Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2017 Páx. 8726

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de febreiro de 2017 pola que se modifica o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador.

O actual regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador foi aprobado mediante a Orde da Consellería do Medio Rural do 26 de xullo de 2010 (DOG nº 144, do 29 de xullo).

Desde a citada data tense producido unha importante variación no número de inscritos e no peso relativo de cada unha das subzonas de produción que configuran a citada indicación xeográfica, circunstancia que moveu ao Pleno do Consello Regulador a aprobar o pasado día 28 de novembro unha modificación puntual do citado Regulamento que afecta o seu artigo 42.

Esta modificación limítase ao ámbito organizativo do Consello Regulador e non afecta ningún requisito dos que figuran no prego de condicións co que esta indicación xeográfica está inscrita no Rexistro Europeo de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas.

Polo tanto, unha vez analizada a documentación presentada polo Consello Regulador e tendo en conta o disposto no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Anexo da Orde do 26 de xullo de 2010 polo que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia

Modifícase a alínea 1 do artigo 42 do Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador, aprobado mediante a Orde do 26 de xullo de 2010 (DOG nº 144, do 29 de xullo), que queda redactada do seguinte xeito:

«1. O Pleno está constituído por:

a) Seis vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de parcelas de cultivo inscritas no Rexistro de Plantacións, sen que ningunha das subzonas poida ter unha representación superior ao 70 %.

b) Seis vogais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións de almacenaxe e envasamento inscritas no Rexistro de Almacéns e Plantas Envasadoras, sen que ningunha das subzonas poida ter unha representación superior ao 70 %».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente Orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural