Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2017 Páx. 32043

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de xuño de 2017 pola que se aproba o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e do seu consello regulador común e se nomea o consello regulador provisorio.

O 18 de decembro de 1996 publicouse no Diario Oficial de las Comunidades Europeas o Regulamento (CE) nº 2400/1996 da Comisión, do 17 de decembro, polo que se inscribía a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega no Rexistro de denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas. Posteriormente o prego de condicións co que fora inscrita esta indicación xeográfica modificouse mediante o Regulamento de execución (UE) nº 1248/2013 da Comisión, do 28 de novembro, que se publicou no Diario Oficial de la Unión Europea do 4 de decembro.

Por Orde da Consellería do Medio Rural, do 13 de outubro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro, aprobouse o Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e do seu Consello Regulador, que ampara a carne e miúdos de gando vacún das tipoloxías tenreira e anello.

A carne de vacún amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é a máis característica e coñecida do noso país, o que motivou a súa regulación e protección a nivel comunitario mediante as citadas disposicións. Porén, outras carnes de vacún tamén tradicionais do noso territorio, cunha longa historia e tradición produtiva e cunha ampla traxectoria e reputación no mercado, tanto entre a distribución como na restauración, quedaron fóra do alcance da protección da normativa citada anteriormente. Entre elas, a máis prestixiada e típica da nosa comunidade é a carne procedente do gando vacún maior, coñecida como carne de vaca e de boi de Galicia.

Tendo en conta a súa importancia para o sector de vacún de carne galego e a necesidade de amparar o produto para poderlles garantir aos consumidores a súa orixe e calidade, os produtores e elaboradores mantiveron ao longo dos anos 2015 e 2016 varias reunións que frutificaron coa presentación ante a Consellería do Medio Rural, o 25 de maio de 2016, da solicitude para o recoñecemento da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia e a súa tramitación para obter o rexistro europeo. Esta solicitude foi presentada polo Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, que actuou como agrupación de produtores promotora da solicitude ao estar representadas no seu seo tanto as gandarías produtoras como as industrias cárnicas elaboradoras, mediante as organizacións profesionais agrarias de ámbito galego, a asociación que aglutina a maior parte das cooperativas agrarias galegas, as asociacións raciais e a asociación na que se integra a meirande parte do sector da industria cárnica galega.

De acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, o 22 de xullo de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 7 de xullo, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade á solicitude de inscrición no rexistro comunitario da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia. A seguir, o 9 de agosto publicouse tamén a dita resolución no Boletín Oficial del Estado. Tras estas publicacións, no prazo establecido non se presentou ningunha oposición ao citado rexistro. Posteriormente, o 31 de marzo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de marzo, da Consellería do Medio Rural, pola que se adopta a decisión favorable en relación coa solicitude de inscrición da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia no Rexistro comunitario de denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas. A continuación o expediente foi remitido ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para o seu traslado á Comisión Europea, que confirmou a súa recepción con data do 27 de abril de 2017 e asignoulle o número de referencia PGI-ES-02308.

De conformidade co anterior e de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de xaneiro, é necesario aprobar o regulamento desta nova indicación xeográfica, que necesariamente gardará coherencia coas especificacións do prego de condicións remitido á Comisión Europea. Ademais, tamén é necesaria unha actualización do regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, xa que no regulamento vixente, aprobado pola antes citada Orde do 13 de outubro de 2010, se debe facer algunha modificación para adecualo aos cambios realizados no prego de condicións, logo da aprobación do xa tamén citado Regulamento de execución (UE) nº 1248/2013 da Comisión, do 28 de novembro.

Por outra parte, a existencia da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, cunha xa longa traxectoria e a posta en marcha da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia, ambas as dúas encadradas no sector do vacún de carne, van motivar a creación dun único consello regulador, que se encargará da xestión e control das dúas indicacións xeográficas protexidas e que actuará baixo criterios de coordinación, aforro de custos e operatividade sectorial. Este novo órgano de goberno común, que se crea conforme a previsión recollida no artigo 16.2 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, vai ser o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que substituirá o actual Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e, polo tanto, subrogarase en todos os dereitos e obrigas que a este lle correspondan. A aprobación do novo regulamento de ambas as indicacións xeográficas e do seu consello regulador común é o obxecto principal desta orde.

Por outra parte, faise necesario designar, con carácter provisorio, os membros do pleno deste novo consello regulador, que serán os encargados da súa posta en marcha, conforme o establecido no artigo 4.2 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Este consello regulador provisorio encargarase da apertura dos rexistros para inscribir todos os gandeiros e industrias cárnicas interesadas en formar parte, ademais da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, tamén da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia. Os datos destes rexistros servirán de base para a elaboración dos censos, labor necesario para, no futuro, convocar as eleccións para a constitución dos órganos de goberno definitivos do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia.

Por iso, é obxecto tamén desta orde a designación dos membros do consello regulador provisorio que, segundo a proposta do sector, inclúe os actuais presidente e vogais do consello regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega aos que se suman dous vogais en representación específica da produción e da industrialización, respectivamente, da carne de vacún maior.

Segundo o anterior, tras a proposta do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, que actuou como agrupación de produtores interesada en representación do sector, e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación do Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia e do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia

Apróbase o Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia e do seu consello regulador común, o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que figura como anexo a esta disposición.

Artigo 2. Constitución do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia e nomeamento dos seus membros provisorios

1. Constitúese o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que se subroga nos dereitos e obrigas do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, ao cal substitúe.

2. Noméanse os membros do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, con carácter provisorio ata que se celebren eleccións na forma determinada pola normativa vixente.

Por proposta do sector interesado, queda formado da seguinte maneira:

Presidente: Jesús González Vázquez.

Vogais polo sector produtor:

– Reisanto, S.C. (vicepresidencia polo sector produtor).

– Hermanos González Rodríguez, S.C.

– Refol, S.C.

– Manuel Fernández Gallego.

– Coop. Agrogandeira de Sarreaus, S.C.G.

– Finca Idreira, S.L.

– Las Traviesas, S.L.

– Feiraco, S.C.G.

Vogais polo sector industrial:

– Industrias Cárnicas J. Taboada, S.A. (vicepresidencia polo sector industrial).

– Novafrigsa, S.A.

– Carniceros de La Coruña, S.A.

– Frigoríficos del Lea, S.L.

– Artesanos Gallegos de la Carne, S.L.

– Suministros Medina, S.L.

– Vego Supermercados, S.A.U.

– Frigoríficos Bandeira, S.L.

Disposición derrogatoria única. Derrogación da Orde do 13 de outubro de 2010

Queda derrogada a Orde da Consellería do Medio Rural, do 13 de outubro de 2010, pola que se aprobou o Regulamento da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e do seu Consello Regulador.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO
Regulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia e do seu consello regulador común, Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Base legal da protección

De acordo co disposto no Regulamento (UE) 1151/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparadas coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e coa indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia a carne e miúdos de gando vacún que reúnan as características especificadas neste Regulamento e cumpran na súa produción, elaboración e comercialización todos os requisitos exixidos nel, no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, nos respectivos pregos de condicións comunicados á Unión Europea e na lexislación vixente.

Artigo 2. Extensión da protección

1. A indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e a indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia quedan protexidas fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro; neste Regulamento e na demais normativa de aplicación.

2. A protección estenderase desde a produción a todas as fases de comercialización, presentación, publicidade e etiquetaxe, así como aos documentos comerciais dos produtos amparados polas anteditas indicacións xeográficas protexidas. A protección implica a prohibición de empregar calquera indicación falsa ou enganosa en canto á procedencia, á orixe, á natureza ou ás características esenciais dos produtos no envase ou na embalaxe, na publicidade ou nos documentos relativos a eles.

3. Os nomes protexidos polas citadas indicacións xeográficas protexidas non poderán ser empregados na designación, a presentación ou a publicidade dos produtos que non cumpran os requisitos exixidos nas citadas denominacións, aínda que tales nomes sexan traducidos a outras linguas ou vaian precedidos de expresións como «tipo», «estilo», «imitación» ou outras similares, nin aínda cando se indique a verdadeira orixe do produto. Non poderán empregarse tampouco expresións do tipo «producido en», «envasado en» ou outras análogas.

4. A protección aplícase aos nomes das denominacións «Tenreira Galega» e «Vaca e Boi de Galicia» en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como á súa tradución a outros idiomas.

Artigo 3. Órganos competentes

A defensa das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, a aplicación do seu Regulamento, a vixilancia do cumprimento deste, así como o control de calidade e a promoción e o fomento dos produtos amparados, quedan encomendados ao Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria, á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

O órgano de control e certificación dos produtos amparados polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia é un órgano integrado no Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que cumpre os requisitos sinalados no punto 1.b) do artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Para o exercicio das súas funcións, o órgano de control e certificación do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia disporá de persoal, previamente habilitado pola consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 4. Manual de calidade

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do pleno do Consello Regulador, o seu manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en diante manual de calidade, documento no que se recollerán as normas complementarias de aplicación das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, en particular as relativas á implementación dos respectivos procesos de control e certificación.

CAPÍTULO II
Indicación xeográfica protexida Ternera Gallega

Sección 1ª. Produción

Artigo 5. Zona de produción

A zona de nacemento, crianza e ceba do gando destinado á produción de carne apta para ser amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é o territorio de Galicia.

Artigo 6. Razas e cruzamentos aptos

O gando apto para subministrar a carne que será amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é das razas Rubia Galega e Morenas Galegas, así como dos cruzamentos entre si e tamén coas seguintes razas cárnicas: Asturiana de los Valles, Limusina e Rubia de Aquitania. Tamén son aptos os cruzamentos de machos de calquera das razas anteriores con femias das razas Frisona e Pardo Alpina.

Artigo 7. Alimentación

1. A alimentación do gando do que as súas carnes opten a seren amparadas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega adaptarase ás normas tradicionais de aproveitamento dos pastos, segundo as peculiaridades típicas que marcaron secularmente a produción cárnica galega e que están ligadas a factores xeográficos e sociolóxicos propios de Galicia.

2. Nas explotacións tradicionais de cría e ceba, a base da alimentación será o leite materno das vacas nais, que se poderá complementar con alimentos propios das explotacións (millo, nabos, patacas), forraxes e pensos autorizados polo Consello Regulador.

3. Nas explotacións de ceba, a alimentación basearase nas forraxes e pensos autorizados.

4. En todo caso, os pensos utilizados deben ser de orixe vexetal e estarán compostos por materias primas habituais na produción gandeira galega, dos seguintes grupos:

– Cereais e derivados.

– Oleaxinosas e derivados.

– Leguminosas e derivados.

– Tubérculos, raíces e derivados.

– Forraxes.

– Outros vexetais e derivados.

– Minerais.

– Varios (produtos e subprodutos de panadería e similares).

Na composición dos pensos predominarán os cereais, que deberán axustarse ás seguintes porcentaxes sobre o peso total do penso: un mínimo dun 60 % de grans de cereais en exclusiva, ou un mínimo dun 65 % de grans de cereais e os seus derivados. No caso dos concentrados destinados ás primeiras idades, estas porcentaxes poderanse reducir en cinco puntos. No manual de calidade poderanse recoller especificacións complementarias sobre os pensos utilizados.

5. Para o control dos pensos utilizados na alimentación dos animais inscritos na denominación, os fabricantes subministradores deberán subscribir co Consello Regulador un acordo polo que se comprometen ao cumprimento das especificacións relativas á alimentación. A listaxe dos fabricantes que asinen este acordo, así como as marcas dos pensos autorizados, incluiranse nunha base de datos que se actualizará periodicamente e estará a disposición dos produtores inscritos.

6. En todo caso, na alimentación queda expresamente prohibido o emprego de produtos que poidan interferir no ritmo normal de crecemento e desenvolvemento do gando, así como o emprego de derivados de animais reciclados.

Artigo 8. Instalacións, hixiene e manexo

1. As instalacións de cría e ceba deben dispoñer de espazo suficiente, de maneira que os animais teñan liberdade de movementos para a realización das súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas. Os materiais utilizados na construción dos recintos e dos equipos cos que os tenreiros poidan estar en contacto non deberán causar dano aos animais.

2. Nas explotacións respectaranse as prácticas gandeiras que promovan a protección do ambiente e que favorezan o benestar dos animais, así como as boas condicións hixiénico-sanitarias, de acordo coa tradición cárnica galega e co establecido na lexislación vixente.

3. Nos sistemas de produción semiextensivos e extensivos orientados á produción cárnica de Ternera Gallega Suprema será necesario realizar un acabado dos animais, durante un período mínimo de dous meses, no cal se recomenda o encortellamento.

4. No manual de calidade poderanse recoller normas complementarias sobre o manexo dos animais nas gandarías e nos cebadeiros inscritos, co fin de respectar as prácticas tradicionais na cría e ceba do gando e fomentar a produción de carne de calidade.

Artigo 9. Control de tratamentos

1. Os tratamentos terapéuticos administrados aos animais deberán constar nos rexistros establecidos na lexislación vixente e respectaranse os períodos de supresión correspondentes.

2. Está prohibido utilizar durante o proceso de produción calquera tipo de substancia ou produto que alteren o ritmo normal de cría e ceba dos animais ou que poidan facer as carnes nocivas para a saúde humana, de acordo co que dispón a lexislación vixente ao respecto.

3. O órgano de control e certificación do Consello Regulador poderá efectuar controis periódicos sobre a documentación relativa á situación sanitaria dos animais e das explotacións e ao cumprimento dos períodos de supresión dos tratamentos terapéuticos.

Artigo 10. Rexistro dos animais

1. As reses pertencentes a unha explotación gandeira inscrita nos rexistros do Consello Regulador identificaranse individualmente.

2. A identificación farase mediante o sistema oficial adoptado pola Administración, engadíndolle un distintivo específico, de acordo co que se recolla no manual de calidade. No momento do rexistro estenderase unha acta na que figurarán os datos relativos á explotación e a cada animal.

3. O rexistro dos animais será realizado polo órgano de control e certificación do Consello Regulador. Os interesados deberán solicitalo nos noventa primeiros días de vida dos animais.

4. O rexistro de animais de Ternera Gallega e de Ternera Gallega Suprema nas gandarías realizarase de forma diferenciada.

5. As modificacións, perdas ou deterioración da identificación dos animais deberanse comunicar, no momento no que o titular da explotación teña coñecemento do feito, ao órgano de control e certificación do Consello Regulador, que efectuará a súa regularización na explotación titular das reses.

6. A incorporación dun animal, previamente rexistrado noutra explotación, poñerase en coñecemento do órgano de control e certificación do Consello Regulador antes de que transcorran dez días naturais despois do feito. Os inspectores da denominación encargaranse da actualización dos datos nos rexistros.

7. As carnes procedentes daquelas reses que non figuren identificadas e rexistradas como se establece neste artigo non poderán ser amparadas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

Artigo 11. Tipos de animais amparados

Considerando a idade, a alimentación e o sistema de produción antes do sacrificio, distínguense os seguintes tipos de animais:

a) Tenreira: animais procedentes de explotacións inscritas, que se sacrifican con menos de dez meses de idade. Diferéncianse:

– Tenreira galega suprema: animais que se crían en explotacións con vacas nais e que se aleitaron ata o seu sacrificio ou, como mínimo, durante os seus primeiros sete meses de vida. A súa alimentación complementarase de acordo co disposto no artigo 7 deste Regulamento.

– Tenreira galega: animais que se destetan a diferentes idades e que teñen a base da súa alimentación nas forraxes e nos pensos expresamente autorizados polo Consello Regulador, de acordo co fixado no artigo 7.

b) Anello: animais procedentes de explotacións inscritas, que se sacrifican con dez ou máis meses de idade e menos de dezaoito. Na súa alimentación terase en conta o establecido no artigo 7 anterior.

Sección 2ª. Elaboración e comercialización

Artigo 12. Zona de elaboración

A zona de elaboración das carnes aptas para seren amparadas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega é o territorio de Galicia, sen prexuízo do establecido nos artigos 19 e 21 deste Regulamento.

Artigo 13. Transporte do gando

O transporte do gando ao matadoiro realizarase en vehículos axeitados, de forma que os animais apenas sufran estrés, alteracións ou molestias que poidan afectar o seu benestar ou integridade física, de acordo coas normas que regulan esta actividade.

Artigo 14. Sacrificio

1. O sacrificio realizarase nos matadoiros inscritos no correspondente rexistro do Consello Regulador e respectarase a normativa vixente en materia de benestar animal. No manual de calidade poderanse recoller normas complementarias ao respecto.

2. Os animais pertencentes ás gandarías inscritas deberán chegar ao matadoiro coa identificación a que se refire o artigo 10 deste Regulamento.

3. No sacrificio dos animais, no despezamento e na manipulación das carnes frescas terase en conta o establecido na lexislación vixente aplicable.

4. O almacenamento das canais certificadas farase de forma que non se confundan con outras canais non certificadas.

5. En todo momento debe ser posible relacionar a canal co animal do que procede.

Artigo 15. Etiquetaxe das canais e dos miúdos

1. A certificación e a etiquetaxe das canais e dos miúdos realizarase nos matadoiros inscritos onde teña lugar o sacrificio dos animais, para o que se colocarán as contraetiquetas correspondentes, expedidas polo Consello Regulador. Non se admite en ningún caso a súa reutilización.

2. O manual de calidade recollerá o sistema de certificación e etiquetaxe das canais e miúdos que vaian ser protexidos, de forma que se manteña en todo momento a súa rastrexabilidade, así como os modelos de contraetiquetas e os procedementos para a súa aplicación.

3. Cada categoría comercial da carne e miúdos amparada, tal como se definen no artigo 20 deste Regulamento, terá un modelo específico de contraetiqueta que se aplicará sobre o produto. Estas contraetiquetas conteñen, ademais das mencións obrigatorias, as seguintes: identificación e logotipo da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, logotipo europeo das indicacións xeográficas protexidas e datos de rastrexabilidade.

4. Ademais das contraetiquetas aplicadas sobre o produto, cada media canal vai acompañada dun certificado que achega información sobre a explotación de procedencia, identificación e tipoloxía do animal, idade e data de sacrificio, matadoiro, peso da canal e clasificación conforme ao modelo da Unión Europea de clasificación de canais de vacún.

5. Co obxecto de organizar os labores de inspección, etiquetaxe, certificación e control nas industrias inscritas, o Consello Regulador poderá definir, respectando os correspondentes procedementos do manual de calidade, os días e os horarios nos que se realizarán as actividades citadas, en función do número de canais e da localización das instalacións.

6. A carne amparada poderase comercializar en canal, medias canais, cuartos, pezas, fileteada e ao corte; en calquera caso sempre debidamente identificada e etiquetada.

Artigo 16. Refrixeración

1. As carnes frescas refrixeraranse inmediatamente despois da inspección post mortem e manteranse ás temperaturas establecidas pola lexislación vixente.

2. As canais e medias canais, os cuartos, as pezas de carne e as súas porcións presentaranse refrixeradas. No caso de que sufran procesos de conxelación perderán a protección da indicación xeográfica protexida. Os operadores que efectúen a conxelación deberán adoptar as medidas pertinentes para impedir a comercialización desa carne baixo o abeiro da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e que non haxa confusión do destinatario.

Artigo 17. Despezamento

1. O despezamento das canais certificadas realizarase nas salas de despezamento inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador e non poderá ter lugar, como mínimo, ata o día seguinte ao de sacrificio.

2. O despezamento das canais e os cortes das pezas amparadas coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega non poderá ser simultáneo co doutras canais e pezas non amparadas.

3. A rastrexabilidade será ao individuo, tanto no cuarteo como no despezamento.

4. O almacenamento das pezas certificadas realizarase de forma que non conduza a confusións con outras pezas e as súas porcións non amparadas.

5. A carne certificada, unha vez despezada polas industrias inscritas no Consello Regulador, será expedida en embalaxes que a protexan de contaminación externa e irá debidamente etiquetada.

6. As pezas irán provistas dunha contraetiqueta, expedida polo Consello Regulador, que se colocará nas salas de despezamento inscritas. Non se admite en ningún caso a reutilización destas contraetiquetas.

Artigo 18. Maduración

1. As carnes amparadas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega non poderán ser comercializadas ao consumidor, como mínimo, ata o día seguinte ao de sacrificio. Correspóndelle aos operadores que as comercialicen adoptar as medidas pertinentes para o seu cumprimento.

2. No manual de calidade poderanse fixar períodos mínimos de maduración diferenciados para as canais, cuartos ou pezas protexidas, segundo as categorías comerciais que se establecen no artigo 20 deste Regulamento e o seu uso.

Artigo 19. Fileteado

1. A carne certificada poderá ser fileteada, envasada e etiquetada nas industrias cárnicas inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador ou tamén nos establecementos específicos dos puntos de venda finais, sempre que previamente tivesen asinado un acordo de colaboración co Consello Regulador para o control, a etiquetaxe e a comercialización das carnes protexidas, de acordo co establecido no artigo 21 deste Regulamento.

2. O corte e fileteado da carne amparada coa indicación xeográfica protexida Ternera Gallega non poderá ser simultáneo co doutras carnes non amparadas. Manterase a súa rastrexabilidade e levaranse os rexistros fixados na lexislación vixente, así como o que se especifique no manual de calidade da denominación.

3. No fileteado para venda en libre servizo, a rastrexabilidade poderá ser ao lote, definindo o lote de fileteado como aquel que se obtén de pezas amparadas baixo a protección da indicación xeográfica protexida, procedentes dun máximo de tres matadoiros ou salas de despezamento, dunha mesma categoría comercial, tal como se definen no artigo 20 deste Regulamento, sen que exceda a produción dun día.

4. O almacenamento da carne fileteada realizarase de forma que non conduza a confusión con carnes non protexidas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

5. As pezas certificadas que sexan fileteadas serán expedidas en envases que as protexan de contaminación externa.

6. Os envases irán provistos dunha contraetiqueta numerada, expedida polo Consello Regulador, que se colocará nas salas de despezamento inscritas ou nos establecementos específicos dos puntos de venda finais que asinaran o acordo de colaboración co Consello Regulador, segundo se estipula no artigo 21 deste Regulamento. Non se admite en ningún caso a reutilización destas contraetiquetas.

Artigo 20. Categorías comerciais

1. De acordo cos tipos de animais recollidos no artigo 11 deste Regulamento, establécense as seguintes categorías comerciais da carne amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega:

a) Tenreira galega suprema/Ternera gallega suprema.

b) Tenreira galega/Ternera gallega.

c) Anello/Añojo.

2. Cada categoría comercial de carne amparada terá un modelo específico de etiquetas. Os modelos de etiquetas e os procedementos para a súa aplicación recolleranse no manual de calidade. Non se admite en ningún caso a súa reutilización.

Artigo 21. Acordos de colaboración para o control do fileteado e da comercialización

De acordo co establecido no punto 3 do artigo 70 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, o Consello Regulador poderá establecer acordos de colaboración con operadores non inscritos para facilitar a comercialización das carnes, nos que se establecerán as condicións para o corte e fileteado de pezas, incluso fóra da área de elaboración, xunto cos compromisos asumidos e as responsabilidades derivadas, de xeito que, baixo a supervisión do órgano de control e certificación do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, se garanta a calidade, a orixe e a rastrexabilidade das carnes comercializadas baixo o amparo da Indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

No manual de calidade recolleranse as especificacións para a elaboración destes acordos de colaboración.

Sección 3ª. Características da carne

Artigo 22. Conformación, grao de engraxamento e pH

1. A conformación das canais para cada unha das categorías comerciais ás que se refire o artigo 20 deste Regulamento é a que se detalla de seguido:

a) Tenreira (tenreira galega e tenreira galega suprema): S, E, U, R e O+.

No caso de canais procedentes das razas Morenas Galegas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), non se considera a conformación das canais como condición para a súa certificación.

b) Anello: S, E, U e R.

2. O grao de engraxamento das canais para cada unha das categorías comerciais ás que se refire o artigo 20 deste Regulamento é o que se detalla a continuación:

a) Tenreira (tenreira galega e tenreira galega suprema): machos 3 e 2; femias 4, 3 e 2.

b) Anello: 4, 3 e 2.

3. As industrias cárnicas inscritas na denominación terán en conta as condicións de pH das canais previamente á súa comercialización baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, respectando, en todo caso, o establecido na lexislación vixente aplicable sobre as carnes de calidade.

Artigo 23. Características organolépticas

Historicamente en Galicia o sacrificio da maioría dos tenreiros realízase con menos de dez meses de idade, o que proporciona en xeral canais de pouco peso, cunha carne de características organolépticas claramente diferenciadas en canto a cor, textura, tenrura, zumarencia e sabor cárnico suave.

As características organolépticas da carne amparada pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega para cada unha das categorías comerciais existentes, son as seguintes:

a) Tenreira galega suprema: esta carne ten unha cor de rosa clara a vermella, con graxa que vai desde unha cor branca anacarada a un amarelo suave e de textura cremosa. O gran do músculo é fino e de consistencia firme.

b) Tenreira galega: carne cunha cor de rosa a vermella suave, con graxa de cor branca anacarada e distribución homoxénea, músculo de gran fino e de consistencia firme.

c) Anello: carne cunha cor que vai desde vermella suave a vermella intensa, con graxa de cor branca anacarada cun ton amarelo suave. O músculo é de consistencia firme e magro.

CAPÍTULO III
Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia

Sección 1ª. Produción

Artigo 24. Zona de produción

A zona de nacemento, crianza e engorda do gando destinado á produción de carne apta para ser amparada pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia é o territorio de Galicia.

Artigo 25. Razas e cruces aptos

O gando apto para subministrar a carne que será amparada pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia é o das principais razas existentes en Galicia: Rubia Galega, Morenas Galegas, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania, Frisona e Pardo Alpina, ben sexa en pureza ou cruzadas entre si.

Artigo 26. Alimentación

1. A alimentación das reses ao longo da súa vida produtiva baséase no pastoreo, no consumo de forraxes en fresco (herba, cereais) e conservados (silo, feo), e no aproveitamento doutros recursos propios das explotacións (sobre todo cereais gran, patacas e nabos), complementados, de ser necesario, con palla e pensos compostos.

2. Tendo en conta que o estado de carnes dos animais e o grao de engraxamento das canais inflúen positivamente na calidade da carne amparada, antes do sacrificio é recomendable realizar un período de acabamento mínimo de seis meses para completar a engorda. Co obxectivo de acadar o grao de engraxamento mínimo establecido no artigo 41 deste Regulamento para cada categoría comercial, corresponde aos gandeiros adaptar a ración en función do estado fisiolóxico dos animais, do seu apetito e da capacidade de inxesta.

3. Durante este período, para o pastoreo utilizaranse os mellores prados pola súa dispoñibilidade de herba e composición botánica de gramíneas e leguminosas de alta calidade, mentres que para a alimentación no establo empregaranse forraxes, tanto en fresco (herba de boa calidade florística) como conservadas (preferentemente silo de millo e pastone). En calquera caso, para lograr un maior aporte enerxético, poderase complementar a ración alimenticia, sobre todo con fariñas de cereais, patacas e nabos, e con pensos compostos autorizados de orixe vexetal que cumpran as condicións establecidas polo Consello Regulador e demais especificacións complementarias recollidas no manual de calidade.

4. Respectando a tradición cárnica dos gandeiros galegos, neste período recoméndase estabular os animais ou, cando menos, limitar os seus desprazamentos no campo e utilizar comedeiros móbiles para poder complementar a súa ración.

5. As forraxes empregadas procederán da área xeográfica da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia polo menos nun 80 %. Todos os alimentos, así como as materias primas utilizadas para a súa elaboración, deberán ser habituais na produción gandeira galega e pertencer aos seguintes grupos:

– Cereais e derivados.

– Oleaxinosas e derivados.

– Leguminosas e derivados.

– Tubérculos, raíces e derivados.

– Forraxes.

– Outros vexetais e derivados.

– Minerais.

– Varios (produtos e subprodutos de panadáría e similares).

6. Para o control dos pensos compostos utilizados na alimentación dos animais inscritos na denominación, os fabricantes subministradores deberán subscribir co Consello Regulador un acordo polo que se comprometen ao cumprimento das especificacións relativas á alimentación. A listaxe dos fabricantes que asinen este acordo, así como as marcas dos pensos autorizados, incluiranse nunha base de datos que se actualizará periodicamente e estará á disposición dos produtores inscritos.

7. En todo caso, na alimentación queda expresamente prohibido o emprego de produtos que poidan interferir no ritmo normal de engorda das reses, así como o emprego de derivados de animais reciclados.

Artigo 27. Instalacións, hixiene e manexo

1. As instalacións onde se engorden as reses deben dispoñer de espazo suficiente, de maneira que os animais teñan liberdade de movementos para a realización das súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas. Os materiais utilizados na construción dos recintos e dos equipos cos que o gando poida estar en contacto non deberán causar dano aos animais.

2. Nas explotacións respectaranse as prácticas gandeiras que promovan a protección do ambiente e que favorezan o benestar dos animais, así como as boas condicións hixiénico-sanitarias, de acordo coa tradición cárnica galega e co establecido na lexislación vixente.

3. No manual de calidade poderanse recoller normas complementarias sobre o manexo dos animais nas gandarías e nos cebadeiros inscritos, co fin de respectar as prácticas tradicionais na engorda do gando e fomentar a produción de carne de calidade.

Artigo 28. Control de tratamentos

1. Os tratamentos terapéuticos administrados aos animais deberán constar nos rexistros previstos na lexislación aplicable. Os períodos de supresión destes tratamentos antes do sacrificio serán o dobre do establecido na lexislación vixente, e en todo caso, nunca serán inferiores a trinta días naturais.

2. Está prohibido utilizar durante o período de acabado calquera tipo de substancia ou produto que alteren o ritmo normal da engorda dos animais ou que poidan facer as carnes nocivas para a saúde humana, de acordo co que dispón a lexislación vixente ao respecto.

3. O órgano de control e certificación do Consello Regulador poderá efectuar controis periódicos sobre a documentación relativa á situación sanitaria dos animais e das explotacións e ao cumprimento dos períodos de supresión dos tratamentos terapéuticos.

Artigo 29. Rexistro dos animais

1. As reses pertencentes a unha explotación gandeira inscrita nos correspondentes rexistros do Consello Regulador identificaranse individualmente.

2. A identificación farase mediante o sistema oficial adoptado pola Administración, engadíndolle un distintivo específico, de acordo co que se recolla no manual de calidade. No momento do rexistro estenderase unha acta na que figurarán os datos relativos á explotación e a cada animal.

3. O rexistro dos animais será realizado polo órgano de control e certificación do Consello Regulador. Os interesados deberán solicitalo como mínimo seis meses antes do sacrificio das reses.

4. As modificacións, perdas ou deterioración da identificación dos animais deberanse comunicar ao órgano de control e certificación do Consello Regulador, que efectuará a súa regularización na explotación titular das reses.

5. A incorporación dun animal, previamente rexistrado noutra explotación, poñerase en coñecemento do órgano de control e certificación do Consello Regulador antes de que transcorran dez días naturais despois do feito. Os inspectores da denominación encargaranse da actualización dos datos nos rexistros.

6. As carnes procedentes daquelas reses que non figuren identificadas e rexistradas como se establece neste artigo non poderán ser amparadas pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia.

Artigo 30. Tipos de animais amparados

Considerando o sexo, a idade e o sistema de produción antes do sacrificio, distínguense os seguintes tipos de animais:

a) Vaca: femia que tivo polo menos unha xestación antes do sacrificio.

b) Boi: macho castrado antes do ano de vida e que supera os 48 meses de idade ao sacrificio.

Sección 2ª. Elaboración e comercialización

Artigo 31. Zona de elaboración.

A zona de elaboración das carnes aptas para seren amparadas pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia é o territorio de Galicia, sen prexuízo do establecido nos artigos 38 e 40 deste Regulamento.

Artigo 32. Transporte do gando

O transporte do gando ao matadoiro realizarase en vehículos axeitados, de forma que os animais apenas sufran estrés, alteracións ou molestias que poidan afectar o seu benestar ou integridade física, de acordo coas normas que regulan esta actividade.

Artigo 33. Sacrificio

1. O sacrificio realizarase nos matadoiros inscritos no correspondente rexistro do Consello Regulador e respectarase a normativa vixente en materia de benestar animal. No manual de calidade poderanse recoller normas complementarias ao respecto.

2. Os animais pertencentes ás gandarías inscritas deberán chegar ao matadoiro coa identificación a que se refire o artigo 29 deste Regulamento.

3. No sacrificio dos animais, no despezamento e na manipulación das carnes frescas terase en conta o establecido na lexislación vixente aplicable.

4. O almacenamento das canais certificadas farase de forma que non se confundan con outras canais non certificadas.

5. En todo momento debe ser posible relacionar a canal co animal do que procede.

Artigo 34. Etiquetaxe das canais e dos miúdos

1. A certificación e a etiquetaxe das canais e dos miúdos realizarase nos matadoiros inscritos onde teña lugar o sacrificio dos animais, para o que se colocarán as contraetiquetas correspondentes, expedidas polo Consello Regulador. Non se admite en ningún caso a súa reutilización.

2. O manual de calidade recollerá o sistema de certificación e etiquetaxe das canais e miúdos que vaian ser protexidos, de forma que se manteña en todo momento a súa rastrexabilidade, así como os modelos de contraetiquetas e os procedementos para a súa aplicación.

3. Cada categoría comercial da carne e miúdos amparada, tal como se definen no artigo 39 deste Regulamento, terá un modelo específico de contraetiqueta que se aplicará sobre o produto. Estas contraetiquetas conteñen, ademais das mencións obrigatorias, as seguintes: identificación e logotipo da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia, logotipo europeo das indicacións xeográficas protexidas e datos de rastrexabilidade.

4. Ademais das contraetiquetas aplicadas sobre o produto, cada media canal, cuarto e/ou despezamento maior van acompañados dun certificado que achega información sobre a explotación de procedencia, identificación e tipoloxía do animal, idade e data de sacrificio, matadoiro, peso da canal, clasificación conforme o modelo da Unión Europea e maduración do produto.

5. Co obxecto de organizar os labores de inspección, etiquetaxe, certificación e control nas industrias inscritas, o Consello Regulador poderá definir, respectando os correspondentes procedementos do manual de calidade, os días e os horarios nos que se realizarán as actividades citadas, en función do número de canais e da localización das instalacións.

6. A carne amparada poderase comercializar en canal, medias canais, cuartos, pezas, fileteada e ao corte, en calquera caso sempre debidamente identificada e etiquetada.

Artigo 35. Refrixeración

1. As carnes frescas refrixeraranse inmediatamente despois da inspección post mortem e manteranse ás temperaturas establecidas pola lexislación vixente.

2. As canais, os cuartos, así como o lombo e as demais pezas certificadas que se destinan ao fileteado e á venda ao corte presentaranse refrixeradas. No caso de que sufran procesos de conxelación perderán a protección da indicación xeográfica protexida. Os operadores que efectúen a conxelación deberán adoptar as medidas pertinentes para impedir a comercialización desa carne baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia e que non haxa confusión do destinatario.

3. As pezas que se destinen para o seu uso como ingrediente en produtos elaborados poderanse someter a procesos de conservación previos, sempre que se xustifique que son necesarios para o seu correcto aproveitamento e que favorezan as cualidades do produto final obtido.

Artigo 36. Despezamento

1. O despezamento das canais certificadas efectuarase nas salas de despezamento inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador, xeralmente a partir do día seguinte ao de sacrificio.

2. O despezamento das canais e os cortes das pezas amparadas coa indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia non poderá ser simultáneo co doutras canais e pezas non amparadas.

3. A rastrexabilidade no cuarteo e no despezamento será ao individuo. No caso de pezas que se vaian usar como ingrediente en produtos elaborados, poderá ser ao lote.

4. O almacenamento das pezas certificadas realizarase de forma que non conduza a confusións con outras pezas e as súas porcións non amparadas.

5. A carne certificada, unha vez despezada polas industrias inscritas no Consello Regulador, será expedida en embalaxes que a protexan de contaminación externa e irá debidamente etiquetada.

6. As pezas irán provistas dunha contraetiqueta, expedida polo Consello Regulador, que se colocará nas salas de despezamento inscritas. Non se admite en ningún caso a reutilización destas contraetiquetas.

Artigo 37. Maduración

1. A maduración forma parte do proceso de obtención da carne amparada pola denominación. Realizarase en instalacións axeitadas e, en función das distintas pezas e usos comerciais, establécense os seguintes períodos de maduración:

– Lombo: período mínimo de maduración de quince días, desde o sacrificio.

– Pezas destinadas ao fileteado e á venda ao corte ao consumidor (excepto lombo): período mínimo de maduración de sete días, desde o sacrificio.

– Pezas destinadas ao uso como ingrediente en produtos elaborados: non se exixe un período mínimo de maduración.

2. Para a comercialización das carnes amparadas pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia, deberanse respectar, cando menos, os períodos mínimos de maduración establecidos. De non ser así, as devanditas carnes perderán a protección da indicación xeográfica protexida. Os operadores que incumpran os citados períodos mínimos de maduración desta carne deberán adoptar as medidas pertinentes para impedir a súa comercialización baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia e que non haxa confusión do destinatario.

Artigo 38. Fileteado

1. A carne certificada poderá ser fileteada, envasada e etiquetada nas industrias cárnicas inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador ou tamén nos establecementos específicos dos puntos de venda finais, sempre que previamente asinasen un acordo de colaboración co Consello Regulador para o control, a etiquetaxe e a comercialización das carnes protexidas, de acordo co establecido no artigo 40 deste Regulamento.

2. O corte e fileteado da carne amparada coa indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia non poderá ser simultáneo co doutras carnes non amparadas. Manterase a súa rastrexabilidade e levaranse os rexistros fixados na lexislación vixente, así como o que se especifique no manual de calidade da denominación.

3. No fileteado para venda en libre servizo a rastrexabilidade poderá ser ao lote, definindo o lote de fileteado como aquel que se obtén de pezas amparadas baixo a protección da indicación xeográfica protexida, procedentes dun máximo de tres matadoiros ou salas de despezamento, dunha mesma categoría comercial tal como se definen no artigo 39 deste Regulamento, sen que exceda a produción dun día.

4. O almacenamento da carne certificada realizarase de forma que non conduza a confusións con outras carnes non protexidas pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia.

5. As pezas certificadas que sexan fileteadas serán expedidas en envases que as protexan de contaminación externa.

6. Os envases irán provistos dunha contraetiqueta numerada, expedida polo Consello Regulador, que se colocará nas salas de despezamento inscritas ou nos establecementos específicos dos puntos de venda finais que asinasen o acordo de colaboración co Consello Regulador, segundo se estipula no artigo 40 deste Regulamento. Non se admite en ningún caso a reutilización destas contraetiquetas.

Artigo 39. Categorías comerciais

1. De acordo cos tipos de animais recollidos no artigo 30 deste Regulamento, establécense as seguintes categorías comerciais da carne amparada pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia:

a) Vaca galega/Vaca gallega.

b) Boi galego/Buey gallego.

2. Cada categoría comercial da carne amparada terá un modelo específico de etiquetas. Os modelos de etiquetas e os procedementos para a súa aplicación recolleranse no manual de calidade. Non se admite en ningún caso a súa reutilización.

Artigo 40. Acordos de colaboración para o control do fileteado e da comercialización

De acordo co establecido no punto 3 do artigo 70 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, o Consello Regulador poderá establecer acordos de colaboración con operadores non inscritos para facilitar a comercialización das carnes, nos que se establecerán as condicións para o corte e fileteado de pezas, incluso fóra da área de elaboración, xunto cos compromisos asumidos e as responsabilidades derivadas, de xeito que, baixo a supervisión do órgano de control e certificación do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, se garanta a calidade, a orixe e a rastrexabilidade das carnes comercializadas baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia.

No manual de calidade recolleranse as especificacións para a elaboración destes acordos de colaboración.

Sección 3ª. Características da carne

Artigo 41. Conformación, grao de engraxamento e pH

1. A conformación das canais para cada unha das categorías comerciais ás que se refire o artigo 39 deste Regulamento é a que se detalla a continuación:

a) Vaca Galega: E, U, R e O (excepto O-).

No caso de canais procedentes das razas Morenas Galegas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), non se considera a conformación das canais como condición para a súa certificación.

b) Boi Galego: E, U e R.

2. O grao de engraxamento das canais para cada unha das categorías comerciais ás que se refire o artigo 39 deste Regulamento é o que se detalla a continuación:

a) Vaca Galega: 5, 4 e 3.

b) Boi Galego: 5 e 4.

3. As industrias cárnicas inscritas na denominación terán en conta as condicións de pH das canais previamente ao seu proceso de certificación baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia, respectándose, en todo caso, o establecido na lexislación vixente aplicable ás carnes de calidade.

4. Poderase utilizar a mención «Selección» na etiquetaxe da carne amparada por esta indicación xeográfica protexida, procedente de canais tanto de vaca como de boi, que destaquen polo seu entrefebrado e graxa de cor amarela laranxada, e que reúnan as seguintes condicións de conformación e engraxamento:

– Conformación das canais: E, U e R.

– Grao de engraxamento: 5 e 4 (excepto 4-).

Artigo 42. Características organolépticas

A ceba esmerada, onde se combinan o coidado dos animais co exercicio moderado e a alimentación no pasto e na corte, típica de Galicia e xeralizada en todo o territorio tal como se pode documentar dende hai séculos, é o proceso clave para a calidade final da carne das vacas e bois galegos e as súas características organolépticas claramente diferenciadas en canto a textura, suculencia, recendo a manteiga animal e sabor cárnico amplo e persistente típico do vacún maior.

As características organolépticas da carne amparada pola indicación xeográfica protexida Vaca e Boi de Galicia, para cada unha das categorías comerciais existentes, son as seguintes:

a) Vaca galega: esta carne é de cor vermella a cor vermella cereixa, marmoreada e cun entrefebrado fino, con graxa de cor entre branca cremosa e amarelenta, de textura firme e gran consistente ao tacto.

b) Boi galego: esta carne é de cor vermella a vermella púrpura, cun marcado entrefebrado, graxa de cor entre branca anacarada e amarela, de textura firme e gran consistente ao tacto.

CAPÍTULO IV
Control e certificación

Artigo 43. O órgano de control e certificación

1. O órgano de control e certificación constitúese e intégrase no seo do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de vacún de Galicia. O dito órgano realizará o control e a certificación dos produtos amparados polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia.

2. O órgano de control e certificación do Consello Regulador actuará con autonomía dos seus órganos de goberno, de acordo co establecido no punto 1.b) do artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

3. O órgano de control e certificación do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia disporá de persoal, con funcións inspectoras e de control, que serán habilitados pola consellería competente en materia de agricultura e que actuarán baixo a dirección da persoa que exerza a dirección técnica.

Artigo 44. Actividade dos inspectores do órgano de control e certificación

1. De acordo co que se establece no artigo 54 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, no exercicio das súas funcións, o persoal do órgano de control e certificación do Consello Regulador que estea habilitado pola consellería competente en materia de agricultura e realice actuacións de inspección, terá a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera Administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de consumidores. Así mesmo, poderá solicitar a axuda que precise das forzas e corpos de seguridade.

2. Cando, no exercicio das súas funcións, o persoal inspector do órgano de control e certificación do Consello Regulador que estea habilitado pola consellería competente en materia de agricultura detecte irregularidades ou non conformidades que poidan ser constitutivas de infracción, os feitos serán postos en coñecemento da devandita consellería para o inicio, se procede, do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 45. O comité de partes

1. Para garantir a súa imparcialidade e independencia no proceso de certificación, o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia contará co apoio do comité de partes, constituído por persoas expertas, en representación dos sectores significativamente interesados no devandito proceso, de acordo co establecido na norma UNE-EN-ISO/IEC 17065.

2. O comité de partes do Consello Regulador estará formado por cinco membros, cada un deles en representación dos seguintes sectores:

– Produtores de vacún de carne.

– Industrias cárnicas.

– Distribución.

– Consumidores.

– Administración competente en materia de calidade agroalimentaria.

O comité de partes contará coa asistencia dun secretario, con voz pero sen voto, que será o do Consello Regulador. Tamén poderá contar cos asesoramentos técnicos que coide necesarios.

3. As funcións do comité de partes do Consello Regulador son:

a) Supervisar, revisar e validar as decisións sobre a certificación adoptadas polo director técnico.

b) Participar na revisión e actualización do sistema de calidade do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia.

c) Actuar como órgano consultivo do pleno do Consello Regulador en materia de certificación.

d) Participar na planificación e desenvolvemento de novos proxectos, actuacións e programas para a mellora do control e a certificación da carne.

4. O comité de partes reunirase cunha frecuencia mínima semestral. As convocatorias faranse por escrito, mediante correo postal, electrónico ou fax, e cunha antelación mínima de catro días naturais. En caso de urxencia, poderase facer a convocatoria con 24 horas de antelación.

5. Para que a constitución do comité de partes sexa válida será necesaria a presenza, cando menos, da metade dos seus membros. O comité de partes adoptará os seus acordos por maioría dos membros presentes.

6. Os membros do comité de partes estarán obrigados a actuar con total imparcialidade, baixo criterios de transparencia e independencia. Así mesmo, manterán a confidencialidade sobre as deliberacións e calquera outro aspecto que afecte os expedientes examinados.

7. No manual de calidade do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia poderanse recoller normas complementarias en relación co nomeamento, constitución e réxime de funcionamento do comité de partes.

Artigo 46. Autocontrol

Os distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións dos pregos de condicións das denominacións Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, deste Regulamento e do manual de calidade. Polo tanto, os operadores inscritos son responsables do autocontrol no que atinxe a calidade e a rastrexabilidade do produto.

Artigo 47. Procedementos e alcance do control

1. No manual de calidade do Consello Regulador recolleranse os procedementos e instrucións que se terán en conta para a realización dun control efectivo sobre todos os procesos de produción, elaboración, etiquetaxe e comercialización das carnes amparadas polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos diferentes rexistros do Consello Regulador e as súas instalacións e produtos, están sometidas ás actuacións que realice o órgano de control e certificación para verificar que os produtos amparados polas citadas indicacións xeográficas protexidas cumpren os requisitos exixidos nos seus pregos de condicións, neste Regulamento, no manual de calidade e na demais normativa aplicable.

3. O programa de control basearase nas auditorías e inspeccións das explotacións, das instalacións e industrias cárnicas, dos animais e da carne, así como na revisión da documentación, nas análises fisicoquímicas das materias primas e dos produtos, nas análises mediante marcadores moleculares para o seguimento da rastrexabilidade e, de ser o caso, nas análises organolépticas da carne.

4. O pleno do Consello Regulador, por proposta do director técnico do órgano de control e certificación, establecerá cada ano o plan de controis e inspeccións que se van realizar.

5. Para a comprobación do cumprimento dos preceptos deste Regulamento e demais normativa concordante, o órgano de control e certificación disporá dos datos que constan nos rexistros do Consello Regulador que sexan precisos para o correcto exercicio da súa actividade.

Artigo 48. Control da rastrexabilidade

1. O seguimento e control da rastrexabilidade dos produtos certificados poderase realizar mediante:

a) Os controis documentais.

b) A etiquetaxe da carne.

c) A recollida de mostras biolóxicas e análises de ADN. O órgano de control e certificación recollerá mostras de todas as canais amparadas coas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia nos matadoiros inscritos, constituíndo o banco de mostras. Así mesmo, tamén se recollerán mostras de carne nas salas de despezamento, nas instalacións de grosistas e retallistas de carne, nos establecementos de fileteado e nos puntos de venda finais para, a través da análise do seu ADN e mediante a comprobación da súa coincidencia ou non co ADN das mostras de canais depositadas no banco de mostras, verificar a rastrexabilidade da carne comercializada baixo o amparo das devanditas indicacións xeográficas protexidas. Para estes efectos, os diferentes inscritos e operadores conservarán os rexistros documentais e as mostras biolóxicas para análise de ADN, nas condicións que se detallen no manual de calidade do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia.

2. Todos os produtos, nas súas distintas presentacións, levarán unha etiqueta, contraetiqueta, certificado e/ou precinto de garantía, que estarán supervisados e controlados polo Consello Regulador. Estes distintivos colocaranse antes da expedición e de forma que faciliten a identificación do produto certificado, e na medida do posible, que protexan as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia da súa utilización fraudulenta. Non obstante o anterior, os precintos de garantía, certificados, etiquetas e/ou contraetiquetas poderán ser aplicados fóra das industrias cárnicas inscritas no Consello Regulador, de acordo co establecido nos artigos 19, 21, 38 e 40 deste Regulamento.

3. Toda expedición de canais, cuartos e/ou as súas pezas deberá ir acompañada dun volante ou documento de circulación que conterá os datos necesarios para os efectos da rastrexabilidade do produto, o nome da indicación xeográfica protexida correspondente e a súa categoría comercial segundo os artigos 20 ou 39 deste Regulamento.

Artigo 49. Documentación e declaracións para o control

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, sacrificio, despezamento, maduración, fileteado, expedición, comercialización e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade das carnes amparadas polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, as persoas físicas e xurídicas inscritas nos correspondentes rexistros do Consello Regulador estarán obrigadas a cumprir os seguintes requisitos:

a) Os titulares de gandarías inscritas:

– Levarán os libros oficiais que correspondan ás gandarías.

– Conservarán as actas de rexistro dos animais, estendidas polos inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador, como mínimo durante un ano despois do sacrificio destes.

b) Os titulares de cebadeiros inscritos:

– Levarán os libros oficiais que correspondan aos cebadeiros.

– Conservarán as actas de rexistro dos animais, estendidas polos inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador, como mínimo durante un ano despois do sacrificio destes.

c) As empresas inscritas no rexistro de matadoiros:

– Levarán un rexistro informático ou manual, no cal figurarán os datos relativos á rastrexabilidade do produto.

– Achegarán estes datos periodicamente ao órgano de control e certificación do Consello Regulador, segundo o procedemento aprobado no manual de calidade.

– Conservarán as actas de rexistro de canais certificadas, estendidas polos inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador, durante un mínimo de dous anos.

d) As empresas inscritas no rexistro de salas de despezamento:

– Levarán un rexistro informático ou manual de entradas e de saídas, no cal figurarán os datos relativos á rastrexabilidade do produto.

– Achegarán estes datos periodicamente ao órgano de control e certificación do Consello Regulador, segundo o procedemento aprobado no manual de calidade.

e) As empresas inscritas no rexistro de grosistas e retallistas de carne:

– Levarán un rexistro informático ou manual de entradas e de saídas, no cal figurarán os datos relativos á rastrexabilidade do produto.

– Achegarán estes datos periodicamente ao órgano de control e certificación do Consello Regulador, segundo o procedemento aprobado no manual de calidade.

2. As sinaturas inscritas nos rexistros de matadoiros, de salas de despezamento e de grosistas e retallistas de carne, poderán almacenar as canais certificadas, os cuartos e as pezas e porcións procedentes destas, en instalacións e locais axeitados para a almacenaxe e/ou maduración de produtos cárnicos, onde se permita o control e seguimento do produto e de xeito que non se produza confusión.

3. O órgano de control e certificación do Consello Regulador poderá exixir aos inscritos, en calquera momento, que lle faciliten a información mencionada no punto 1 deste artigo para os efectos de control.

4. As declaracións e a datos a que se refire este artigo, cando estean protexidos pola lexislación vixente sobre protección de datos, non se poderán facilitar a terceiros nin publicar máis que de forma conxunta ou xeral, sen referencia ningunha de carácter individual, salvo que se dispoña da autorización dos inscritos ou medie requirimento da autoridade competente.

Artigo 50.Certificación

1. A certificación do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia é un procedemento aberto e non discriminatorio, mediante o cal o órgano de control e certificación do Consello Regulador comproba o cumprimento dos requisitos establecidos nos pregos de condicións das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, neste Regulamento e no manual de calidade que sexan de aplicación.

2. O proceso de certificación baséase na revisión da documentación presentada polos operadores e nas auditorías e inspeccións que se lles realizan. Se os resultados son satisfactorios, emítese o correspondente certificado de conformidade para cada operador, cos alcances e vixencia que nel se detallen. En calquera caso, a vixencia do certificado está condicionada a que o operador supere favorablemente as auditorías de seguimento periódicas e continúe a cumprir os requisitos baixo os que lle foi concedido.

3. O proceso de certificación consta das seguintes fases: solicitude de certificación ao Consello Regulador, revisión e comprobación da validez da solicitude, designación do equipo auditor, programación da auditoría, realización da auditoría de certificación, emisión do informe de auditoría e comunicación ao operador interesado, emenda de non conformidades e medidas preventivas e/ou correctivas, realización de inspeccións e auditorías de seguimento periódicas e toma de decisións sobre a certificación.

4. Os matadoiros e as salas de despezamento que produzan carne das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia e que vaian utilizar elementos de etiquetaxe dalgunha destas denominacións deben presentar unha solicitude de certificación ante o Consello Regulador, xunto coa documentación pertinente segundo o tipo de produto e os alcances de certificación. As solicitudes que estean incompletas ou que non se axusten aos alcances de certificación desestimaranse mentres o interesado non corrixa as deficiencias observadas.

5. Unha vez aceptada a solicitude, desígnase o equipo auditor, prográmase a auditoría co operador e realízase a auditoría de certificación, que permitirá determinar en que medida o operador cumpre os requisitos establecidos nos pregos de condicións das devanditas denominacións, neste Regulamento e no manual de calidade. O auditor responsable emite o informe de auditoría, que se pon en coñecemento do operador interesado.

No informe de auditoría constan, de ser o caso, as non conformidades detectadas, así como o prazo dado para que o operador proceda á súa emenda e propoña medidas preventivas e/ou correctivas ao respecto. A toma de decisións sobre a certificación vai depender da validez e efectividade da resposta do operador ante as deficiencias ou non conformidades detectadas e de que respecte os prazos fixados.

6. Para comprobar que os operadores seguen a cumprir os requisitos baixo os que se lles concedeu a certificación e para a súa renovación, realizaranse inspeccións e auditorías de seguimento periódicas.

7. O responsable da toma de decisións sobre a certificación é o director técnico do órgano de control e certificación do Consello Regulador quen, tras analizar o expediente de certificación inicial ou de renovación da certificación, deberá adoptar unha das seguintes decisións:

– Conceder a certificación inicial ou renovar a súa vixencia.

– Emitir un novo informe, solicitando medidas preventivas e/ou correctivas.

– Determinar a realización dunha auditoría extraordinaria.

– Denegar a certificación, suspender a súa vixencia ou cancelala definitivamente.

8. A decisión adoptada polo director técnico do órgano de control e certificación comunícase ao operador interesado. No caso de que o operador non estea de acordo coa decisión, poderá presentar recurso de apelación ante o citado director técnico, que o elevará ante o comité de partes para a súa resolución.

9. A suspensión da certificación pode producirse por solicitude voluntaria do operador interesado, por cesamento da súa actividade ou por incumprimento dos requisitos de certificación, como consecuencia dunha non conformidade detectada. A suspensión da certificación implica a prohibición de uso dos elementos de etiquetaxe da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, segundo corresponda, e de todo tipo de referencias á denominación de que se trate.

As suspensións da certificación poden ser temporais ou definitivas e serán adoptadas polo director técnico do órgano de control e certificación. As suspensións definitivas deben ser ratificadas polo comité de partes e implican a cancelación ou retirada da certificación, polo que no futuro o operador afectado deberá reiniciar o procedemento de certificación mediante unha nova solicitude.

Artigo 51. Non conformidades detectadas e o seu tratamento

1. As non conformidades son incumprimentos dos requisitos e condicións de certificación establecidos para o produto e para os operadores. Clasifícanse en non conformidades administrativas, de produción, de etiquetaxe e/ou identificación do produto e de publicidade ou por uso indebido da condición de certificado. Así mesmo, as non conformidades tipifícanse como leves, graves e moi graves.

2. O tratamento das non conformidades poderase modular, para o que se terá en conta a existencia de mala fe, a súa reiteración, o prexuízo aos consumidores, o especial beneficio para o infractor e o prexuízo para a imaxe e o prestixio das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia.

3. Cando os inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador detectan unha non conformidade, o auditor responsable do equipo inspector elabora o correspondente informe, comunícaselle a non conformidade ao operador afectado e dáselle un prazo para que a emende e propoña as medidas preventivas e/ou correctivas pertinentes para a súa emenda. O director técnico do órgano de control e certificación, á vista dos datos da auditoría e das inspeccións realizadas, resolverá no prazo máis breve posible, e nunca superior ao máximo recollido no manual de calidade, o que proceda sobre a certificación, sen que esta decisión sexa impugnable en vía administrativa, agás que o recurso se fundamente no incumprimento das normas de funcionamento que lle son aplicables ao dito órgano.

4. O órgano de control e certificación porá en marcha actuacións de seguimento e control das non conformidades e, se fose o caso, dos produtos afectados. Segundo sexa a clasificación e tipificación das non conformidades detectadas, o seu tratamento pode supoñer: apercibimento ao operador para que poña en marcha medidas preventivas e/ou correctivas, incremento da frecuencia das auditorías de seguimento, descualificación do produto, suspensión do uso dos elementos de identificación das denominacións Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, suspensión temporal da certificación, suspensión definitiva da certificación, publicación da suspensión, notificación dos feitos á consellería competente en materia de agricultura e aplicación das accións legais que correspondan.

As referencias incorrectas á certificación das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, ou o uso enganoso dos certificados, as marcas de conformidade ou calquera outro mecanismo para indicar que un produto está certificado, que se atopen na documentación ou noutra publicidade, débense tratar mediante medidas correctivas inmediatas, retirada do certificado, publicación da transgresión e, se é necesario, accións legais que o Consello Regulador considere oportunas na defensa dos seus lexítimos intereses.

5. No caso das non conformidades graves ou moi graves, o director técnico do órgano de control e certificación pode establecer a suspensión temporal ou a suspensión definitiva da certificación, sen que estas medidas teñan carácter de sanción, mentres que o operador non adopte as medidas necesarias ou se resolva o expediente e se acorden as accións legais que correspondan.

Artigo 52. Descualificación polo órgano de control e certificación

1. A descualificación dos animais, canais, pezas de carne e as súas porcións, poderá ser realizada polo órgano de control e certificación do Consello Regulador en calquera das súas fases de produción, elaboración e comercialización, cando aqueles non cumpran os requisitos establecidos nos pregos de condicións das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, neste regulamento ou no manual de calidade.

2. Os animais, as canais, as pezas de carne ou as súas porcións, unha vez que foron descualificados, en ningún caso poderán comercializarse baixo o amparo das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia.

3. Os operadores propietarios dos produtos descualificados son responsables de mantelos debidamente diferenciados e/ou identificados para evitar a súa comercialización ao amparo das citadas indicacións xeográficas protexidas e para que non haxa lugar a confusión coas carnes amparadas.

CAPÍTULO V
Rexistros

Artigo 53. Rexistros do Consello Regulador

1. O Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de gandarías.

b) Rexistro de cebadeiros.

c) Rexistro de matadoiros.

d) Rexistro de salas de despezamento.

e) Rexistro de grosistas e retallistas de carne.

2. O Consello Regulador establecerá un código alfanumérico para o rexistro de gandarías, cebadeiros, matadoiros, salas de despezamento e grosistas e retallistas de carne.

3. Para os efectos do control e seguimento do produto amparado, poderanse establecer rexistros complementarios relativos a outros operadores, como fabricantes de penso, establecementos de venda ou calquera outro que se considere necesario de acordo co que se recolla no manual de calidade.

Artigo 54. Rexistro de gandarías

1. No rexistro de gandarías inscribiranse as explotacións que dispoñan de vacas nais e que ceben os animais, que estean localizadas na zona de produción e que reúnan as condicións establecidas neste Regulamento e demais normativa afín, sempre que queiran acollerse ás indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e/ou Vaca e Boi de Galicia, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social do titular da explotación.

b) NIF e REAGA.

c) Enderezo da gandaría e do seu titular.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador.

e) Número de cabezas que compoñen o rabaño, con expresión individualizada do tipo de animais.

f) Cantos datos sexan necesarios para a localización e a identificación da gandaría.

Artigo 55. Rexistro de cebadeiros

1. No rexistro de cebadeiros inscribiranse as explotacións que ceben animais, que estean localizadas na zona de produción e que reúnan as condicións establecidas neste Regulamento e demais normativa afín, sempre que queiran acollerse ás indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e/ou Vaca e Boi de Galicia, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social do titular da explotación.

b) NIF e REAGA.

c) Enderezo do cebadeiro e do seu titular.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador.

e) Capacidade de ceba.

f) Cantos datos sexan necesarios para a localización e a identificación do cebadeiro.

Artigo 56. Rexistro de matadoiros

1. No rexistro de matadoiros inscribiranse aqueles que estean situados na zona de elaboración e que sacrifiquen gando inscrito que a súa carne poida optar á certificación das indicacións xeográficas protexidas recollidas neste Regulamento e demais normativa afín, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social da empresa.

b) NIF.

c) Enderezo do matadoiro.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador.

e) Características das instalacións e número e capacidade das cámaras frigoríficas.

f) Número de rexistro sanitario.

g) Cantos datos sexan precisos para a localización e a identificación da empresa.

3. No caso de que a empresa non sexa propietaria das instalacións, esta circunstancia indicarase na solicitude de inscrición, especificando o nome e o domicilio do propietario.

Artigo 57. Rexistro de salas de despezamento

1. No rexistro de salas de despezamento inscribiranse aquelas que estean situadas na zona de elaboración e que despecen canais certificadas polas indicacións xeográficas protexidas recollidas neste Regulamento e demais normativa afín, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social da empresa.

b) NIF.

c) Enderezo da sala de despezamento.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador.

e) Características das instalacións e número e capacidade das cámaras frigoríficas.

f) Número de rexistro sanitario.

g) Cantos datos sexan precisos para a localización e a identificación da empresa.

3. No caso de que a empresa non sexa propietaria das instalacións, esta circunstancia indicarase na solicitude de inscrición, especificando o nome e o domicilio do propietario.

Artigo 58. Rexistro de grosistas e retallistas de carne

1. No rexistro de grosistas e retallistas de carne inscribiranse aqueles establecementos que estean situados na zona de elaboración e que queiran certificar nos matadoiros inscritos canais amparadas polas indicacións xeográficas protexidas recollidas neste Regulamento e demais normativa afín, e así o soliciten.

2. Na inscrición figurará:

a) Nome ou razón social da empresa.

b) NIF e epígrafe do IAE.

c) Enderezo da empresa.

d) Nome do representante acreditado como interlocutor ante o Consello Regulador.

e) Características das instalacións e número e capacidade das cámaras frigoríficas.

f) Número de rexistro sanitario, se ten a obriga de telo.

g) Cantos datos sexan precisos para a localización e a identificación da empresa.

3. No caso de que a empresa non sexa propietaria das instalacións, esta circunstancia indicarase na solicitude de inscrición, especificando o nome e o domicilio do propietario.

Artigo 59. Procedemento para a inscrición nos rexistros

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, xunto cos datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos e na forma que se estableza no manual de calidade.

2. As solicitudes e a documentación complementaria serán analizadas polo órgano de control e certificación do Consello Regulador, que comprobará o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición. No caso de erros ou de estar incompletas, requiriráselle aos interesados que emenden as solicitudes e completen a documentación presentada, de forma que se axusten ás condicións exixidas para o rexistro.

3. Unha vez recibida a solicitude de inscrición correctamente cuberta e a documentación pertinente, o Consello Regulador procederá á inscrición do solicitante no rexistro que lle corresponda, asignándolle un número de rexistro que se manterá durante toda a súa vinculación co Consello Regulador. Tamén se lle poderá entregar, por petición do interesado, un documento acreditativo da inscrición no que se indiquen as actividades para as cales queda inscrito.

4. O Consello Regulador denegará, de forma motivada, as solicitudes de inscrición que non se axusten aos preceptos dos pregos de condicións das denominacións Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, deste Regulamento e do manual de calidade. A dita denegación comunicaráselle ao interesado polo Consello Regulador para o seu coñecemento. Contra esta decisión poderá interpoñer recurso de alzada ante a consellería competente en materia de agricultura.

5. As empresas que realicen varias fases relacionadas cos procesos de produción, elaboración e/ou comercialización das carnes amparadas polas denominacións Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia deberán inscribir as distintas instalacións nos rexistros correspondentes.

6. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, o que deberán acreditar no momento da solicitude de inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 60. Vixencia das inscricións

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento os requisitos fixados nos pregos de condicións das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, segundo corresponda, neste Regulamento e no manual de calidade. Os inscritos deberán comunicar calquera variación que afecte substancialmente os datos achegados na inscrición. O Consello Regulador poderá suspender temporal ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. No manual de calidade determinarase o prazo e forma de comunicación das variacións nos datos da inscrición, así como de renovación das inscricións e de comprobación da vixencia dos requisitos exixidos.

3. Os inspectores do órgano de control e certificación do Consello Regulador farán as comprobacións oportunas para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos, tanto para as inscricións como para as renovacións.

Artigo 61. Baixa nos rexistros

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente. Unha vez producida esta, deberá transcorrer como mínimo un ano para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Tamén será motivo de baixa dos inscritos nos correspondentes rexistros do Consello Regulador a falla de actividade nas denominacións Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia durante máis de dous anos consecutivos no caso de gandarías e cebadeiros e durante máis dun ano continuado no caso de matadoiros, salas de despezamento e grosistas e retallistas de carne. En todos os casos, os cambios de titularidade interromperán os prazos sinalados.

3. Quen se dea de baixa nun rexistro deberá previamente cumprir as obrigas que teña pendentes co Consello Regulador para que a dita baixa sexa efectiva.

CAPÍTULO VI
Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 62. Dereito ao uso das indicacións xeográficas protexidas no produto amparado

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as súas explotacións inscritas nos rexistros de gandarías e cebadeiros poderán subministrar animais cuxa carne poida ser amparada polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia.

2. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as súas industrias inscritas no rexistro de matadoiros poderán sacrificar as reses procedentes das explotacións inscritas para que as súas carnes sexan amparadas polas devanditas indicacións xeográficas protexidas, e expedir as súas canais.

3. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as súas industrias inscritas no rexistro de salas de despezamento poderán despezar e/ou cortar as canais certificadas e as pezas destas ao abeiro das citadas indicacións xeográficas protexidas, e expedilas ao mercado.

4. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as instalacións inscritas no rexistro de grosistas e retallistas de carne poderán solicitar a certificación do produto da súa propiedade nos matadoiros inscritos no Consello Regulador.

5. Só se poderán aplicar os termos Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, respectivamente, á carne procedente das instalacións inscritas nos rexistros de matadoiros e salas de despezamento, que sexa producida e elaborada de acordo coas normas exixidas nos pregos de condicións das citadas denominacións, neste Regulamento e no manual de calidade e que sexa certificada polo órgano de control e certificación do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia.

6. O dereito ao uso das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia en propaganda, publicidade, documentación, precintaxes ou etiquetas é exclusivo das sinaturas inscritas nos diferentes rexistros do Consello Regulador e baixo a aprobación deste, segundo corresponda para cada unha das denominacións citadas. Non obstante, segundo os artigos 21 e 40 deste Regulamento e logo dos acordos pertinentes, o Consello Regulador poderá autorizar o uso da indicación xeográfica protexida que proceda na publicidade e etiquetaxe a sinaturas de distribución e/ou comercialización.

Artigo 63. Dereito ao uso das indicacións xeográficas protexidas nos produtos elaborados

1. Nos produtos elaborados que utilicen como ingrediente carne certificada polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia poderán constar na súa etiquetaxe, segundo corresponda, as mencións «elaborado con carne da IXP Ternera Gallega» ou «elaborado con carne da IXP Vaca e Boi de Galicia» ou similares, sempre que a carne amparada por cada denominación constitúa a única carne no produto final. Así mesmo, na lista de ingredientes dos produtos elaborados tamén se poderá facer referencia á utilización de «carne IXP Ternera Gallega» ou «carne IXP Vaca e Boi de Galicia», segundo corresponda. A utilización destas mencións axustarase ás regras establecidas na normativa comunitaria para o uso de produto certificado como ingrediente en produtos elaborados e ao que se indique no manual de calidade.

2. Os usuarios que pretendan usar as mencións e termos citados no punto anterior inscribiranse nunha base de datos de produtores de elaborados, que definirá o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, para os efectos de que o órgano de control e certificación poida realizar os controis e inspeccións correspondentes para verificar o uso correcto da indicación xeográfica protexida que proceda nas etiquetas e a cantidade de carne amparada utilizada.

3. Tamén se poderán usar as devanditas mencións e termos cando para a obtención dos produtos elaborados se realicen tratamentos de conservación previos da carne amparada que formen parte do proceso de obtención, xa sexa porque son necesarios para o seu correcto aproveitamento e/ou porque favorecen as cualidades do produto final obtido.

4. No manual de calidade poderanse recoller normas complementarias para regular o uso do nome e do logotipo das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia na etiquetaxe e identificación dos envases de produtos elaborados con carne amparada por estas denominacións e a realización do control.

Artigo 64. Obrigas xerais

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes do Consello Regulador, as persoas físicas e xurídicas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto nos pregos de condicións das denominacións Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, neste Regulamento e no manual de calidade. Tamén estarán sometidas aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten os organismos da Administración, o Consello Regulador e o órgano de control e certificación.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas físicas e xurídicas inscritas deberán ter actualizadas as inscricións nos correspondentes rexistros e estar ao día no pagamento das súas obrigas con aquel.

3. As persoas físicas e os representantes das persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou doutros órganos electorais nas ocasións en que sexan nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 77 deste Regulamento, o incumprimento do indicado nas alíneas 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito ou a súa baixa, tras a decisión do pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A resolución de suspensión ou de baixa poderá ser obxecto de recurso perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 65. Uso de marcas, nomes comerciais e razóns sociais

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia de marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. As marcas, emblemas, símbolos, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda aplicada aos produtos protexidos, que se vaian utilizar na comercialización doutras carnes de vacún non protexidas polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega ou Vaca e Boi de Galicia, só poderán ser empregados polos seus titulares sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 12 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, e as condicións que se establezan para o efecto no manual de calidade.

Artigo 66. Logotipos das indicacións xeográficas protexidas

O Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia adoptará como logotipos para cada unha das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia os que figuran no anexo deste regulamento e establecerá as condicións do seu uso no manual de calidade.

Artigo 67. Distintivos e mencións específicas

No manual de calidade poderanse establecer as condicións de uso de distintivos específicos para a carne das categorías Ternera Gallega Suprema, Vaca e Boi de Galicia/Vaca y Buey de Galicia que proceda da raza Rubia Galega ou do grupo racial Morenas Galegas (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa).

Artigo 68. Etiquetas e documentación comercial

1. As etiquetas comerciais dos produtos amparados polas indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Antes da súa posta en circulación, deberanse remitir ao Consello Regulador para o seu coñecemento.

2. Nas etiquetas, nos albarás ou en calquera outra documentación comercial de acompañamento da carne amparada polas citadas indicacións xeográficas protexidas figurarán obrigatoriamente, de forma destacada, o nome da denominación, a categoría segundo se definen nos artigos 20 e 39 deste regulamento e a peza ou o tipo de produto, xunto cos demais datos que con carácter xeral determine a lexislación vixente.

CAPÍTULO VII
O Consello Regulador

Artigo 69. Natureza e ámbito competencial

1. O Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia é unha corporación de dereito público, á cal se lle atribúe a xestión das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; este Regulamento e a demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. Os principios básicos da actuación do Consello Regulador son o seu funcionamento sen ánimo de lucro e a representación dos intereses económicos dos distintos sectores que o integran.

3. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos polas anteditas indicacións xeográficas protexidas, en calquera das súas fases de produción, sacrificio, elaboración, almacenaxe e maduración, envasamento, circulación e comercialización, así como ás persoas físicas ou xurídicas inscritas nos diferentes rexistros que se establecen neste Regulamento.

4. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado, exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, nas que deberá terse en conta o dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co punto 5 do artigo 32 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, de aprobación de etiquetas e autorización de marcas, de réxime electoral e de réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo.

5. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo con isto, a actividade do Consello Regulador está sometida ao control da Administración, segundo o establecido nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

6. Consonte os puntos 4 e 5 anteriores, as decisións que adopten os órganos de goberno do Consello Regulador cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante a persoa titular da Consellería competente en materia de agricultura, na forma e prazos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 70. Órganos de goberno do Consello Regulador

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o pleno, a presidencia, as vicepresidencias e a comisión permanente.

Ademais, o pleno do Consello Regulador poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 71. O pleno. Composición, funcións e réxime de funcionamento

1. O pleno é o órgano superior de goberno do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia.

2. O pleno do Consello Regulador está constituído, ademais do presidente ou presidenta, por:

a) Oito vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares das explotacións inscritas nos rexistros de gandarías e cebadeiros do Consello Regulador.

b) Oito vogais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de matadoiros, salas de despezamento e grosistas e retallistas de carne inscritos nos respectivos rexistros do Consello Regulador.

3. Na orde da convocatoria electoral, de acordo co que se aprobe no pleno do Consello Regulador, poderanse establecer fórmulas para a repartición dos oito vogais que se elixirán en representación do sector produtor e dos oito en representación do sector industrial entre os inscritos nos rexistros correspondentes. Poderanse crear subcensos, co fin de adecuar a composición do pleno ao peso específico de cada indicación xeográfica protexida e á realidade cambiante delas, así como ás exixencias dunha axeitada representación dos intereses sociais e económicos, de acordo co establecido no capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

4. As persoas que ocupen o cargo de vogal deben estar inscritas no rexistro correspondente ao sector que representan. Cando o vogal sexa persoa xurídica, estará representada no pleno do Consello Regulador pola persoa física que os seus órganos de goberno designen en cada momento. Non obstante, unha mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios rexistros non poderá ter dobre representación, nin directamente nin a través de sinaturas filiais ou socios dela que teñan maioría na toma de decisións.

5. O pleno actuará baixo a dirección da persoa que desempeñe a presidencia, quen tamén formará parte del; e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, de quen exerza a secretaría do Consello Regulador.

6. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do pleno con voz pero sen voto.

7. As funcións do pleno, os dereitos e deberes dos seus membros, así como o seu réxime de funcionamento, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 72. A presidencia

1. A presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.

2. O presidente ou presidenta non ten por que ter a condición previa de vogal. No caso de que así fose, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da presidencia, así como as causas do cesamento da persoa titular e demais cuestións relativas a este órgano, serán as recollidas no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 73. As vicepresidencias

1. O Consello Regulador terá dúas vicepresidencias, a vicepresidencia primeira e a vicepresidencia segunda, que serán exercidas polas persoas elixidas por e entre os vogais do sector produtor unha, e por e entre os vogais do sector industrial a outra. O seu nomeamento non lles fará perder a súa condición de vogais.

2. As vicepresidencias serán rotatorias no tempo de mandato. Corresponderalle o desempeño da vicepresidencia primeira durante os dous primeiros anos ao vicepresidente elixido polo sector produtor e durante os dous restantes ao vicepresidente elixido polo sector industrial. No caso do desempeño da vicepresidencia segunda será á inversa.

3. Os/as vicepresidentes/as substituirán, pola súa orde de prelación, ao presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

4. As vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola presidencia.

Artigo 74. A comisión permanente

1. A comisión permanente do Consello Regulador estará formada pola presidencia e polas vicepresidencias, e contará coa asistencia de quen exerza a secretaría do Consello Regulador.

2. O pleno do Consello Regulador establecerá cales son as funcións específicas que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a comisión permanente comunicaranse ao pleno do Consello Regulador na primeira reunión que este realice, para a súa validación.

Artigo 75. Outras comisións do pleno

Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos nos que se coide necesario, o pleno do Consello Regulador poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos concretos. As súas resolucións comunicaranse ao pleno na primeira reunión que este realice, para a súa validación.

Artigo 76. O persoal do Consello Regulador

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Na contratación do persoal, o Consello Regulador adaptará a súa actuación á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O Consello Regulador contará cun secretario/a executivo/a, designado/a polo pleno, que deberá pertencer ao seu cadro de persoal.

3. Os cometidos específicos da secretaría son os sinalados no artigo 28 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

4. O pleno aprobará o organigrama e o cadro de persoal do Consello Regulador e, así mesmo, establecerá as funcións e responsabilidades do persoal.

5. No caso do persoal que realiza as actividades relativas ao control e certificación, a súa actuación terá lugar baixo a responsabilidade do director técnico do órgano de control e certificación e de acordo cos requisitos sinalados no artigo 15 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

CAPÍTULO VIII
Réxime económico e contable

Artigo 77. Recursos económicos

Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia, de acordo coa Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e co Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, poderá contar cos seguintes recursos:

a) As cotas que deberán aboar os inscritos e polos importes que fixe en cada momento o pleno do Consello Regulador. Estas cotas poden ser de dous tipos:

– Cotas fixas. Poderá haber unha cota de inscrición e outra de renovación rexistral periódica, que serán aplicables a todos os inscritos nos diferentes rexistros do Consello Regulador, ata un máximo anual de 100 euros.

– Cota variable. Poderá haber unha cota variable en función da actividade dos inscritos, que será proporcional ao valor da súa produción, ata un máximo do 2 % do valor do produto amparado, acordada polo pleno do Consello Regulador en función do prezo medio estimado de mercado.

O pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada tipo de cota. No caso de que no devandito prazo non se realizase o pagamento, a persoa ou empresa debedora inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos no Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano a persoa ou empresa debedora inscrita non liquidase a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, logo da instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo co establecido nos artigos 61 e 64 deste Regulamento.

b) As subvencións que poida obter anualmente o Consello Regulador polas súas actividades.

c) As rendas e produtos do seu patrimonio.

d) As doazóns, legados e demais axudas que poida percibir.

e) Os ingresos pola prestación de servizos, incluídos os relativos ao control e á certificación do produto, de acordo coas tarifas que estableza o pleno do Consello Regulador e que se deberán comunicar con antelación suficiente a todos os inscritos.

f) Calquera outros que lle corresponda percibir.

Artigo 78. Orzamento e réxime contable

1. O Consello Regulador aprobará o seu orzamento para cada exercicio, a memoria de actividades e a execución orzamentaria de acordo co fixado no artigo 30 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. O réxime contable do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia é o que se establece no artigo 19 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no artigo 31 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

CAPÍTULO IX
Réxime electoral

Artigo 79. Réxime electoral do Consello Regulador

1. De acordo co disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, correspóndelle ao Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia a organización do proceso de elección dos seus órganos de goberno de acordo con principios democráticos.

2. O réxime electoral do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia é o contido no capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

CAPÍTULO X
Réxime sancionador

Artigo 80. Base legal

1. O réxime sancionador das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia e do seu Consello Regulador é o establecido no capítulo II do título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. Complementa a disposición legal anterior, o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, no que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e cantas outras disposicións estean vixentes no seu momento sobre esta materia.

missing image file