Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 15959

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 31/2017, do 2 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-543, treito urbanización Monte Devesa-Aldea Buio (punto quilométrico 10+160-10+870), no concello de Brión (clave AC/16/088.06).

Antecedentes:

Con data do 9 de novembro de 2016 aprobouse provisionalmente, por resolución da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na AC-543. Treito: urbanización Monte Devesa- Aldea Buio (p.q. 10+160-10+870), de clave AC/16/088.06.

Con data do 28 de novembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 227) o Anuncio do 14 de novembro de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na AC-543. Treito: urbanización Monte Devesa- Aldea Buio (p.q. 10+160-10+870), de clave AC/16/088.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise dos informes e certificacións presentadas, o 2 de febreiro de 2017 se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na AC-543. Treito: urbanización Monte Devesa- Aldea Buio (p.q. 10+160-10+870), de clave AC/16/088.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a execución dun itinerario mixto (peonil e ciclista) na marxe dereita da estrada AC-543 coa finalidade de comunicar a aldea de Buio e a urbanización de Monte Devesa, constituíndo así un itinerario continuo entre ambas as poboacións, ao mesmo tempo que se favorece a seguridade vial no contorno da estrada AC-543.

O itinerario considerado está deseñado en toda a súa lonxitude (710 m) para albergar un largo de 3,15 m, distribuídos do seguinte xeito: zona destinada ao tránsito peonil e ciclista de largo mínimo 1,8 m, e separador vexetal de 90 cm de largo delimitado por dous bordos de formigón (de aproximadamente 22 cm de largo).

As obras previstas comprenden tamén as seguintes actuacións complementarias á execución da senda, e que son necesarias para garantir a súa funcionalidade:

– Reposición e ampliación da drenaxe existente. Execución de foxas para dar continuidade á drenaxe lonxitudinal.

– Realización dun prisma de servizos para futuras canalizacións.

– Reposición da sinalización horizontal. Mellora e recuamento da sinalización vertical.

– Colocación de proteccións peonís e reposición dos sistemas de contención e balizamentos.

– Reposición dos servizos públicos e privados afectados polas obras.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de marzo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na AC-543. Treito: urbanización Monte Devesa-Aldea Buio (p.q. 10+160-10+870), de clave AC/16/088.06.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda