Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 2017 Páx. 22960

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO polo que a Deputación asume a competencia delegada nela polo Concello de Melón sobre recadación executiva do imposto de bens inmobles e do imposto de vehículos de tracción mecánica.

De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004 e 106.3ºda Lei 7/1985, e cumprindo o que acordou a Corporación Provincial, na sesión do día 24 de febreiro de 2017, faise público que a Deputación Provincial de Ourense asume a competencia delegada nela polo Concello de Melón (recadación executiva do imposto de bens inmobles e do imposto de vehículos de tracción mecánica) nas condicións xerais establecidas e que se detallan no anuncio publicado por esta Corporación no DOG do día 19.9.1994.

O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da recadación en vía executiva e de todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e a resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

Para o exercicio da competencia delegada o Concello debería remitir as oportunas certificacións de descuberto dos tributos a que se refire.

A taxa que deberá satisfacer o Concello pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario, conforme co establecido no artigo 6, alínea b), da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da ordenanza fiscal.

A presente delegación estará vixente ata o 30 de setembro de 2020, prorrogarase tacitamente por períodos de 4 anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándollo á outra cunha antelación inferior a 6 meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga.

A data de inicio de efectos desta delegación e o prazo da súa vixencia axustaranse ás normas que ten establecidas esta Deputación.

Ourense, 6 de abril de 2017

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense