Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2017 Páx. 14927

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Consonte o establecido non artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2017

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 5/2016,
do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 26 de xullo de 2016, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 21.2, 22.5, 39.1, 44.1.h), 49.3, 50, 52, 88.1.f), 102.1, 115.1 e 117.1 e 2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ambas as partes as consideran solucionadas nos seguintes termos:

a) Ambas as partes manifestan que o artigo 21.2 será aplicable de conformidade coas normas estatais na materia e con respecto ás competencias estatais sobre a regulación da devindicación dos aranceis rexistrais, e iso sen prexuízo de que a Xunta de Galicia asuma o custo da inscrición no suposto dos sitios históricos e de que así se reflicta no futuro desenvolvemento regulamentario da Lei de patrimonio cultural de Galicia.

b) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 49.3, ambas as partes entenden que este precepto debe interpretarse e aplicarse nos termos previstos na lexislación básica estatal e, concretamente, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, que establece o dereito de tenteo preferente da Administración do Estado fronte a calquera outro, sempre que se trate de adquirir bens mobles para un museo, arquivo ou biblioteca de titularidade estatal.

c) Ambas as partes coinciden en considerar que o artigo 50 debe interpretarse nos termos e de acordo co disposto na lexislación de competencia estatal sobre o establecemento dos requisitos para a autorización e inscrición das escrituras públicas.

d) Ambas as partes coinciden en considerar que os artigos 115.1 e 117.1 e 2 deben ser interpretados e aplicados conforme o disposto na lexislación estatal sobre museos de titularidade estatal e o Sistema Español de Museos e, por tanto, os devanditos preceptos deben interpretarse nos termos e de acordo co disposto na normativa estatal aplicable, en concreto, con pleno respecto no que se refire a museos de titularidade estatal e ao establecido nos convenios subscritos entre o Estado e a Xunta de Galicia.

e) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 52, as partes entenden que a referencia á lexislación reguladora do patrimonio histórico español contida no número 1 in fine do artigo 52 salvagarda expresamente a competencia do lexislador estatal en materia de defensa do patrimonio histórico español contra a exportación e expoliación e, en consecuencia, para establecer os supostos taxados en que pode procederse ao desprazamento dun inmoble, polo que debe entenderse que, mentres non se modifique o disposto no artigo 18 da Lei 16/1985, do patrimonio histórico español, só procederá o desprazamento dos inmobles protexidos cando resulte imprescindible por causa de forza maior ou de interese social.

f) En relación coas discrepancias manifestadas sobre os artigos 22.5, 39.1, 44.1.h) e 88.1.f), ambas as partes coinciden en considerar que deben ser interpretados de acordo co artigo 6 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, referido ás competencias de execución da Administración do Estado respecto dos bens integrantes do patrimonio histórico español adscritos a servizos públicos xestionados pola Administración do Estado.

g) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 102.1, ambas as partes coinciden en interpretar que a referencia ao mar territorial contida no devandito precepto debe ser entendida conforme e sen menoscabo das competencias estatais que o bloque de constitucionalidade lle atribúe sobre el e, con respecto á xurisprudencia constitucional sobre a distribución de competencias en tal espazo, de forma que a consellería competente en materia de patrimonio cultural limitará a súa actuación en relación co mar territorial ao recolleito no resto de epígrafes do devandito artigo 102, sen outra dimensión territorial de carácter autonómico.

Segundo. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 15 de febreiro de 2017

Soraya Sáenz de Santamaría Antón
Vicepresidenta do Goberno e ministra
da Presidencia e para as
Administracións Públicas

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza