Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2017 Páx. 7804

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (ETX 199/2016).

María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 199/2016 deste xulgado do social, seguido por instancia de José Antonio Paz Seoane contra Construcciones Vieiro 13, S.L., Fogasa, se ditou a seguinte resolución:

«Auto.

Maxistrada xuíza: Ana María Souto González

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil dezasete

Antecedentes de feito.

Primeiro. José Antonio Paz Seoane, o 26 de outubro de 2016, presentou demanda de execución contra Construcciones Vieiro 13, S.L., instando a execución da sentenza ditada no procedemento de despedimento número 511/2016, seguido ante este xulgado e ditada o día 22 de setembro de 2016, a cal, notificada ás partes, alcanzou firmeza.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por auto do 10 de novembro de 2016, por dilixencia de ordenación da mesma data, acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 281 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia asistiu a parte executante, pero non as executadas nin o Fogasa a pesar de constar legalmente citadas. A parte executante ratificouse na demanda executiva, e solicitou que, dada a imposibilidade de readmisión, se declarase a extinción da relación laboral coas consecuencias legais inherentes, reclamando tanto a indemnización como os salarios de tramitación; solicitouse o recibimento do preito a proba e practicáronse as probas propostas e admitidas co resultado que consta en autos e, tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados.

Primeiro. Resulta probado que nos autos de despedimento número 511/2016, seguidos ante este xulgado, se ditou sentenza do 20 de setembro de 2016, cuxa decisión é a seguinte:

“Estímase a demanda interposta por Antonio Paz Seoane fronte a Construcciones Vieiro 13, S.L. e declárase a improcedencia do despedimento efectuada pola demandada con efectos do 20 de xuño de 2016, e debo condenar e condeno a demandada a que readmita o traballador demandante nas mesma, condicións que rexían antes de producirse o despedimento, con aboamento dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación da sentenza, a razón de 46,70 euros diarios ou ben, á elección da demandada, á extinción da relación laboral con aboamento ao demandante da indemnización de 256,86 euros por despedimento improcedente”.

Dáse reproducido integramente o contido da citada sentenza que consta en autos, onde consta que o salario regulador da executante para os efectos do despedimento é, en cómputo anual, de 17.093,19 euros, a antigüidade da demandante, 18 de maio de 2016, e a data de efectos do despedimento, 20 de marzo de 2016.

Segundo. Adquirida firmeza a sentenza, a demandada, Construcciones Vieiro 13, S.L, non exerceu o dereito de opción.

Razoamentos xurídicos.

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante ET), no caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso–, entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola cal o lexislador lle permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante LRXS).

O artigo 281 da LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da dita resolución, acordará que se lle aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos puntos un e dous do artigo 56 do ET, ratearanse en todo caso os períodos de tempo inferiores a un ano e computarase como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto. O mesmo precepto dispón tamén que se poderá fixar no dito auto, en atención ás circunstancias concorrentes e aos prexuízos ocasionados pola non readmisión ou pola readmisión irregular, unha indemnización adicional de ata quince días de salario por ano de servizo e un máximo de doce mensualidades.

Correspóndelle á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso os feitos declarados probados resultan da documental que consta en autos procedente do procedemento declarativo do que dimana a presente execución, e da declaración testifical de José Manuel Barreiro Beiras, o cal manifestou que acompañara o demandante aos diferentes domicilios que tiña a empresa demandada e alí non había ninguén e que parecía que estaba pechado. A executante acreditou a través das ditas probas a improcedencia do despedimento e a obriga da executada de optar ben pola readmisión ben pola indemnización nos termos sinalados na sentenza, así como a falta de exercicio da dita opción, por non se presentar o escrito correspondente no prazo conferido, polo que debe entenderse que a empresa optou en realidade pola readmisión.

Nada acreditou, non obstante, a executada en relación coa readmisión da executante, pois, dada a súa actuación procesual, non despregou ningunha actividade probatoria, de modo que non cumpriu coa carga probatoria que lle incumbía, que era a efectiva e correcta readmisión da traballadora nos termos sinalados na sentenza de despedimento.

Sobre a base da valoración conxunta da proba practicada e os preceptos legais citados, procede declarar a extinción da relación laboral na data da presente resolución, e condenar a executada ao aboamento das percepcións económicas previstas nos números 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2, letras b) e c) da LRXS.

Non obstante o anterior, debe indicarse que non se pode acoller a pretensión da parte executante de que se condene tamén á empresa executada ao aboamento da indemnización adicional de quince días de salario por ano de servizo que prevé o artigo 281.2.b), pois para que poida aplicarse a dita indemnización adicional, tal e como se infire do propio teor literal do precepto, é preciso que acredite o traballador –pois é carga da proba dun feito positivo– un complemento de prexuízos superior aos que poidan derivar da extinción do contrato de traballo, isto é, que acredite un especial prexuízo pola non readmisión, circunstancia que non se acreditou no caso de autos en que ningunha proba propuxo nin practicou a executante en relación co dito especial prexuízo (neste sentido, STSX de Galicia do 20.5.2011, 24.4.2012, entre outras).

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que haberá de calcularse na data da presente resolución, deberá selo na forma establecida na disposición transitoria quinta da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (anterior disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro de 2012).

Pois ben, polo que respecta á indemnización, deberá calcularse na data da presente resolución, o que bota un total de 1.159,06 euros.

Os salarios de tramitación desde o despedimento ata a data da presente resolución ascenden a 10.302,60 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe observarse o previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Declaro extinguida na data da presente resolución a relación laboral que unía a José Antonio Paz Seoane coa demandada Construcciones Vieiro 13, S.L. e condeno a Construcciones Vieiro 13, S.L. a aboarlle a José Antonio Paz Seoane a suma de 1.159,06 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral, a suma de 10.302,60 euros en concepto de salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a presente resolución, do que resulta un total de 11.461,66 euros.

Notifíqueselles ás partes e ao Fogasa a presente resolución, facéndolles saber que contra esta poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina Ana María Souto González, maxistrada xuíza de reforzo do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada

A letrada da Administración de xustiza»

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Construcciones Vieiro 13, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017

A letrada da Administración de xustiza