Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 2017 Páx. 13569

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pablo Beiro.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pablo Beiro, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. José Manuel Alvelo Berredo, presidente do padroado da Fundación, solicitou a súa clasificación para os efectos da correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pablo Beiro constituíse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 8 de novembro de 2016, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, co número de protocolo 1.232, pola Asociación Club Amfiv, que actúa representada polo seu presidente, José Antonio Beiro Rodríguez.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

– O apoio á promoción, desenvolvemento e mantemento do deporte adaptado a todos os niveis en Galicia, tanto de alta competición e de disciplinas deportivas paralímpicas como nas estruturas de base necesarias para iso, achegando a práctica e difusión do deporte adaptado aos discapacitados e demais cidadáns, coa dotación dos medios materiais e humanos necesarios. A sensibilización da sociedade galega ante a discapacidade, as causas que a motivan e a súa superación a través do deporte adaptado para favorecer a tolerancia, o respecto e a integración e potenciar na súa práctica a igualdade, a multiculturalidade e o traballo en equipo, así como a promoción da saúde a través das prácticas deportivas. A promoción de eventos, seminarios, cursos, encontros, campus sobre o deporte adaptado e actividades físico-deportivas.

– O desenvolvemento e potenciación en xeral de actividades deportivas, culturais e sociais, así como o fomento do deporte. A integración, formación e orientación educativa desde a infancia e, especialmente, na mocidade a través dos centros educativos e pedagóxicos de Galicia. A colaboración con asociacións, sociedades e institucións sociais, culturais, artísticas, benéficas e deportivas, así como clubs e deportistas para a súa preparación e acceso a competicións de carácter nacional ou internacional. A integración, formación e orientación socio-laboral a través do deporte de persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial.

– A formación profesional, orientación e inserción laboral de persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial.

– O establecemento, na forma e medida que se considere posible e conveniente, de relacións con entidades nacionais e estranxeiras que persigan fins semellantes.

– A promoción e fomento do patrimonio deportivo do Club Amfiv, procurando estender o coñecemento xeral desta entidade deportiva e do seu sociofundador Pablo Beiro Diz.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, á súa capacidade e á vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios; e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por José Manuel Alvelo Berredo como presidente; Manuel Veiga Rodríguez como vicepresidente; José Carlos González Castro como secretario; e José Antonio Beiro Rodríguez como vicesecretario.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Pablo Beiro atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumprindo os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 6 de febreiro de 2017 clasificouse como de interese deportivo a Fundación Pablo Beiro e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, en relación co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pablo Beiro, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pablo Beiro, polo que, á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 3 de marzo de 2017,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Pablo Beiro.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2017

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza