Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 5 de maio de 2017 Páx. 22142

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (243/2016).

Eu, Susana Varela Amboage, letrada da Administración de xustiza en substitución do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 243/2016 deste xulgado do social, seguido por instancia de José Antonio Villar Horta contra Galicarbo, S.L.U., Fogasa, se ditou a seguinte resolución:

«Auto:

Maxistrada xuíza: Ana María Souto González.

En Santiago de Compostela, 11 de abril de 2017.

Antecedentes de feito:

Primeiro. José Antonio Villar Horta presentou demanda de execución contra Galicarbo, S.L.U., instando a execución da sentenza recaída no procedemento de despedimento número 543/2016 seguido ante este xulgado e ditada o día 20 de setembro de 2016, a cal, notificada ás partes, alcanzou firmeza.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por auto do 27 de decembro de 2016, por dilixencia de ordenación da mesma data, acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme ao artigo 281 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia asistiu a parte executante, pero non as executadas nin o Fogasa, a pesar de constar legalmente citadas. A parte executante ratificouse na demanda executiva, solicitando que, dada a imposibilidade de readmisión, se declarase a extinción da relación laboral coas consecuencias legais inherentes, reclamado tanto a indemnización coma os salarios de tramitación; solicitándose o recibimento do preito a proba, practicándose as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos, e, tras o trámite de conclusións, se declararon os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados:

Primeiro. Resulta probado que nos autos de despedimento número 543/2016 seguidos ante este xulgado recaeu sentenza do 20 de setembro de 2016, cuxa resolución é a seguinte: “Estímase a demanda interposta por José Antonio Villar Horta fronte a Galicarbo, S.L.U. e José Ramón Blanco Barreiro, e declárase a improcedencia do despedimento con efectos do 3 de xuño de 2016, e debo condenar e condeno a demandada Galicarbo, S.L.U. a que readmita o traballador demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento con aboamento dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación da sentenza a razón de 45,74 euros diarios ou ben, a elección da demandada, á extinción da relación laboral con aboamento ao demandante da indemnización de 21.010,80 euros por despedimento improcedente; sen prexuízo das responsabilidades legais do Fondo de Garantía salarial.

A opción do empresario entre a readmisión do traballador ou a indemnización por despedimento improcedente deberá exercerse no prazo de 5 días contados a partir da notificación da presente resolución, mediante un escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido o devandito prazo sen que se tivese optado entérase que procede a readmisión”.

Segundo. Adquirida firmeza a sentenza a demandada, non exerceron o dereito de opción.

Razoamentos xurídicos:

Primeiro. O artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social, baixo a rúbrica “Incidente de non readmisión” establece que, instada a execución da resolución en canto á condena a readmisión, o xuíz competente ditará auto en que se despache a execución pola vía de incidente de non readmisión e, seguidamente, o secretario sinalará a vista do incidente dentro dos cinco días seguintes, citando de comparecencia os interesados. A execución doutros pronunciamentos distintos da condena a readmisión someterase ás regras xerais aplicables segundo a súa natureza.

O día da comparecencia, se os interesados tivesen sido citados en forma e non asistise o traballador ou persoa que o represente, teráselle por desistido da súa solicitude; se non comparecese o empresario ou o seu representante, celebrarase o acto sen a súa presenza.

Engade o artigo 281 baixo a mención “Auto de resolución do incidente” que na comparecencia, a parte ou partes que concorran serán examinadas polo xuíz sobre os feitos da non readmisión ou da readmisión irregular alegada, achegándose unicamente aquelas probas que, podendo practicarse no momento, o xuíz considere pertinentes. Estenderase a correspondente acta do actuado.

Dentro dos tres días seguintes, o xuíz ditará auto en que, salvo nos casos onde non resulte acreditada ningunha das dúas circunstancias alegadas polo executante:

a) Declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución.

b) Acordará que se aboe ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos 1 e 2 do artigo 56 do Estatuto dos traballadores. En atención ás circunstancias concorrentes e aos prexuízos ocasionados pola non readmisión ou pola readmisión irregular, poderá fixar unha indemnización adicional de ata quince días de salario por ano de servizo e un máximo de doce mensualidades. En ambos os dous casos, ratearanse os períodos de tempo inferiores a un ano e computarase como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Condenará o empresario ao aboamento dos salarios deixados de percibir desde a data da notificación da sentenza que por primeira vez declare a improcedencia ata a da mencionada solución.

Segundo. No presente caso, os feitos declarados probados resultan da documental existente en autos e da ficcta confesio aplicada á parte demandada, conforme o artigo 91.2 de LRXS.

Con base na dita documental e atendidos os preceptos legais citados, procede declarar a extinción da relación laboral a data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos puntos 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2 apartados b) e c) da LRXS.

Terceiro. Procede no presente suposto, de conformidade co precepto establecido, declarar a extinción da relación laboral e proceder ao cálculo da indemnización por despedimento nos termos expostos.

O demandante veu traballando por conta da demanda desde o día 1 de febreiro de 2005, cun salario de 1.395 euros, con rateo de pagas extraordinarias.

Debe sinalarse que para casos como o presente, nos que a relación laboral comezou con anterioridade á entrada en vigor da reforma (12 de febreiro de 2012) haberá de facerse o cálculo indemnizatorio en dous tramos, un primeiro tramo polo tempo de prestación de servizos anterior ao día 12 de febreiro de 2012 en que o cálculo se fai a razón de 45 días de salario por ano de servizo, e un segundo tramo polo tempo de servizo posterior ao día 12 de febreiro de 2012 a razón de 33 días de salario por ano de servizo.

Pois ben, polo que respecta á indemnización, haberá de calcularse a data da presente resolución, 11 de abril de 2016, o que ascende a un total de 20.867,83 euros.

Os salarios de tramitación desde o despedimento ata a data da presente resolución ascenden a 14.316,62 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe aterse ao previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva:

Declaro extinguida a data da presente resolución a relación laboral que unía a José Antonio Villar Horta coa demandada e condeno a Galicarbo, S.L.U. a aboarlle a José Antonio Villar Horta a suma de 20.867,83 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral, a suma de 14.316,62 euros en concepto de salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a presente resolución, resultando un total de 35.184,45 euros.

Notifíquese ás partes e ao Fogasa a presente resolución e fágaselles saber que contra esta poden interpoñer recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Ana María Souto González, maxistrada-xuíza de reforzo do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada. A letrada da Administración de xustiza».

E para que sirva de notificación en legal forma a Galicarbo, S.L.U., en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2017

A letrada da Administración de xustiza