Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2017 Páx. 8728

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de febreiro de 2017 pola que se modifica o Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu Consello Regulador.

O actual Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu Consello Regulador foi aprobado mediante a Orde do 14 de agosto de 2009, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do día 31 de agosto dese ano.

Desde a súa aprobación, tense producido unha importante evolución do sector. Así, por unha parte, o Consello Regulador acadou a súa acreditación por ENAC como entidade certificadora conforme a norma UNE-EN-ISO/IEC 17065. Deste xeito, un órgano de control e certificación integrado no Consello Regulador é o encargado de verificar o cumprimento das prescricións do prego de condicións e do regulamento desta indicación xeográfica protexida. Faise necesario, polo tanto, modificar o artigo 14 do regulamento, no que se atribuía esta función ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Por outra parte, o sector cooperativo, que tiña unha representación específica no Pleno do Consello Regulador, tivo nos últimos anos unha importante redución no seu peso relativo, o que aconsella modificar tamén o punto 1 do artigo 32 do dito regulamento para adecuar a composición do Pleno a esta nova situación.

Estas modificacións limítanse ao ámbito organizativo do Consello Regulador e non afectan ningún dos requisitos que figuran no prego de condicións co que esta indicación xeográfica está inscrita no Rexistro Europeo de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas.

Por todo o anterior, de acordo coa proposta do Pleno do Consello Regulador e tendo en conta o disposto no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 14 de agosto de 2009 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e do seu Consello Regulador

Modifícanse o artigo 14 e a alínea 1 do artigo 32 do Regulamento da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia nos seguintes termos:

Un. O artigo 14 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 14. Control e certificación

1. O órgano de control e certificación para os produtos da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia será o seu Consello Regulador, de acordo co disposto no artigo 15.1.b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Todas as persoas, físicas ou xurídicas, titulares de bens inscritos nos rexistros, as explotacións, as instalacións e os produtos, estarán sometidas ao control realizado polo Consello Regulador, co obxecto de verificar que os produtos que leven a indicación xeográfica protexida Mel de Galicia cumpren os requisitos deste regulamento e os que se recollan no manual de calidade.

3. Os controis basearanse en inspeccións das explotacións e das instalacións, revisión da documentación e análises da materia prima e do produto envasado.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria de partidas ou lotes homoxéneos, que se someterán a análises das súas características meliso-palinolóxicas, físico-químicas e organolépticas; estas últimas serán avaliadas polo panel de cata, que se constituirá de acordo co que se estableza no manual de calidade. O órgano de control e certificación, á vista dos resultados das distintas análises e dos demais datos sobre o produto, determinará o que proceda sobre a certificación.

5. Cando se comprobe que a materia prima ou os produtos rematados non se obtiveron de acordo cos requisitos deste regulamento ou presenten defectos ou alteracións sensibles, estes non poderán comercializarse ao abeiro da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador recollido no capítulo XI deste regulamento.

6. Os meles amparados por esta indicación xeográfica con destino ao consumo levarán un precinto de garantía, etiqueta ou contraetiqueta numerada, que será controlada polo Consello Regulador, de acordo co que se estableza no manual de calidade. Este distintivo será colocado nas instalacións de envasamento, antes da súa comercialización, e de forma que non sexa posible unha segunda utilización».

Dous. O punto 1 do artigo 32 queda redactado do modo seguinte:

«1. O Pleno do Consello Regulador estará constituído por:

a) Catro vogais en representación das explotacións, elixidos democraticamente por e entre as persoas titulares das explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións do Consello Regulador. Destes catro vogais, un será elixido por e entre os titulares de explotacións cun número de colmeas igual ou inferior a 150; outro será elixido por e entre os titulares de explotacións con máis de 151 colmeas sen superar as 400; e dous por e entre os titulares de explotacións con máis de 400 colmeas.

b) Cinco vogais en representación das instalacións de extracción, almacenamento e/ou envasamento, elixidos democraticamente por e entre as persoas titulares das instalación inscritas no Rexistro de Instalacións de Extracción, almacenamento e/ou envasado do Consello Regulador. Destes vogais, dous serano en representación das instalacións cunha produción comercializada baixo a indicación xeográfica protexida maior a 50.000 kg anuais e tres en representación das instalacións cunha produción comercializada baixo a indicación xeográfica protexida igual ou menor a 50.000 kg anuais».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural