Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 2017 Páx. 7800

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (ETX 215/2016).

María Teresa Vázquez Abades, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 215/2016 deste xulgado do social, seguido por instancia de Jaime Muñoz Gómez contra Masalo10, S.L.U. e o Fogasa, se ditou a seguinte resolución:

Auto.

Maxistrada xuíza: Ana María Souto González.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 8 de novembro de 2016, Jaime Muñoz Gómez presentou demanda de execución contra Masalo10, S.L.U., instando a execución da sentenza recaída no procedemento de despedimento número 559/2016 seguido ante este xulgado e ditada o día 28 de setembro de 2016, a cal, notificada ás partes, alcanzou firmeza.

Segundo. Ditada a orde xeral de execución por auto do 15 de novembro de 2016, por dilixencia de ordenación da mesma data, acordouse citar as partes e o Fogasa á comparecencia do incidente de non readmisión conforme o artigo 281 da LRXS.

Terceiro. Á comparecencia asistiu a parte executante, pero non a executada nin o Fogasa a pesar de constar legalmente citadas. A parte executante ratificouse na demanda executiva, solicitando que, dada a imposibilidade de readmisión, se declarase a extinción da relación laboral coas consecuencias legais inherentes, reclamado tanto a indemnización coma os salarios de tramitación; solicitándose o recibimento do preito a proba, practicándose as probas propostas e admitidas co resultado que obra en autos, e, tras o trámite de conclusións, se declararon os autos vistos para resolver.

Cuarto. Na tramitación dos autos observáronse as prescricións legais esenciais.

Feitos probados.

Primeiro. Resulta probado que nos autos de despedimento número 559/2016 seguidos ante este xulgado recaeu sentenza do 28 de setembro de 2016, cuxa decisión é o seguinte:

«Estímase a demanda interposta por Jaime Muñoz Gómez contra a empresa Masalo 10, S.L.U., e declárase a improcedencia do despedimento efectuada pola demandada con efectos do 31 de maio de 2016, e, en consecuencia, debo condenar e condeno á empresa demandada a que readmita o traballador demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento con aboamento dos salarios de tramitación deixados de percibir desde a data efectiva do despedimento ata a notificación da sentenza a razón de 20,81 euros diarios ou ben, a elección do empresario, á extinción da relación laboral con aboamento ao demandante da indemnización de 1.602,51 euros por despedimento improcedente; sen prexuízo das responsabilidades legais do Fondo de Garantía Salarial».

Dáse reproducido integramente o contido da citada sentenza obrante en autos, onde consta que o salario regulador da executante para os efectos do despedimento é de 634,73 euros mensuais, a antigüidade do demandante, do 1 de febreiro de 2014, e a data de efectos do despedimento, 16 de maio de 2016.

Segundo. Adquirida firmeza a sentenza a demandada, Masalo10, S.L.U., non exercitou o dereito de opción.

Razoamentos xurídicos.

Primeiro. De conformidade co artigo 56.3 do Estatuto dos traballadores (en diante ET), en caso de declararse a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario –como sucede no presente caso– entenderase que procede a readmisión. Polo tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola que o lexislador permite o traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión previsto no artigo 280 da Lei reguladora da xurisdición social (en diante LRXS).

O artigo 281 LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede acreditada a non readmisión, a xuíza ditará auto no que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución, acordará que se aboen ao traballador as percepcións económicas previstas nos apartados un e dous do artigo 56 do ET, rateando, en todo caso, os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto. O mesmo precepto dispón tamén que se poderá fixar no devandito auto, en atención ás circunstancias concorrentes e aos prexuízos ocasionados pola non readmisión ou pola readmisión irregular, unha indemnización adicional de ata quince días de salario por ano de servizo e un máximo de doce mensualidades.

Correspóndelle á empresa a carga de probar que tivo lugar a readmisión do traballador, ex artigo 217 da LAC, pois o contrario supoñería obrigar o traballador a probar un feito negativo.

Segundo. No presente caso, os feitos declarados probados resultan da documental que consta en autos, e da ficta confessio aplicada á parte demandada, conforme o artigo 91.2 de LRXS.

Sobre a base da dita documental e atendidos os preceptos legais citados, procede declarar a extinción da relación laboral a data da presente resolución, e condenar solidariamente as executadas ao aboamento das percepcións económicas previstas nos puntos 1 e 2 do artigo 56 do ET, na forma indicada no artigo 281.2 letras b) e c) da LRXS.

Terceiro. Conforme o anterior, a indemnización, que deberá calcularse a data da presente resolución, deberá selo na forma establecida na disposición transitoria quinta da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (anterior disposición transitoria quinta do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, que entrou en vigor o día 12 de febreiro).

A demandante veu traballando por conta da demanda desde o día 1 de febreiro de 2014 cun salario mensual de 634,73 euros con rateo de pagas extraordinarias.

Pois ben, polo que respecta á indemnización, deberá calcularse a data da presente resolución, o que bota un total de 2.065,92 euros.

Os salarios de tramitación desde o despedimento ata a data da presente resolución ascenden a 5.321.85 euros.

Cuarto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, debe estarse ao previsto nos artigos 33 do ET e 23 da LRXS.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Parte dispositiva.

Declaro extinguida a data da presente resolución a relación laboral que unía a Jaime Muñoz Gómez coa demandada Masalo10, S.L.U. e condeno a Masalo10, S.L.U. a aboarlle a Jaime Muñoz Gómez a suma de 2.065,92 euros en concepto de indemnización pola extinción da relación laboral, a suma de 5.321,85 euros en concepto de salarios de tramitación desde a data do despedimento ata a presente resolución, resultando un total de 7.387,77 euros.

Notifíqueselles ás partes e ao Fogasa a presente resolución facéndolles saber que contra esta poden interpoñer recurso de reposición no prazo de tres días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

Así o acorda, manda e asina, Ana María Souto González, maxistrada xuíza de reforzo do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela.

A maxistrada. A letrada da Administración de xustiza.

E para que sirva de notificación en legal forma a Masalo10, S.L.U. en ignorado paradoiro, expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2017

A letrada da Administración de xustiza