e polo Consello Social da Universidade de Vigo, o día 12 de xuño de 2017, e que figura no anexo desta resolución, remítese ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación.

Vigo, 21 de xuño de 2017

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO
Normativa de permanencia e progreso nas titulacións oficiais
de grao e de máster da Universidade de Vigo

Preámbulo

A Universidade de Vigo é unha institución pública á cal lle corresponde, no ámbito das súas competencias, o servizo público da educación superior e, como tal, ten a obriga de aproveitar os seus recursos do xeito máis eficiente, o compromiso de acadar os maiores niveis formativos para o seu alumnado e os niveis de eficiencia establecidos para os seus estudos oficiais. O acto de matricularse, polo cal se adquire a condición de estudante e a vinculación coa universidade, é un compromiso tanto da Universidade con cada estudante, como de cada estudante coa universidade. O alumnado forma unha parte primordial da institución universitaria e, polo tanto, debe contribuír ao cumprimento das obrigas e á consecución deses obxectivos institucionais. Cómpre salientar que o Estatuto do estudante universitario, no seu preámbulo, se refire ao «binomio protección de dereitos-exercicio da responsabilidade por parte dos/das estudantes universitarios».

Por outra parte, a Universidade de Vigo debe promover o acceso en igualdade de condicións ás súas ensinanzas, a atención á diversidade, a conciliación dos estudos coa vida familiar e laboral, facilitar a aprendizaxe ao longo da vida e, en definitiva, o acceso aos estudos a unha franxa social ampla. Todo iso procurando que se dean as condicións para o progreso académico do seu alumnado dun xeito ordenado e co maior rendemento posible.

A adaptación dos estudos ao Espazo Europeo de Educación Superior fixo necesario un novo ordenamento da estadía do alumnado na Universidade de Vigo que recollese, ademais dos aspectos anteriormente citados, as peculiaridades das titulacións reguladas polos reais decretos 1393/2007 e 861/2010, polo Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial, así como as condicións recollidas no Estatuto do estudante universitario, aprobado polo Real decreto 1791/2010.

No aludido exercicio de responsabilidade social a que estamos todos e todas obrigados, foi aprobada polo Consello Social o 2 de abril de 2013 a normativa de permanencia vixente. Despois de máis de tres anos, pódese valorar a súa aplicación positivamente xa que contribuíu a mellorar os obxectivos establecidos pola propia norma, basicamente no que atinxe ao aproveitamento dos estudos por parte do estudantado e, en consecuencia, á mellora do seu rendemento académico.

Sen subestimar esta valoración xeral, a experiencia destes anos, logo de culminar o proceso de implantación das titulacións de grao, aconsella introducir unha serie de cambios que permitan seguir avanzando na consecución dos mesmos obxectivos. En concreto, esta nova normativa, ademais de matizar a regulación previa sobre distintos réximes de dedicación do estudantado, a tiempo completo ou parcial, introduce elementos de flexibilidade que permiten que o progreso se realice de maneira máis lenta ou máis rápida en función do rendemento demostrado. Introdúcense, ademais medidas como o límite de catro convocatorias por materia en grao, entendendo que catro convocatorias con dúas oportunidades de avaliación por curso constitúen un número suficiente para cumprir o obxectivo de superación dunha materia. Inclúe, así mesmo, novos elementos nos criterios que regulan o abandono da titulación, que perseguen compaxinar o aproveitamento dos recursos públicos coa atención a estudantes con baixo rendemento académico. Neste sentido, unha novidade adicional consiste na creación da Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade, á cal se lle encomenda, entre outras funcións, observar o cumprimento e a mellora dos resultados das titulacións (eficiencia, abandono, graduación).

En definitiva, a experiencia dos últimos tres anos demanda introducir novos elementos co obxectivo de establecer criterios que consideren distintos niveis de rendemento que permitan progresións a distintos ritmos, ao tempo que favorezan o cumprimento dos obxectivos fixados nas memorias de verificación en canto ás taxas de graduación, abandono e eficiencia, e garantan un uso eficiente dos recursos públicos. Neste sentido, na súa elaboración, na cal participaron os diferentes sectores afectados, tívose en conta o informe sobre as normativas de permanencia nas universidades públicas publicado en 2012 pola Conferencia de Consellos Sociais e a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA).

Artigo 1. Do obxecto desta normativa

A presente norma ten por obxecto regular a permanencia e o progreso nos estudos oficiais de grao e máster universitario da Universidade de Vigo.

Artigo 2. Do ámbito de aplicación

1. Esta norma aplicaráselle só ao estudantado matriculado en estudos conducentes á obtención de títulos oficiais de grao e máster universitario na Universidade de Vigo.

2. Esta norma non se lle aplicará ao estudantado:

a) Matriculado en materias de titulacións oficiais ao abeiro de programas de formación continua ou noutros que non estean destinados a obter unha titulación oficial.

b) Procedente doutras universidades, acollido na Universidade de Vigo en virtude dos acordos de intercambio, mobilidade, dobre titulación ou en situación de libre mobilidade, que se rexerá, no que atinxe ao obxecto desta normativa, polo que se estableza no acordo, convenio ou normativa que o afecte.

3. No que atinxe aos créditos mínimos e máximos de matrícula, non se lle aplicará esta norma ao estudantado matriculado:

a) En titulacións conxuntas con outras universidades, que se rexerán polo que se estableza no convenio ou na memoria da titulación correspondente.

b) En dobres graos ou programas conxuntos de estudos oficiais de grao (PCEO) na Universidade de Vigo, que se rexerán pola súa normativa específica.

4. A simultaneidade de estudos regularase por unha normativa específica no que respecta ao número máximo de créditos matriculables.

Artigo 3. Dos réximes de permanencia

1. Establécense dous réximes de permanencia para o alumnado de grao ou de máster da Universidade de Vigo: a tempo completo e a tempo parcial.

2. O réxime de estudante a tempo completo é o ordinario do alumnado da Universidade de Vigo e supón unha matrícula igual ou superior a 48 ECTS, agás no caso do estudantado a que lle reste menos de 48 ETCS para rematar os seus estudos, que deberá matricularse de todos os créditos necesarios para obter o título.

3. O réxime de estudante a tempo parcial supón unha matrícula por curso académico igual ou superior a 18 ECTS e inferior a 48 ECTS, agás no caso do alumnado a que lle reste menos de 18 ETCS para rematar os seus estudos, que deberá matricularse de todos os créditos necesarios para obter o título.

A consideración de estudante a tempo parcial deberá ser expresamente solicitada no momento de matricularse na Universidade de Vigo e, de ser o caso, deberá renovarse en cada nova matriculación.

A solicitude de matrícula a tempo parcial deberá dirixirse ao órgano de Dirección do centro de adscrición da titulación. Esta será resolta polos órganos responsables da organización e do desenvolvemento dos estudos atendendo a circunstancias debidamente xustificadas de carácter laboral, familiar, por atención a persoas dependentes, por actividades deportivas de alto nivel ou por calquera outra circunstancia que o devandito órgano considere que poida impedir a dedicación plena aos estudos universitarios.

4. O alumnado con necesidades educativas específicas vinculadas ao rendemento académico, segundo especifica o Regulamento de atención ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo da Universidade de Vigo, poderá solicitar un réxime de permanencia adaptado, que supón unha matrícula igual ou superior a 6 ECTS ou unha materia. Para acollerse a esta posibilidade deberá presentar un informe expedido polo órgano competente e contar co visto e prace do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo.

Artigo 4. Do cambio de réxime de permanencia

O estudantado poderá solicitarlle ao órgano responsable da Dirección do centro a que estea adscrito a titulación o cambio de réxime de permanencia por causa sobrevida, debidamente xustificada, ata o período de modificación de matrícula do segundo cuadrimestre.

Artigo 5. Da permanencia do estudantado de grao

a) O alumnado de grao de primeiro curso e de novo ingreso deberá superar, polo menos, dúas materias ou 12 ECTS se está matriculado en réxime a tempo completo e unha materia ou 6 ECTS se está matriculado en réxime a tempo parcial.

b) O estudantado de grao que non supere os mínimos indicados no número anterior poderá continuar os seus estudos na mesma titulación da Universidade de Vigo, condicionado á superación no seguinte curso académico de, polo menos, 30 ECTS se está matriculado en réxime a tempo completo e 18 ECTS se está matriculado en réxime a tempo parcial. De non superalos, non poderá continuar os mesmos estudos na Universidade de Vigo.

c) No cómputo dos números anteriores non se terán en conta os créditos obtidos por recoñecemento.

d) O estudantado de grao con necesidades específicas de apoio educativo poderá solicitar un réxime de permanencia adaptado. Para estes efectos, facultarase a Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade de Vigo para valorar cada caso concreto.

Artigo 6. Da permanencia do estudantado de máster

1. O estudantado de máster de primeiro curso e de novo ingreso deberá superar, polo menos, tres materias ou 18 ECTS se está matriculado en réxime a tempo completo e dúas materias ou 12 ECTS se está matriculado en réxime a tempo parcial. De non superalos non poderá proseguir os seus estudos na mesma titulación da Universidade de Vigo.

2. No cómputo dos puntos anteriores non se terán en conta os créditos obtidos por recoñecemento.

3. O estudantado de máster con necesidades específicas de apoio educativo poderá solicitar un réxime de permanencia adaptado. Para estes efectos facultarase a Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade de Vigo para valorar cada caso concreto.

Artigo 7. Da matrícula máxima nos graos

1. O estudantado de novo ingreso a tempo completo deberá matricularse da totalidade dos créditos do plan de estudos para o primeiro curso ou, na súa falta, de 60 ECTS.

2. O estudantado en réxime a tempo completo que continúe estudos verá limitado o seu máximo de créditos ECTS matriculables polo seu rendemento demostrado (créditos superados) no curso académico previo en función da seguinte táboa, tendo en conta a planificación propia dos plans de estudos:

Núm. de créditos superados no curso

académico previo

Núm. máximo de créditos matriculables

Menos de 6 ECTS

60

De 6 a menos de 24 ECTS

66

De 24 a menos de 48 ECTS

72

48 ou máis ECTS

78

3. No cómputo do número máximo de créditos matriculables non se terán en conta os créditos obtidos por recoñecemento.

4. Ao estudantado de grao que lle reste para rematar os seus estudos un número menor ou igual a 84 ECTS poderá matricularse de ata 84 ECTS por remate de estudos, sen ter en conta calquera outra limitación estipulada na presente normativa.

5. No caso de rendementos académicos excepcionais, e tras a solicitude ao órgano de dirección do centro por parte da persoa afectada, os órganos competentes de cada centro poderán autorizar a ampliación dos créditos máximos de matrícula recollidos na presente normativa.

Artigo 8. Da matrícula máxima nos másters

1. O estudantado de novo ingreso a tempo completo deberá matricularse dun mínimo de 48 ECTS.

2. O estudantado dunha titulación de máster a réxime completo que continúe estudos poderá matricularse de ata 78 ECTS.

3. No caso dos plans de estudo de máster ou doutoramento que requiran a superación de complementos de formación, os créditos destes complementos non computarán para os efectos da matrícula máxima e mínima establecida para os másters.

4. No caso de rendementos académicos excepcionais, a comisión académica do máster, logo da solicitude por parte da persoa interesada, poderá autorizar a ampliación dos créditos máximos de matrícula recollidos na presente normativa.

Artigo 9. Da avaliación e das convocatorias

1. A formalización da matrícula nas titulacións oficiais de grao e de máster da Universidade de Vigo dará dereito, en cada curso académico, a unha única convocatoria con dúas oportunidades de avaliación, que se realizarán conforme o calendario académico aprobado ou a norma que corresponda.

2. O estudantado matriculado nunha titulación oficial de grao disporá de catro convocatorias para superar cada materia.

3. O estudantado matriculado nunha titulación oficial de máster disporá de dúas convocatorias para superar cada materia.

4. No cómputo das convocatorias para superar unha materia non se terán en conta aquelas en que figure a consideración de «non presentada/o» ou «non avaliada/o».

5. Unha vez esgotadas todas as posibles convocatorias dunha materia sen superala, o alumnado non poderá proseguir os seus estudos na mesma titulación da UVigo.

6. O estudantado de grao ao que lle reste un máximo de tres materias, sen incluír o traballo de fin de grao (TFG), para rematar a súa titulación non verá limitado o número máximo de convocatorias, agás que o plan de estudos se extinga.

7. A Universidade de Vigo establecerá en normativas específicas as condicións, requisitos e procedementos necesarios para avaliar e cualificar o estudantado, así como a regulación das convocatorias extraordinarias das materias ou dos traballos de fin de grao (TFG) e de fin de máster (TFM) e a avaliación por compensación, de acordo co establecido nos estatutos e no Regulamento de estudantes.

Artigo 10. Da continuidade excepcional nos estudos

1. Cando a aplicación desta normativa impida continuar os estudos por incumprimento dos requirimentos de progreso e permanencia, con carácter extraordinario, a Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade de Vigo poderá autorizar a continuidade nos estudos, por petición da persoa afectada, sempre que se dean causas de forza maior, suficientemente acreditadas, que afectasen o seu rendemento académico.

2. No caso de resolución desfavorable, que ten que ser motivada, a persoa interesada poderá recorrer de alzada ante o reitor ou reitora da Universidade de Vigo nun prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da devandita resolución.

Artigo 11. Da anulación da matrícula

1. O alumnado deberá presentar a solicitude de anulación total ou parcial da matrícula, motivada e acreditada, nos prazos establecidos na convocatoria de matrícula para cada curso académico. A súa estimación implicará a devolución do importe pagado en concepto de prezos públicos e, se é o caso, a exención do pagamento fraccionado dos prazos que correspondan, sempre que a solicitude se realice nos prazos previstos na convocatoria de matrícula correspondente a cada curso académico.

2. A anulación dunha materia matriculada, para os efectos de permanencia, terá a mesma consideración que se o estudantado non se tivese matriculado.

Artigo 12. Do traslado desde outras universidades e do cambio de estudos universitarios

Ao estudantado procedente doutras universidades e ao estudantado da Universidade de Vigo que desexe cambiar de titulación aplicaráselle a presente normativa, tomando como punto de inicio a súa matrícula na titulación na que resultare admitido. Este alumnado poderá matricularse nos mesmos termos que calquera estudante en continuidade de estudos segundo as condicións establecidas nesta normativa.

Artigo 13. Da Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade de Vigo

1. Constituirase na Universidade de Vigo unha Comisión de Permanencia e Progreso. A citada comisión velará pola aplicación racional dos criterios que regulan o progreso e a permanencia do estudantado na Universidade de Vigo, informará das solicitudes presentadas, resolverá os conflitos e as reclamacións que afecten os principios rexidos pola presente normativa e observará o axuste dos resultados do progreso e dos obxectivos fixados polas memorias de verificación dos títulos: taxas de graduación, abandono, eficiencia, éxito, etc., de xeito que se garanta a viabilidade e a calidade de cada unha das titulacións impartidas na Universidade de Vigo.

2. A Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade de Vigo estará composta por:

a) Presidencia:

A persoa responsable da vicerreitoría con competencias en materia de alumnado ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

A persoa responsable da vicerreitoría con competencias en materia de organización académica ou persoa en quen delegue.

A persoa responsable do Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao.

Tres persoas propostas polo reitor ou reitora e nomeadas polo Consello de Goberno entre as que desempeñan os cargos de directora, director, decana ou decano.

Dúas persoas propostas polo estudantado e nomeadas polo Consello de Goberno.

c) Secretaría:

A persoa responsable do Servizo de Xestión de Estudos de Grao.

Artigo 14. Da revisión e do seguimento da presente normativa

1. Anualmente, a Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade de Vigo elaborará un informe sobre o progreso e o rendemento académico do estudantado que será presentado no Consello de Goberno e que se dará a coñecer aos centros, para facilitar as tarefas de orientación e información cara ao alumnado.

2. O informe anual poderá establecer propostas de adaptación e revisión da citada normativa. O devandito informe publicarase na páxina web da Universidade de Vigo.

3. A presente normativa será revisada, referendada ou modificada, dependendo do caso, polo Consello de Goberno cada dous anos desde a súa entrada en vigor, do que se dará traslado ao Consello Social, no caso que proceda.

Disposición adicional primeira

A Universidade de Vigo, así como os seus respectivos centros e servizos, publicitarán esta normativa de permanencia e ofrecerán información sobre o seu efecto; e realizarán un labor de asesoramento para o estudantado e para o persoal de administración e servizos.

Disposición adicional segunda

Autorízase a Comisión de Permanencia e Progreso da Universidade de Vigo para ditar as disposicións e as instrucións precisas para desenvolver e aplicar o establecido na presente normativa, así como para adoptar as disposicións e as accións pertinentes ante situacións excepcionais non previstas nela. Esta comisión dará conta de tales disposicións ao Consello de Goberno.

Disposición adicional terceira

O estudantado matriculado no grao en Enxeñaría Mecánica do Centro Universitario da Defensa de Marín rexerase polo seu propio regulamento específico.

Disposición transitoria primeira

O estudantado da Universidade de Vigo que comezase os seus estudos oficiais de grao ou máster na Universidade de Vigo antes da entrada en vigor da presente normativa será sometido a esta, pero non se lle contabilizarán as convocatorias consumidas no seu historial académico universitario previo.

Disposición derradeira

A presente normativa entrará en vigor a partir do curso académico seguinte ao da súa aprobación polo Consello Social e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.