Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2017 Páx. 14947

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo polo que se ratifica a actualización de contías previstas no artigo 29 do I convenio colectivo para o persoal laboral do ente público Portos de Galicia.

Visto o acordo da comisión negociadora do I convenio colectivo para o persoal laboral do ente público Portos de Galicia (código 82000742012003), subscrito na xuntanza celebrada o 20 de xaneiro de 2017, entre o ente público Portos de Galicia e as organizacións sindicais CC OO, UGT e CSI-F, polo que se ratifica a actualización de contías previstas no artigo do dito convenio, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre o rexistro e o depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acta da reunión da comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral do ente público Portos de Galicia para a ratificación do acordo previo de actualización de contías prevista no artigo 29 do I convenio colectivo para o persoal laboral e para a modificación deste convenio

• Pola entidade pública Portos de Galicia:

O director: José Ignacio Villar García.

• Pola parte social:

– Por CC OO:

Luis Andrés Vidal Pedreira.

Laura González Gurgueiro.

Héctor Sánchez Fernández.

Javier Novoa Casado.

– Por UGT:

Concepción Maceira Mirás.

Carlos Quiñones Piquenque.

– Por CSIF:

José Vicente Sampedro Vázquez

En Santiago de Compostela, ás 11.00 horas do día 20 de xaneiro de 2017, reúnese a comisión negociadora do I convenio colectivo para o persoal do ente público Portos de Galicia, do 30 de decembro de 2002, publicado no DOG núm. 61, do 27 de marzo de 2003, logo da convocatoria do 12.1.2017, coa seguinte orde do día:

1. Ratificación do acordo previo de actualización de contías prevista no artigo 29 do dito I convenio colectivo e correspondente modificación deste.

Antecedentes:

En marzo de 2015 o Consello de Administración do ente público Portos de Galicia adoptou a resolución de aprobar o acordo previo de actualización de contías prevista no artigo 29 do I convenio colectivo de traballo para o persoal laboral do ente público Portos de Galicia, asinado entre a representación de Portos de Galicia e a representación laboral dos traballadores do dito ente público, condicionado a que se obtivese informe favorable conxunto da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos conforme o establecido no artigo 13.c) do Decreto da Xunta 227/1995, do 20 de xullo.

O dito acordo de actualización de contías implica a elevación da contía de 101,18 euros mensuais, inicialmente prevista no artigo 29 do referido I convenio colectivo, ata a contía de 180 euros mensuais e establecer os efectos da aplicación da dita actualización desde o 1.1.2014.

O 2.12.2015 recíbese nesta entidade o informe favorable conxunto das referidas direccións xerais, Dirección Xeral da Función Pública e Dirección Xeral de Orzamentos, do día 27.11.2015.

Desde a data de recepción do anterior informe favorable conxunto, Portos de Galicia xa está aplicando a nova contía de 180 euros mensuais aos traballadores que teñen dereito á súa percepción.

No entanto, resta a formalización da modificación nos termos expostos do mencionado artigo 29 do I convenio colectivo para o persoal laboral deste ente público.

Acordo:

Xa que logo, de conformidade co artigo 87 do ET, reúnese a RLT en canto comisión negociadora do I convenio colectivo para o persoal laboral do ente público Portos de Galicia, ás 11.00 horas do día 20.1.2017, na sala de xuntas de Portos de Galicia, nos seus servizos centrais sitos nas oficinas de Área Central en Santiago de Compostela, e acórdase por unanimidade:

• A ratificación do acordo previo de actualización de contías prevista no artigo 29 do dito I convenio colectivo e correspondente modificación deste.

Artigo 29 do I convenio colectivo para o persoal do ente público Portos de Galicia, do 30 de decembro de 2002, publicado no DOG núm. 61, do 27 de marzo de 2003:

«Artigo 29. Política de axuda a diminuídos físicos, psíquicos e sensoriais

Todo traballador que teña baixo a súa dependencia directa e legal, vivindo ás súas expensas, cónxuxe, fillos ou ascendentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que sexan diminuídos físicos, psíquicos e sensoriais recoñecidos como tales polos órganos competentes na materia e os seus ingresos non superen o salario mínimo interprofesional no cómputo anual, percibirá unha axuda de 108,18 € mensuais».

Nova redacción do artigo 29:

«Artigo 29. Política de axuda a diminuídos físicos, psíquicos e sensoriais

Todo traballador que teña baixo a súa dependencia directa e legal, vivindo ás súas expensas, cónxuxe, fillos ou ascendentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que sexan diminuídos físicos, psíquicos e sensoriais recoñecidos como tales polos órganos competentes na materia e os seus ingresos non superen o salario mínimo interprofesional no cómputo anual, percibirá unha axuda de 180,00 € mensuais».

Facúltase a Dirección da entidade pública Portos de Galicia para realizar os trámites oportunos co obxecto da súa tramitación, publicación e demais.

Sen máis asuntos que tratar, asínase a presente acta por triplicado exemplar.