Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2017 Páx. 18798

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2017 pola que se acorda a publicación da modificación do artigo 24 do Regulamento polo que se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso dos cidadáns aos servizos públicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e se crean a sede electrónica, o rexistro electrónico e o taboleiro de anuncios, aprobada no Consello de Goberno do 3 de marzo de 2017.

Preámbulo

I. A escasa aceptación e uso por parte da cidadanía dos sistemas de sinatura electrónica recoñecida regulados na Lei de sinatura electrónica determinou a necesidade de reconducir os sistemas de sinatura permitindo sistemas de sinatura electrónica non criptográfica, menos complexos, e aplicándoos aos procedementos e actuacións en virtude do principio de proporcionalidade.

Este principio vese plasmado coa entrada en vigor das leis 39 e 40/2015, xa que establecen que non é necesaria a sinatura electrónica para aqueles documentos que se publiquen con carácter meramente informativo, así como aqueles que non formen parte dun expediente administrativo (artigo 26.3 da Lei 39/2015). Así mesmo, a Lei 39/2015, do procedemento administrativo das administracións públicas, establece os sistemas de identificación dos interesados no artigo 9, admitindo sistemas baseados en «clave concertada e calquera outro sistema que as administracións públicas consideren válido, nos termos e condicións que se establezan».

A citada lei indica que corresponde a cada Administración pública determinar se só admite algúns destes sistemas para realizar determinados trámites ou procedementos do seu ámbito de competencia. Esta determinación deberá establecerse na política de sinatura electrónica de cada Administración.

II. O II Plan de Administración electrónica 2016-2019 establece como un dos seus eixes o de «reducir o nivel de identificación dos usuarios, pasando a ser o réxime xeral o de claves concertadas (usuario/contrasinal)» para facilitar o uso de ferramentas electrónicas.

III. Actualmente o Regulamento polo que se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso dos cidadáns aos servizos públicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e se crean a sede electrónica, o Rexistro Electrónico e o taboleiro de anuncios, aprobado no Consello de Goberno do 29 de xaneiro de 2013 e publicado no DOG do 15 de marzo de 2013, establece no seu artigo 24 que «para acceder aos servizos desde a sede electrónica, a cidadanía e o persoal universitario poderán utilizar calquera dos sistemas de sinatura electrónica admitidos pola USC, e teranse que empregar sistemas de sinatura avanzada ou recoñecida para a realización daquelas actuacións que requiran asegurar a integridade e a autenticidade de documentos electrónicos. Non obstante o previsto no punto anterior, mediante resolución da Secretaría Xeral, logo de informe preceptivo da ATIC, poderá autorizarse a utilización doutras modalidades de sinatura electrónica que non estean baseadas en sistemas criptográficos, sempre que garantan a integridade e o non rexeitamento dos documentos electrónicos». Así mesmo, indícase que «as persoas físicas poderán utilizar o documento nacional de identidade (DNI) electrónico naqueles trámites e actuacións que requiran asegurar a integridade e autenticidade dos documentos electrónicos» e que «se a actuación ou o trámite só exixe a identificación da persoa, poderanse autorizar supostos en que abonde utilizar sistemas alternativos baseados no rexistro previo ou a achega de información coñecida por ambas as dúas partes».

Neste senso e para cumprir o II Plan de AE faise necesaria unha adecuación do artigo 24 do citado regulamento para permitir o uso de claves concertadas nos supostos de identificación de usuarios e, de ser o caso, de sinatura de documentos nos termos que se establezan na política de sinatura da USC.

Por todo o anterior, o Consello de Goberno acordou, con data do 3 de marzo de 2017:

Primeiro. Modificar o artigo 24 do Regulamento polo que se implantan medios electrónicos que facilitan o acceso dos cidadáns aos servizos públicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e se crean a sede electrónica, o Rexistro Electrónico e o taboleiro de anuncios, que terá a seguinte redacción:

Artigo 24. Identificación electrónica

1. Para acceder aos servizos desde a sede electrónica, a cidadanía e o persoal universitario poderán utilizar calquera dos sistemas de sinatura electrónica admitidos pola USC, conforme a política de sinatura da USC debendo asegurar a integridade e a autenticidade de documentos electrónicos.

2. Mediante resolución da Secretaría Xeral, logo de informe preceptivo da ATIC, estableceranse as modalidades de sinatura electrónica para a identificación e sinatura na sede electrónica e nos distintos procedementos da USC, que terán en conta o principio de proporcionalidade.

3. A USC establecerá na súa política de sinatura os sistemas e certificados electrónicos admitidos para relacionarse electronicamente coa USC. A dita política estará permanentemente á disposición dos usuarios na sede electrónica da USC.

4. En todo caso, aplicaranse os seguintes principios:

• Promoverase o uso de certificados de empregado público para o desempeño das funcións propias do posto que ocupen ou para relacionarse con outras administracións públicas.

• A sinatura de documentos en procedementos internos realizarase preferentemente mediante o uso das ferramentas corporativas de portasinaturas electrónico e sistema de verificación de sinatura.

Segundo. A presente modificación entrará en vigor na data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2017

Juan M. Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela