Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 1 de febreiro de 2017 Páx. 4724

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de xaneiro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados O Casal e Peimouros, da parroquia de Mourente, no concello de Pontevedra, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourente.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1º da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Antonio Crespo Iglesias, xefe territorial.

Vogais: Amalia Elsa Pazos Pintos, xefa do Servizo de Montes.

Víctor Abelleira Argibay, representante do Colexio de Avogados da provincia.

Lorena Peiteado Pérez, letrada da Xunta de Galicia.

Vogal representante da CMVMC de Mourente: Xosé Carlos Morgade Martínez.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo, funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.00 horas do día 14.12.2016, coa asistencia das persoas indicadas na marxe, reúnese na 2ª planta do Edificio Administrativo sito no número 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación dos montes denominados O Casal e Peimouros, na parroquia de Mourente, solicitados a favor dos veciños da CMVMC de Mourente (Pontevedra).

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 18.2.2008 Xosé Carlos Morgade Martínez, en nome da CMVMC de Mourente, concello de Pontevedra, solicita a clasificación como montes veciñais en man común (en diante, MVMC) dos montes O Casal, Peimouros, Campo do Monte, Pouso da Maré e Castriño de Vilaverde a favor dos veciños da parroquia de Mourente. Coa solicitude xunta:

Levantamento topográfico dos montes O Casal e Peimouros, executado polo enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo Portela.

Declaración de que os usos e aproveitamentos das parcelas son os tradicionais, esquilmos e rozas para esterco, recollida de leña, pastoreo e nalgúns existe mobiliario de pedra para uso e aproveitamento dos veciños da parroquia de Mourente.

Segundo. Con data do 4.6.2014, Xosé Carlos Morgade Martínez, en nome da CMVMC de Mourente, comunica que na reunión do 5.5.2016 a Asemblea Xeral aproba renunciar á solicitude de clasificación das parcelas Campo do Monte e Pouso da Maré (instarán a súa inclusión no Inventario de bens municipais do Concello de Pontevedra), e renuncia á solicitude de clasificación da parcela Castriño de Vilaverde (incluída no deslinde aprobado pola Orde do 20.10.2013; no DOG do 11.11.2013).

Terceiro. Con data do 1.8.2014, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación das parcelas O Casal, de 1.526 m2 e Peimouros, de 1.008 m2, da non afección a montes de utilidade pública, que o monte veciñal de Mourente está deslindado e non inclúe estas parcelas nin están clasificadas a nome doutras comunidades de montes veciñais. Así mesmo, xunta montaxe sobre ortofoto e catastro dos predios O Casal e Peimouros.

Con data do 30.6.2015, o Xurado de Montes acorda incoar expediente de clasificación das parcelas O Casal e Peimouros e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 9.7.2015 ao Concello de Pontevedra e con data do 13.7.2015, ao promotor da clasificación.

Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade e o informe do Servizo de Montes, as parcelas obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Concello: Pontevedra.

Parroquia: Mourente.

Nome do monte: O Casal.

Polígono 126, parcela 67.

Cabida: 1.526 m2 (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: predios particulares de herdeiros de Fernando López Cortegoso, Ramón Maceira Filgueira, Ángela Lage Ríos e Ramón Martínez Vázquez.

Sur: predios particulares de Eliseo Janeiro Sotelo e Margarita Fortes.

Leste: predio particular de José Rey Rey.

Oeste: camiño a Montecelo e Vilaverde.

Nome do monte: Peimouros.

Polígono 160, parcela 150.

Cabida: 1.008 m2 ( superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: predios particulares de Juan Solla Tomé, José Iglesias Filgueira, Luis González Villaverde e Carmen García García.

Sur: predios particulares de Basilio Casal Pichel.

Leste: camiño do Monte a Cons.

Oeste: predio particular de Dolores Solla Rey.

Quinto. Con data do 30.11.2015, o enxeñeiro técnico forestal II do distrito XIX emite informe preceptivo do Servizo de Montes. Os predios actualmente non soportan usos privativos incompatibles co comunal, en visita do axente zonal comproba que:

Parcela O Casal: parcela de terreo forestal situada próxima á zona habitada, en que atopa dous letreiros que din: terreo da CMVMC de Mourente. Masa arbórea composta por carballos de distintas idades e un mato de toxos e fentos. Os aproveitamentos herbáceos e leñosos son usados polos veciños do lugar.

Parcela Peimouros: parcela de terreo forestal con arboredo de carballos e castiñeiros de distintas idades, que está rodeada de muros de pedra que pertencen os predios dos estremeiros, que son tamén terreo forestal, agás no lado que linda cun camiño de servidume. Dispón dun letreiro que di que é da CMVMC de Mourente. Os aproveitamentos de leñas e esquilmes son realizados polos veciños do lugar.

Sexto. Con data do 17.3.2016, o Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra certifica que os predios dos que se insta a clasificación, coa información facilitada, non se atopan inscritas no Rexistro. Ordénanse as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Pontevedra, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no Concello de Pontevedra e no DOG o anuncio do 6 de xuño de 2016 polo que se inicia a clasificación dos montes O Casal e Peimouros a favor da CMVMC de Mourente (DOG núm.116, do 20 de xuño).

Sétimo. Con data do 14.7.2016 e dentro do período do trámite de audiencia, a CMVMC de Mourente presenta:

Declaracións xuradas de dous veciños que aproveitan a parcela O Casal en réxime comunal.

Factura do ano 2015 de limpeza do predio O Casal.

Solicitude de dous veciños á CMVMC de Mourente dos anos 2007 e 2013 para aproveitamento de leña e para cortar uns piñeiros e un eucalipto na parcela Peimouros.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, define o monte veciñal en man común:

Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só no pasado senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común das parcelas O Casal e Peimouros queda suficientemente acreditado de xeito documental.

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións á clasificación como MVMC de terceiros que acrediten un uso privativo destas parcelas demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños da parroquia de Mourente, concello de Pontevedra.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, propón a instrutora e o xurado acorda, por unanimidade dos seus membros, clasificar como veciñais en man común as parcelas O Casal e Peimouros a favor dos veciños da CMVMC de Mourente, da parroquia de Mourente (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e na planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 19 de xaneiro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra