Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2017 Páx. 23169

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a REE a autorización administrativa, se aproba o proxecto de execución e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada nova subestación a 220 kV de Lousame, no termo municipal de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE) con enderezo para os efectos de notificación no Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 23.10.2009 a empresa REE presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da instalación eléctrica denominada nova subestación a 220 kV de Lousame, acompañada do proxecto de execución, das separatas técnicas para os organismos afectados e da relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste nunha subestación a 220 kV con esquema de dobre barra con acoplamento, en tecnoloxía convencional, coas seguintes posicións pertencentes á rede de transporte:

• Dúas posicións de liña de entrada da nova liña a 220 kV Lousame-Tibo.

• Unha posición de liña de entrada de nova liña a 220 kV Lousame-Mazaricos.

• Unha posición de acoplamento e medida.

Segundo. O 30.11.2009 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emitiu informe favorable a que sexa a Dirección Xeral de Enerxía e Minas quen resolva a petición referida no antecedente de feito anterior.

Terceiro. O 19.10.2010 a empresa REE presentou o estudo de impacto ambiental, xunto coa documentación xustificativa dos trámites realizados no seu momento perante o Ministerio de Medio Ambiente (trámite de consultas previas), que comprende as catro instalacións eléctricas seguintes (para as cales se indican os números de expediente baixo os cales se tramitaron simultaneamente as solicitudes reflectidas):

• Nova subestación a 220 kV de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1: solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública).

• LAT 220 kV DC Lousame-Tibo (expediente IN407A 2010/268-1: solicitude de autorización administrativa).

• LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269-1: solicitude de autorización administrativa).

• LAT 220 kV DC E/S na subestación de Lousame da LAT Santiago-Tambre (expediente IN407A 2010/270-1: solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública).

O órgano ambiental considerou válidos os trámites realizados polo Ministerio de Medio Ambiente, e notificou á Xefatura Territorial da Coruña da actual Consellería de Economía, Emprego e Industria (en adiante, xefatura territorial) certos aspectos que había engadir ao estudo de impacto ambiental para a súa exposición pública.

Cuarto. O 22.11.2012 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública o estudo de impacto ambiental único sobre o conxunto das catro instalacións eléctricas citadas, así como a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da instalación eléctrica denominada nova subestación a 220 kV de Lousame, no concello de Lousame, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2009/471-1).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19 de decembro de 2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 18 de decembro, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 13 de decembro e nos xornais El Correo Gallego e Faro de Vigo do 22 de decembro. Así mesmo, estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Lousame, así como nas dependencias das xefaturas territoriais da Coruña e de Pontevedra das actuais consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e de Economía, Emprego e Industria.

Durante este trámite de información pública só se presentaron alegacións ao estudo de impacto ambiental, que se integraron no expediente ambiental que se remitiu ao órgano ambiental para a formulación da declaración de impacto ambiental.

Quinto. O 29.11.2012 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas da instalación eléctrica denominada nova subestación a 220 kV de Lousame, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados: Concello de Lousame, Dirección Xeral de Montes e Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Estas tres entidades presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado á empresa REE, quen presentou a súa conformidade ao respecto.

Sexto. O 19.6.2015 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe en que se resume a instrución do expediente IN407A 2009/471-1 (información pública e consulta ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas no estudo de impacto ambiental) e se informa do seguinte:

• A infraestrutura denominada nova subestación a 220 kV de Lousame atópase recollida no documento Planificación dos sectores de electricidade e do gas 2008-2016, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 30 de maio de 2008.

• Procede remitir ao órgano substantivo o documento inicial do estudo de impacto ambiental, así como todos os informes e/ou alegacións relacionados con este e de consultas ás administracións públicas afectadas.

• O proxecto técnico cumpre coas exixencias regulamentarias do Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, de aplicación ao abeiro da disposición transitoria segunda do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

Sétimo. O 22.2.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ás instalacións eléctricas LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, nova subestación a 220 kV de Lousame, LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre e LAT 220 kV DC Lousame-Tibo.

O 27.3.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se deu publicidade á devandita declaración de impacto ambiental, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar á empresa REE a autorización administrativa da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada nova subestación a 220 kV de Lousame, no termo municipal de Lousame (A Coruña).

2. Aprobar o proxecto de execución da citada instalación eléctrica.

3. Recoñecer, en concreto, a utilidade pública da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado nova subestación de Lousame a 220 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Julio Alguacil Prieto (colexiado nº 7.511 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº CO092937 e data 2.10.2009; e no que figura un orzamento de 4.520.678,58 €.

Segunda. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, que resulta de aplicación ao abeiro do disposto na disposición transitoria segunda do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, comunicando á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que se consideren oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito quinto da presente resolución), a empresa REE procederá a realizar as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas