Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2017 Páx. 5799

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de xaneiro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado A Costa, da parroquia do Sisto, no concello de Dozón, solicitado a favor dos veciños do lugar da Eirexa.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1º da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial.

Vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes.

Xosé Carlos Morgade Martínez, representante das CMVMC da provincia de Pontevedra.

Víctor Abelleira Argibay, representante do colexio de avogados da provincia de Pontevedra.

Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia.

Vogais representantes dos veciños do lugar da Eirexa: José Bértolo Dafonte e Jesús Bértolo Dafonte.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 14.12.2016, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2ª planta do edificio administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado A Costa, na parroquia do Sisto, solicitado a favor dos veciños do lugar da Eirexa (Dozón).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada do 28 de novembro de 2014, Jesús Bértolo Dafonte e María del Carmen Penedo Crespo, actuando en calidade de representantes dos veciños do lugar da Eirexa, parroquia do Sisto, concello de Dozón, presentan solicitude de iniciación do expediente de clasificación do monte denominado A Costa, como veciñal en man común, acompañado, como única documentación, dun plano topográfico coa identificación do terreo do cal se pide a clasificación.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 30.6.2015, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase e recíbese o informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais con data do 12 febreiro de 2016, no cal se fai constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

Terceiro: (...) Da revisión da documentación presentada ao expediente polos solicitantes, dos solicitantes, dos informes da sección de Topografía e da inspección no campo, dedúcese a información seguinte:

Parcela A: corresponde coa parcela catastral 36016A00100307 de 3,19 ha. Parcela poboada por masa mixta de carballo e piñeiro de distintas idades e matogueira formada por toxo, xesta, silvas e urces, bordeada por unha estrada asfaltada ao sur, leste e oeste e ao norte por unha leira labrada.

No momento da inspección non se aprecian usos diferenciados.

Parcela B: corresponde coa parcela catastral 36016A001100308 de 0,25 ha. Parcela residual por trazado de camiños, poboada por toxos, xestas, silvas e algúns pés illados de piñeiro, carballo e bidueiro, bordeada por unha estrada asfaltada e camiño sen asfaltar en todos os seus lindes.

No momento da inspección non se aprecian usos diferenciados excepto vertedoiro.

No referido informe de Montes xúntase anexo fotográfico onde se pode constatar cada unha das afirmacións anteriores.

Cuarto. O Rexistro da Propiedade de Lalín certifica, con data do 15 de abril de 2016 que o monte solicitado non figura inscrito a nome de persoa ningunha.

Quinto. Á vista da documentación presentada polos solicitantes e do informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente está formado por dúas parcelas catastrais de forma irregular e separadas por un camiño, coa descrición que a seguir se detalla (información publicada no DOG).

a) Parcela 307 polígono 1 de 31.880 metros cadrados (superficie alegada na solicitude).

b) Parcela 308 polígono 1 de 2.258 metros cadrados (superficie alegada na solicitude).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade sen asignación de cotas os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Terceiro. Extrapolando o concepto e exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente as observacións que se condensan no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso actual do monte, pódese colixir que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter veciñal sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

De feito, abonda unha análise superficial do expediente de referencia para constatar que os interesados nin tan sequera presentan unha declaración xurada dos veciños do lugar dando fe da existencia dun uso consuetudinario, nin ningún outro medio de proba para o efecto.

Así pois, e partindo desta orfandade probatoria e sendo coherentes co criterio fixado pola xurisprudencia e adoptado por este xurado á hora de valorar se procede ou non a clasificación dunha determinada parcela como monte veciñal en man común, resulta exixible un maior esforzo probatorio do uso comunal, tanto histórico como actual, dos veciños da Eirexa, tal e como se vén requirindo a outras comunidades de montes.

Entendemos, en definitiva, que tan importantes como os esforzos investidos pola parte solicitante en clarificar e delimitar a concreta extensión dos terreos por clasificar é a achega dunha mínima proba documental que sustente de xeito fidedigno a clasificación do monte como veciñal en man común.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón, e de xeito unánime o xurado acorda, non clasificar o monte A Costa solicitado polos veciños da Eirexa, parroquia do Sisto, concello de Dozón.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 19 de xaneiro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra