Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 15962

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 32/2017, do 2 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-250, Amoedo-Pazos de Borbén (punto quilométrico 6+500-7+320), no concello de Pazos de Borbén (clave PO/16/060.06).

Antecedentes:

O 21 de novembro de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 222) o Anuncio do 9 de novembro de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na PO-250. Amoedo-Pazos de Borbén (p.q. 6+500-7+320), de clave PO/16/060.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 3 de febreiro de 2017 se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na PO-250, Amoedo-Pazos de Borbén (p.q. 6+500-7+320), de clave PO/16/060.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a creación dunha senda compartida (peonil e ciclista), no treito da estrada PO-250 que vai desde o p.q. 6+500 (fin do núcleo de Amoedo) ao p.q. 7+320 (comezo do núcleo de Pazos), creando un itinerario continuo e seguro que beneficiará a circulación de peóns e ciclistas, que na actualidade non dispoñen de carril específico e circulan pola beiravía ou polo carril de circulación.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que da lugar a realización dá obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de marzo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na PO-250, Amoedo-Pazos de Borbén (p.q. 6+500-7+320), de clave PO/16/060.06.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda