Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 6 de marzo de 2017 Páx. 11343

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2017, da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, pola que se establece e se fai pública a composición e as funcións da Mesa de Contratación Permanente da Estrutura Organizativa de Santiago de Compostela.

O texto refundido da Lei de contratos do sector público (en diante TRLCSP), aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, establece no seu artigo 320 que, salvo no caso en que a competencia para contratar corresponda a unha xunta de contratación, os órganos de contratación estarán asistidos por unha mesa de contratación, que será o órgano competente para a valoración das ofertas nos procedementos abertos e restrinxidos e nos procedementos negociados con publicidade a que se refire o artigo 177.1 do mesmo texto legal. Igualmente determina a estrutura e composición da mesa, así como os requisitos que deben cumprir cada un dos seus membros. No artigo 321 do mesmo texto configúranse os membros que integran este órgano nos supostos en que deba constituírse a Mesa Especial de Diálogo Competitivo.

O vixente Real decreto 817/2009, do 8 de maio, determina nos seus artigos 21, 22 e 23, respectivamente, a composición e funcións das mesas de contratación e da Mesa de Diálogo Competitivo e a obrigatoriedade de publicar a súa composición no diario oficial da Administración autonómica, se se trata dunha mesa permanente ou se lle atribúen funcións para unha pluralidade de contratos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 320.3 do TRLCSP, esta xerencia, actuando como órgano de contratación en virtude das competencias delegadas no artigo 5 da orde da Consellería de Sanidade, do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e en aplicación do previsto nos artigos 320 do TRLCSP e 21.4 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio,

ACORDA:

A constitución, con carácter permanente, da Mesa de Contratación da Estrutura Organizativa de Santiago de Compostela, coas funcións que se lle asignan no artigo 22 do devandito real decreto e cuxa composición se adecuará á designación de membros que nos puntos seguintes se reflicte.

Primeiro. Composición da Mesa de Contratación

A Mesa de Contratación estará constituída polos seguintes membros:

1. Presidente: o/a titular da Dirección de Recursos Económicos, o cal será substituído, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, polo/a subdirector/a de Recursos Económicos e, na súa falta, polo vogal da mesa de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, sen que en ningún caso poida recaer a presidencia nin no letrado do Servizo Xurídico nin no interventor, quen en todo caso actuarán como vogais.

2. Vogais:

Un/unha letrado/a da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde.

Un/unha interventor/a da Intervención Delegada da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Un/unha subdirector/a de Recursos Económicos ou persoa en quen delegue.

O/a xefe/a do Servizo de Asesoría Xurídica ou persoa en quen delegue.

3. Secretario: un empregado público adscrito a Contratación Administrativa.

4. Todos os membros da mesa terán voz e voto, a excepción do secretario, que terá voz e non voto.

5. Cando a natureza dos asuntos o requira, o presidente poderá solicitar a incorporación á mesa de cantos asesores especializados e persoal técnico xulgue conveniente e poderá, tamén, solicitar cantos informes considere necesarios. Os asesores e o persoal técnico actuarán con voz pero sen voto, sen que teñan a consideración de membros da mesa nin os seus informes a vinculen, excepto os emitidos polo Comité de Expertos.

Segundo. Normas de funcionamento

As funcións da Mesa de Contratación e da Mesa Especial do Diálogo Competitivo correspóndense, respectivamente, coas relacionadas nos artigos 22 e 23 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, segundo se trate dun procedemento aberto, restrinxido, negociado ou de diálogo competitivo.

A Mesa de Contratación reunirase, logo de convocatoria do secretario, efectuada en nome de quen exerza a presidencia. Para a súa válida constitución requirirase a presenza do presidente e secretario, ou de quen os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros. En todo caso, será precisa a asistencia dos dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico-orzamentario do órgano de contratación, ou quen os substitúa.

En ningún caso os membros da mesa con dereito a voto poderán absterse nas votacións que, para a correspondente toma de decisións, poidan realizarse no seu seo.

Terceiro. Réxime xurídico

A Mesa de Contratación, como órgano colexiado, rexerase nos seus procedementos, ademais de pola normativa específica de contratación administrativa, polo establecido na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Cuarto. Derrogación

Quedan sen efecto as resolucións de data anterior á presente en que se estableza a composición e designación, con carácter permanente, dos membros da Mesa de Contratación da Estrutura Organizativa de Santiago de Compostela.

Quinto. Publicación e data de efectos

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2017

Luis Verde Remeseiro
Xerente de Xestión Integrada de Santiago de Compostela