Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 24 de maio de 2017 Páx. 25022

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 18 de maio de 2017 pola que se convoca a concesión de subvencións para as persoas adquirentes, adxudicatarias ou promotoras individuais para uso propio de vivenda, que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O artigo 4.2 do citado decreto establece que as subvencións con cargo a fondos finalistas do Estado, xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financien con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolven. Ademais, no artigo 4.3 disponse que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Estas axudas teñen por obxecto facilitar o primeiro acceso á vivenda en propiedade e están dirixidas ás persoas adquirentes, ás persoas adxudicatarias de vivendas promovidas en réxime de cooperativa e ás persoas promotoras individuais de vivendas para uso propio, que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Para a concesión destas subvencións é preciso que a persoa solicitante formalizase un préstamo convido do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012, e que cumpra o resto dos requisitos establecidos nesta orde.

A exixencia, como requisito para acceder a estas axudas, da formalización dun préstamo convido dentro do dito intervalo de datas obedece ás dispoñibilidades orzamentarias e á previsión que fai a Administración das persoas solicitantes que puideron formalizar o préstamo convido nese intervalo.

De conformidade co disposto no artigo 4.3 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, e no artigo 4 do Decreto 37/2017, do 6 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, é competente para ditar esta orde a conselleira de Infraestruturas e Vivenda e, en consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para a anualidade 2017, a través dun procedemento en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a afrontar os gastos derivados da adquisición, da adxudicación ou da promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que obtivesen financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012 (código de procedemento VI435A).

Artigo 2. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións foron aprobadas polo Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia número 217, do 5 de novembro), polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións que se convocan mediante esta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.780.1, do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o ano 2017, por importe de 499.000 €.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que tera efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas físicas:

a) As adquirentes de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

b) As adquirentes de vivendas libres de prezo limitado, así como de vivendas usadas.

c) As adxudicatarias de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral promovidas en réxime de cooperativa.

d) As promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

2. En todo caso, será requisito necesario que as persoas beneficiarias estean acollidas ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, así como ter formalizado un préstamo convido entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012, e ademais:

a) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, que conten coa escritura pública de compravenda ou adxudicación inscrita no Rexistro da Propiedade, onde conste, separadamente, o prezo da vivenda e de cada un dos anexos, se os tiver.

b) Cando se trate de persoas promotoras individuais para uso propio de vivenda protexida, que conten coa resolución de cualificación definitiva da vivenda.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións aquelas en que concorran algunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tampouco aquelas que obtivesen con anterioridade as mesmas axudas que se convocan nesta orde.

4. As circunstancias persoais da persoa solicitante e da súa unidade familiar que se terán en conta para resolver sobre estas subvencións serán as acreditadas no expediente polo cal se outorgou o financiamento estatal, así como as acreditadas na documentación indicada no artigo 8 desta orde.

Para a tramitación destas solicitudes terase en conta a documentación xa presentada polas persoas solicitantes na súa solicitude de financiamento estatal, sen que sexa preciso volver a achegala.

Artigo 5. Contía das subvencións

1. Ás persoas beneficiarias con dereito a protección preferente, de acordo co establecido no artigo 1.2 do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, excepto no suposto previsto na súa alínea l), correspóndenlles unha axuda de 2.000 euros. Se se acredita a pertenza a máis dun colectivo dos establecidos nese artigo, a subvención será de 2.000 euros por cada un deles. As familias numerosas de cinco ou máis fillos terán unha axuda adicional de 2.000 euros.

2. Ás persoas solicitantes con ingresos familiares que non excedan 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), nas cales concorra a circunstancia sinalada na alínea l) do citado artigo 1.2 do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, relativo ás persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, así como ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade, corresponderalles, como subvención, o 25 por 100 do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, a suma dos valores da edificación e do solo que consten na escritura de obra nova. Nestes casos, a subvención terá un límite de 17.000 euros. Estes colectivos non se poderán acoller ás axudas recollidas no número 1 deste artigo.

Os requisitos de ser persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, así como das persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se encontren en especial situación de necesidade, acreditaranse mediante informe social do concello e por certificación do organismo competente en materia de emigración, respectivamente.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia.

e) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante.

b) Certificación da entidade de crédito na cal se indique que a persoa solicitante obtivo o préstamo convido ao abeiro do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, a súa data de formalización e o seu importe, no suposto de que non fose presentada con anterioridade.

c) Copia da escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a adquisición da vivenda, no caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, no caso de que non se achegase con anterioridade.

d) Informe social e económico do concello sobre a familia afectada, así como sobre a súa situación legal de residencia e a súa capacidade de integración, no caso de persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, no suposto de que non se presentase anteriormente.

e) De ser o caso, declaración responsable de ter a condición de emigrantes galegos retornados nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade, para os efectos da solicitude de informe da Secretaría Xeral de Emigración.

f) Anexo II de comprobación de datos da persoa ou persoas copropietarias, de ser o caso.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos aos que se refire o documento.

Artigo 9. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Artigo 10 Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante ou, de ser o caso, da persoa copropietaria da vivenda.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

c) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante ou a/s persoa/s copropietarias/s, se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I e anexo II, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Artigo 12. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a presente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da correspondente xefatura da área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 3 desta orde, resolverá o que segundo en dereito proceda.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Non obstante, as persoas interesadas tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 15. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de formalización da escritura do préstamo convido. No caso de igualdade da data de formalización da escritura do préstamo convido, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no rexistro da área provincial do IGVS, onde estea situada a vivenda. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 16. Xustificación do gasto subvencionable

De conformidade co artigo 38 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, a subvención xustificarase, no caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias de vivenda, cando se achegue a escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a transmisión da vivenda e a obtención do préstamo convido e, no caso de promotores/as individuais de vivenda para uso propio, mediante a resolución de cualificación definitiva da vivenda e a acreditación da obtención do préstamo convido.

Artigo 17. Pagamento das subvencións

O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria sinalada para estes efectos no anexo I.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 19. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Esta subvención é compatible con outras axudas ou subvencións que a persoa beneficiaria poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que lle corresponden nesta orde, así como ás doutras administracións ou organismos públicos, outorgadas para a mesma finalidade, non poderá superar o prezo máximo de adquisición da vivenda obxecto de axuda por esta convocatoria.

2. No caso de que a adquisición, a adxudicación ou a promoción individual para uso propio dunha vivenda se fixese en réxime de cotitularidade, só se concederá unha subvención por vivenda.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se realicen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiraselles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou ao teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde á posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS realizará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta orde serán publicados na Base de datos nacional de subvencións e os seus extractos no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer, ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n; polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a planificacion.igvs@xunta.gal.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento; no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file