Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 9 de maio de 2017 Páx. 22600

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín

EDICTO (68/2016).

Myriam de Mata Schick, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín, fai saber que no presente procedemento familia, garda, custodia e alimentos nº 68/2016, seguido por instancia de Dorel Bogdan Curt contra Denisa Loredana Giurgiuveanu, se ditou sentenza con data do 19 de xaneiro de 2017, cuxa resolución é do teor literal seguinte:

Resolución:

Estimo parcialmente a demanda presentada por Dorel Bogdan Curt fronte a Denisa Loredana Giurgiuveanu e, en consecuencia, acordo a aplicación das seguintes medidas relativas á garda, custodia e alimentos da filla común menor de idade, Lavinia Andreia Curt:

1. O exercicio conxunto da patria potestade sobre a menor por ambos os dous proxenitores.

Prohíbeselle expresamente á nai que saque a menor do territorio español sen contar con consentimento expreso do pai ou, na súa falta, autorización xudicial.

2. Atribúeselle a garda e custodia da filla menor, Lavinia Andreia Curt, a Dorel. Na falta de acordo entre os proxenitores, fíxase como réxime de comunicación e visitas o seguinte: Denisa Loredana poderá estar en compañía da súa filla os sábados e domingos alternos, desde as 11.00 horas ata as 18.00 horas de cada día, durante aqueles períodos que pase en Lalín. Se estes períodos son inferiores a unha semana, poderá estar en compañía da menor durante calquera dos dous días dese período, desde as 11.00 horas ata as 18.00 horas de cada día, e deberá avisar o pai polo menos con 48 horas de antelación ao inicio das visitas, e sen prexudicar o horario escolar da nena.

A menor deberá ser recollida e devolta pola nai no domicilio paterno ao inicio e á finalización das visitas, sen que se poida pernoitar coa nena.

Igualmente, a nai poderá comunicarse telefonicamente ou por calquera outro medio de comunicación coa menor sempre que faga un uso prudente deste dereito e non perturbe o descanso e as obrigas académicas da nena.

3. Establécese a favor da filla menor e a cargo de Denisa Loredana Giurgiuveanu unha pensión mensual de alimentos de 120 euros, que deberá ser ingresada por Denisa Loredana dentro dos 5 primeiros días de cada mes na conta bancaria determinada por Dorel e que se actualizará anualmente consonte as variacións do IPC.

Os gastos extraordinarios deberán ser afrontados por metade entre ambos os dous proxenitores. Merecen tal consideración os gastos médicos, farmacéuticos e asistenciais non cubertos polo réxime público de saúde, os derivados de actividades extraescolares e calquera outro de análoga natureza. A reclamación da parte correspondente dos gastos extraordinarios exixirá coñecemento previo e consentimento manifestado polo outro cónxuxe, salvo situacións de urxencia.

Non procede a condena en custas de ningunha das partes.

Notifíquese esta resolución ás partes e ao Ministerio Fiscal.

Esta sentenza non é firme e contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, que se deberá interpor ante este xulgado no prazo de 20 días contados desde o seguinte ao da notificación daquela. Para a interposición do dito recurso deberá acreditarse a consignación dun depósito de 50 euros na conta deste xulgado, baixo apercibimento de non admitir a trámite o recurso.

Así o acordo e asino, Gonzalo Sans Besada, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Lalín.

E ao estar a dita demandada, Denisa Loredana Giurgiuveanu, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Lalín, 10 de abril de 2017

A letrada da Administración de xustiza