Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2017 Páx. 8935

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 14 de febreiro de 2017 pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local o espazo Río Abelleira, no concello de Carral.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, regulan a figura de espazo natural de interese local (ENIL en diante) e establece a posibilidade de que, por petición dun concello e despois do informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poida declarar como tal aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecentes dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. O Concello de Carral considera que a paraxe Río Abelleira reúne as condicións adecuadas, polo que solicitou a súa declaración como ENIL.

O ámbito sobre o cal se pretende a declaración de Río Abelleira localízase nas parroquias de Santa Mariña de Beira e Santiago de Sumio, do municipio de Carral. Comprende o castro das Travesas, o dominio público hidráulico e a zona de servidume do río Abelleira, nomeado tamén como Rego do Batán, ata a confluencia co río Barcés, e máis algúns enclaves adxacentes ao rego. Rexistra contigüidades con outro ENIL declarado augas abaixo do río Barcés, no concello de Abegondo, denominado Ribeiras do Mero-Barcés, que, pola súa vez, linda coa zona de especial conservación (ZEC) Encoro de Abegondo-Cecebre (ES 1110004). O Encoro de Abegondo-Cecebre forma parte da rede ecolóxica europea rede Natura 2000 e conta cun plan de ordenación dos recursos naturais aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da rede Natura 2000 de Galicia.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. Así mesmo, solicitouse informe ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e a Augas de Galicia. No expediente de tramitación constan emitidos os informes favorables das tres primeiras unidades, ben que no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo se destaca que a declaración do ENIL conferirá ao ámbito declarado a categoría de espazo natural protexido, polo que deberá aplicárselle a categoría de solo e usos compatibles previstos na lexislación urbanística.

Mediante a Resolución do 29 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o expediente estivo aberto á participación pública durante 20 días hábiles contados a partir da súa publicación no DOG o 28 de xaneiro de 2016 e non se recibiron alegacións ao respecto. Por outra banda, no que se refire ao impacto de xénero, as medidas de planificación e xestión do ENIL incidirán na necesidade de ter en conta a perspectiva de xénero nas medidas que se adopten e suxire coidar a utilización dunha linguaxe non sexista.

No referente á declaración, faise uso do previsto no artigo 4 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural, para declarar o ENIL de maneira provisional por un prazo non superior a dous anos. A partir desa declaración provisional, a responsabilidade e competencia para a xestión será municipal e isto non implicará a inclusión do espazo na Rede galega de espazos naturais protexidos.

Considerando o exposto e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Proposta de declaración provisional

Declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local o espazo Río Abelleira, no termo municipal de Carral, por proposta do Concello de Carral.

Artigo 2. Plan de conservación

1. Durante o prazo da declaración provisional do ENIL Río Abelleira e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello de Carral deberá achegar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza o Plan de conservación deste espazo.

2. Coidarase especialmente de que este plan garde a debida coherencia coas medidas de conservación previstas para a ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES1110004) garantindo que a xestión que se propoña para o ENIL sexa compatible coa conservación do lugar da rede europea Natura 2000 e coa normativa que o regula.

3. Así mesmo, o plan deberá ter en conta as consideracións feitas nos informes preceptivos emitidos polo servizo territorial de Conservación da Natureza, pola Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e demais informes sectoriais que constan no expediente de maneira que se garanta que a xestión que se propoña para o ENIL sexa compatible coa conservación.

4. No caso de que o Concello de Carral non achegue o plan de conservación do Río Abelleira no prazo sinalado, terase por desistido na súa solicitude de declaración e desde ese momento producirase a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

Artigo 3. Límites

A extensión e límites do espazo natural de interese local Río Abelleira son os sinalados no anexo desta orde.

Artigo 4. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do ENIL Río Abelleira levará a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL Río Abelleira levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 5. Xestión

Será responsabilidade e competencia do Concello de Carral a xestión do espazo natural Río Abelleira.

O Concello comprométese a consignar con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Artigo 6. Efectos

1. A declaración provisional do Río Abelleira como ENIL non leva unida a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisional do Río Abelleira como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A zona obxecto desa declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Xunta de Galicia.

4. Ademais dos réximes aplicables ao solo rústico de protección ordinario, a partir da declaración provisional aplicarase ao solo o réxime de solo rústico de especial protección de espazos naturais.

Artigo 7. Extinción

1. Mediante orde da consellería con competencias en materia de conservación da natureza, poderase poñer fin aos efectos da declaración provisional do Río Abelleira como ENIL se desapareceren as causas que motivaron a protección e non foren susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional do Río Abelleira como ENIL no suposto recollido no artigo segundo desta orde.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO

Límites do espazo natural protexido

missing image file