Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 9 de xuño de 2017 Páx. 28211

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

EDICTO (473/2016).

Cédula de notificación.

No procedemento de referencia ditouse a resolución do teor literal seguinte:

«Sentenza 222/2016

En Ferrol o 20 de outubro de 2016.

Vistos os autos sobre garda e custodia número 473/2016 por Montserrat Matos Salgado, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, seguidos ante este por instancia de Marjorie Baz Estupiñán, que actúa representada pola procuradora Sra. García García e asistida pola letrada Sra. Méndez Castro, contra Gehovanny Samir Lagos Contreras, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal.

Antecedentes de feito

Primeiro. A procuradora Sra. García García, na representación indicada, presentou demanda de medidas definitivas sobre garda e custodia o 7.6.2016 en que, despois de expoñer os restantes feitos e os fundamentos de dereito que considerou de aplicación, rematou solicitando atribución da garda e custodia da menor para a nai, sen réxime de visitas para o pai e pensión de alimentos con cargo a este de 300 euros mensuais. A devandita demanda, admitida a trámite polo Decreto de 21.6.2016, foi contestada o 27.9.2016 polo Ministerio Fiscal.

O demandado non compareceu ao emprazamento e declarouse a súa rebeldía procesual en dilixencia de ordenación do 27.9.2016.

Segundo. Sendo solicitado pola demandante a incoación de peza de medidas provisionais coetáneas, adoptáronse en virtude de auto número 251/2016 do 28.7.2016, esencialmente co seguinte contido: garda e custodia da menor para a nai, patria potestade compartida e un réxime de visitas para o pai en defecto de acordo, consistente en sábado e domingo de 17.00 a 20.00 horas sen pernoita, pensión alimenticia a favor da menor de 150 euros mensuais e 50 % dos gastos extraordinarios.

Terceiro. No acto da vista celebrado o 19.10.2016, unha vez practicada a proba declarada pertinente, a parte demandante ratificou o seu escrito e o Ministerio Fiscal remitiuse ao acordado no auto de medidas provisionais a excepción do réxime de visitas, que entende que non procede pola actitude do pai ao non fomentar relación ningunha coa súa filla; en canto a contribucións de carácter económico, remítese ao xa acordado no auto de medidas provisionais.

Cuarto. Na substanciación do presente procedemento observáronse as prescricións legais e os autos quedaron sobre a mesa de quen decide o 19.10.2016 para ditar a oportuna resolución.

Fundamentos de dereito

Primeiro. Antes de entrar a resolver o obxecto do presente procedemento sobre garda e custodia da menor froito da relación entre a demandante e o demandado, así como contribucións económicas do proxenitor non custodio, han de realizarse unhas consideracións previas sobre as cuestións que se debaten.

En primeiro lugar, debe sinalarse que conforme o disposto no artigo 91 do Código civil que nas sentenzas de nulidade, separación ou divorcio, ou en execución delas, o xuíz, na falta de acordo dos cónxuxes ou en caso de non se aprobar este, determinará, conforme os artigos seguintes, as medidas que deban substituír as xa adoptadas.

O artigo 94 do Código civil establece: “O proxenitor que non teña consigo os fillos menores ou incapacitados gozará do dereito de visitalos, comunicar con eles e telos na súa compañía. O xuíz determinará o tempo, modo e lugar do exercicio deste dereito, que poderá limitar ou suspender se se deren graves circunstancias que así o aconsellen ou se incumpriren grave ou reiteradamente os deberes impostos pola resolución xudicial.”

Así mesmo, tamén debe observarse o preceptuado no artigo 158.1 e 4º do CC.

Dispón o artigo 93 CC en canto á contribución dos proxenitores ás cargas económicas e pensións alimenticias: “O xuíz, en todo caso, determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos e adoptará as medidas convenientes para asegurar a efectividade e acomodación das prestacións ás circunstancias económicas e necesidades dos fillos en cada momento (...)”. E o artigo 142 do Código civil: “Enténdese por alimentos todo o que é indispensable para o sustento, habitación, vestido e asistencia médica.

Os alimentos comprenden tamén a educación e instrución do alimentista, mentres sexa menor (...)”. Así mesmo o artigo 148 do CC, en canto á exixibilidade dos devanditos alimentos.

Conforme o disposto no citado artigo 93 e no artigo 146 do Código civil, as prestacións alimenticias que se fixen nos preitos matrimoniais ou outros de análogas características deben acomodarse ás circunstancias e dispoñibilidades económicas do núcleo familiar e ás necesidades dos fillos, sen prexuízo de ter que valorar igualmente as circunstancias tales como o status social en que ata o momento da ruptura convivencial se desenvolveu a vida familiar, o que loxicamente comporta uns ou outros gastos para as atencións dos fillos, sendo igualmente importante a apreciación de que, tras a ruptura dos pais, as economías dun e doutro deben estreitarse ao afrontar por separado gastos que antes se compartían, o que igualmente afecta os fillos.

Sentado o anterior, a mera diferenza de status económico entre unha e outra parte, por moi profunda que sexa, non pode en modo ningún exonerar os proxenitores de cooperar, na medida das súas posibilidades, á atención pecuniaria das necesidades dos fillos e só podería caber unha atenuación ou suspensión da prestación no caso de carecer o proxenitor de ingresos ou seren estes tan exiguos que non puidesen permitilo atender outras necesidades que as da súa estrita supervivencia, sempre que o fillo tivese outras posibilidades de cubrir as súas necesidades alimenticias, ben que en calquera caso, e por mandato imperativo do artigo 93 do Código civil, iso non extinguirá o dereito do fillo que, en todo caso, debe ser recoñecido.

Debe partirse a este respecto da afirmación rotunda do artigo 92, parágrafo primeiro, do Código civil de que a separación, a nulidade, divorcio ou procesos similares de quebra familiar non eximen os pais das súas obrigas para cos seus fillos, e entre esas obrigas, e como primordial, encóntrase a de alimentalos: o xuíz, en todo caso, determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos dos fillos, di o artigo 93 CC, polo que, en tal sentido, debe entenderse que a separación e o divorcio debe incidir o menos posible no fillos, pois é contrario aos ideais de xustiza que estes, por problemas xurdidos entre os pais, se vexan abocados a un empeoramento en termos económicos.

Segundo. Na súa consideración e do resultado da proba practicada no acto de xuízo e a que figura en autos, interrogatorio da partes e documental, con respecto á garda e custodia da filla menor de idade e o réxime de visitas desta, asumindo na súa integridade as alegacións do Ministerio Fiscal no acto da vista, en consonancia co disposto no artigo 92 e no artigo 94 CC, debe corresponder a atribución da garda e custodia á nai, con patria potestade compartida.

Como acertadamente refire o Ministerio Fiscal, a actual situación da menor de 11 anos de idade coa nai, cuxa vinculación é indubidable, aboca á atribución da garda e custodia daquela a esta, con patria potestade compartida, sen establecemento de réxime de visitas para o pai, o cal desatendeu as súas funcións de proxenitor, sen buscar o contacto ou relación coa súa filla, cunha desafección tamén manifesta durante estes 10 anos, en que é evidente a desidia na súa funcións tuitivas, e resulta mesmo prexudicial para a descendente o establecemento dun réxime de visitas que, por outra parte, a teor da actitude mostrada polo pai ata a data, carece de sentido, todo iso sen prexuízo de que poida accederse á vía do artigo 775 da LAC, para o caso de pedir unha modificación de medidas para a alteración do acordado no día de hoxe.

Terceiro. En canto aos pronunciamentos de carácter especificamente económico e en atención á proba practicada, enténdese proporcionada e acorde cos intereses das partes e da filla menor común a cantidade de 150 euros mensuais a favor desta establecida en sede de medidas provisionais no fundamento xurídico segundo, punto terceiro, da resolución de 28.7.2016, en concepto de contribución por parte do pai aos gastos de educación e sostemento da descendente citada. Non se achegaron datos sobre os ingresos da nai nin se acreditaron con documento ningún os gastos que esta asume nin en sede de interrogatorio se manifesta nin se concretan as cargas que satisfai como consecuencia da garda e custodia da menor e que poidan xustificar a petición de 300 euros mensuais ao outro proxenitor, sen prexuízo do dereito que asiste a cada proxenitor de acudir ás vías previstas no artigo 775 LAC para o caso de alteración substancial das circunstancias que permitise unha modificación das sumas acordadas na presente resolución. Así mesmo e como consecuencia do exposto no parágrafo precedente, deberá contribuír o pai nun 50 % aos gastos extraordinarios, debidamente acreditados, derivados da educación, desenvolvemento e sostemento do descendente menor de idade.

Visto o contido do artigo 148, primeiro parágrafo in fine, do CC, despois de ser interposta a primeira demanda o 7.6.2016 pola parte demandante, as sumas establecidas no parágrafo precedente devindicaranse como primeiro mes que hai que aboar, o de xuño do ano 2016 (con perspectiva en que a demanda foi presentada nos primeiros días do devandito mes).

Cuarto. Con relación ás costas procesuais, vista a estimación parcial da demanda e a especial natureza das cuestións discutidas neste proceso, non se realiza especial pronunciamento ao respecto

Vistos os preceptos citados, concordantes e demais de xeral aplicación,

Fallo que, estimando parcialmente a demanda de medidas definitivas de garda e custodia formulada por Marjorie Baz Estupiñán, que actúa representada pola procuradora Sra. García García e asistida pola letrada Sra. Méndez Castro, contra Gehovanny Samir Lagos Contreras, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, debo acordar e acordo:

Garda e custodia da menor, Andrea Saymar Lagos Baz, para a nai, con patria potestade compartida entre ambos os dous proxenitores, sen establecemento de réxime de visitas a favor do pai.

En concepto de pensión alimenticia a favor da menor, o pai deberá aboará a suma de 150 euros mensuais, que se actualizará anualmente de acordo co IPC e será ingresada na conta bancaria da entidade que designe a demandante, dentro dos cinco primeiros días de cada mes, debendo contribuír así mesmo o proxenitor non custodio co 50 % dos gastos extraordinarios, debidamente acreditados e xustificados, derivados da educación, desenvolvemento e formación integral da menor. As devanditas sumas devindícanse desde o mes de xuño do ano 2016, conforme o establecido no fundamento xurídico terceiro in fine.

Non se efectúa especial pronunciamento sobre custas procesuais, vista a natureza do proceso.

Notifíquese a presente sentenza ás partes coa mención expresa de que contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, que deberá interpoñerse no prazo de vinte días desde a súa notificación.

Así o pronuncia manda e asina, Montserrat Matos Salgado, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol e o seu partido».

E como consecuencia do ignorado paradoiro de Gehovanny Samir Lagos Contreras, expídese a presente para que sirva de cédula de notificación.

Ferrol, 18 de maio de 2017

O/a letrado/a da Administración de xustiza