Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9404

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Asturias (Sala do Social)

EDICTO (RSU 2611/2016).

Tipo e número de recurso: recurso de suplicación 2611/2016

Xulgado de orixe/autos: procedemento ordinario 856/2015. Xulgado do Social número 1 de Xixón

Recorrente: Cristina Valle González

Avogada: Lorena Marcos Rodríguez

Recorridos: Endesa Energía, S.A.U., Doble Imagen, S.L., Juan E. (admón. concursal) Hernández Escobar, Fogasa

Avogado: Daniel Villanueva Suárez, Fogasa

Eu, Evelia Alonso Crespo, secretaria da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza do Principado de Asturias, certifico que no recurso de suplicación número 2611/16 interposto contra a sentenza do Xulgado do Social número 1 de Xixón, ditada o 11 de maio de 2016, ditouse resolución o 31 de xaneiro de 2017, cuxo ditame copiado literalmente di:

«Resolvemos: estimamos en parte o recurso interposto pola dirección letrada de Cristina Valle González fronte á Sentenza do 11 de maio de 2016 ditada polo Xulgado do Social número 1 de Xixón nos autos número 856/2015, seguidos pola súa instancia contra as empresas Doble Imagen, S.L., Endesa Energía, S.A.U., a administración concursal de Doble Imagen, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial, sobre resolución de contrato e reclamación de cantidade, revogamos en parte a sentenza impugnada e

a) Temos por indebidamente acumulada e, polo tanto, por non posta a pretensión relativa ao complemento de incapacidade temporal.

b) Anulamos parcialmente a devandita sentenza e declaramos a competencia da orde social para coñecer da acción de reclamación salarial, e, en consecuencia, eliminamos do seu pronunciamento a parte que absolvía as empresas do aboamento da citada débeda salarial, retrotraendo as actuacións ao momento inmediatamente anterior ao ditame da sentenza para que o xulgador de instancia, con enteira liberdade de criterio, dite nova sentenza na cal, entrando a coñecer sobre o fondo do asunto, resolva sobre as pretensións deducidas oportunamente no preito polas partes e decida sobre os puntos litixiosos que foron obxecto de debate.

c) Confírmase a sentenza de instancia en todos os seus outros pronunciamentos. Sen custas.

Medios de impugnación:

Advírtese ás partes que contra esta sentenza cabe interpoñer recurso de casación para a unificación de doutrina, que deberá prepararse mediante escrito subscrito por letrado, que se presentará nesta sala do social dentro do improrrogable prazo dos dez días hábiles inmediatos seguintes á data de notificación desta, nos termos do artigo 221 da Lei reguladora da xurisdición social e cos apercibimentos nel contidos.

Taxas xudiciais para recorrer:

A tramitación do recurso de casación para unificación de doutrina non constitúe feito impoñible e, polo tanto, non se require a liquidación de taxas (consulta vinculante da Dirección Xeral de Tributos V 3674-23 do 26.12.2013).

Depósito para recorrer:

En cumprimento do artigo 229 da LRXS, co escrito do recurso debe xustificarse o ingreso de depósito para recorrer (600 euros), estando exento o recorrente que for traballador ou habente causa seu ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, o Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais e as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes destes, as entidades de dereito público reguladas pola súa normativa específica e os órganos constitucionais, así como os sindicatos e os que tiveren recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta.

O devandito depósito debe efectuarse na conta de depósitos e consignacións que esta Sala do Social do TSXA ten aberta no Banco Santander, oficina da rúa Uría, 1, de Oviedo. O número de conta confórmase como segue: 3366 0000 66, seguido do número da peza (poñendo ceros á súa esquerda ata completar 4 díxitos), e as dúas últimas cifras do ano da peza. Débese indicar no campo concepto: "37 social casación Lei 36/2011".

Se o ingreso se realiza mediante transferencia, o código IBAN do Banco é: ES55 0049 3569 9200 0500 1274, sendo imprescindible indicar tamén a conta do recurso como quedou dito.

De efectuárense diversos pagamentos ou ingresos na mesma conta, deberase especificar un ingreso por cada concepto, mesmo se obedecen a outros recursos da mesma ou distinta clase, e indicar no campo de observacións a data da resolución impugnada utilizando o formato dd/mm/aaaa.

Consignación ou aseguramento do importe da condena:

Así mesmo, por aplicación do artigo 230 da Lei reguladora da xurisdición social, a parte condenada que non goce do dereito de xustiza gratuíta deberá acreditar, ao preparar o recurso, ter consignado na citada conta (e por separado do depósito citado), a cantidade obxecto de condena -ou o incremento de contía respecto da fixada polo Xulgado do Social, ou ben o importe da mellora voluntaria da acción protectora da Seguridade Social ou o seu incremento-; pode substituírse a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval solidario de duración indefinida e pagadoiro a primeiro requirimento emitido por entidade de crédito.

Exencións dos depósitos e consignacións:

O Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais e as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes destes, así como as entidades de dereito público reguladas pola súa normativa específica e os órganos constitucionais, estarán exentos da obriga de constituír os depósitos, caucións, consignacións ou calquera outro tipo de garantía previsto nas leis. Os sindicatos e os que tiveren recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta quedarán exentos de constituír o depósito referido e as consignacións que para recorrer veñen exixidas nesta lei.

Pásense as actuacións á letrada da Administración de xustiza para cumprir os deberes de publicidade, notificación e rexistro da sentenza.

Así, por esta nosa sentenza, definitivamente xulgando, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo».

E para a súa publicación no Boletín Oficial del Principado de Asturias e da provincia, así como fixación no taboleiro de anuncios desta sala, co fin de que sirva de notificación en forma a Doble Imagen, S.L., en ignorado paradoiro, expido a presente que asino e selo.

Oviedo, 31 de xaneiro de 2017

A secretaria xudicial