Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2017 Páx. 1519

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Fonsagrada, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2014/27-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 - HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 17 de xullo de 2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Fonsagrada (Lugo).

Segundo consta no proxecto presentado, cuxo orzamento ascende a 468.025 euros, as características básicas das instalacións son as seguintes:

• A subministración de gas natural farase cun módulo de regasificación de GNL (gas natural licuado), con depósito de almacenamento de 60 m3 e cuxa instalación está prevista na parcela de referencia catastral 27018A17900166.

• A rede de distribución terá o seu inicio neste módulo, desde o que partirá un eixe principal que posteriormente se dividirá en diferentes ramais de menor diámetro para cubrir axeitadamente a demanda de gas das diferentes áreas do núcleo urbano, para o que se empregará tubaxe de polietileno.

• O nivel de presión que se adoptará elixirase tendo en conta parámetros como o tipo de consumo que se vai subministrar ou o número total de clientes potenciais.

Segundo. O 1 de setembro de 2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24 de setembro de 2014 e, durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 14 de abril de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural na Fonsagrada (expediente IN627A 2014/27-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23 de xuño de 2015, no Boletín Oficial da provincia do 25 de maio de 2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 28 de maio de 2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Fonsagrada.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 17 de abril de 2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou unha separata técnica do citado proxecto de autorización administrativa presentado por Gas Galicia SDG, S.A. ao Concello da Fonsagrada, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este concello non contestou á petición de informe nin á súa reiteración e, en consecuencia, entendeuse a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, todo isto sen prexuízo da autorización que, se é o caso, lle corresponda outorgar.

Quinto. O 8 de setembro de 2015 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe sobre o proxecto de autorización administrativa, promovido por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural na Fonsagrada, no cal se fai constar a necesidade de atender as seguintes observacións:

• A respecto da malla da rede: concretar a orixe, percorrido e fin, indicando o nome das rúas que se van gasificar e a lonxitude dos tramos.

• A respecto da planta de GNL: un maior nivel de concreción, incluíndo como mínimo o exixido na ITC ICG-04, plantas satélite de GNL.

• A respecto da parcela proxectada para a instalación da planta de GNL: xustificar o cumprimento das distancias mínimas de seguridade fixadas na norma UNE 60210, plantas satélite de GNL, tendo en conta que no predio que linda polo sueste existe unha industria de fabricación, almacenamento e distribución de pensos.

• A respecto do estudo básico de seguridade e saúde: reflectir unha serie de normativa de seguridade e saúde ou, se é o caso, presentar un estudo de seguridade e saúde.

Sexto. O 11 de abril de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas deulle traslado a Gas Galicia SDG, S.A. do citado informe da xefatura territorial, para os efectos de que atendese as observacións sinaladas nel.

Como contestación a este requirimento, Gas Galicia SDG presentou a correspondente documentación complementaria o 7 de xuño de 2016 e o 28 de setembro de 2016.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regulan o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. A respecto do informe emitido pola xefatura territorial sobre o expediente de referencia (IN627A 2014/27-0), a que se fai alusión nos antecedentes de feito quinto e sexto desta resolución, considérase o seguinte:

• As observacións relacionadas coa planta de GNL e co estudo básico de seguridade e saúde pódense atender na fase de aprobación do proxecto de execución.

• A observación relacionada coa malla da rede foi atendida coa addenda ao proxecto de autorización administrativa, presentada por Gas Galicia SDG, S.A. Esta addenda inclúe unha memoria e un plano a escala 1:2000, que reflicte en ambos os documentos o nome das rúas que se van gasificar e a lonxitude dos seus tramos.

• A observación relacionada coa parcela proxectada para a instalación da planta de GNL foi atendida co Estudo de viabilidade para a dita instalación, presentado por Gas Galicia SDG, S.A. Neste estudo xustifícase o cumprimento das distancias mínimas de seguridade exixidas na norma UNE 60210, plantas satélite de gas natural licuado.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

Outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Fonsagrada (Lugo), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde a notificación desta resolución, unha fianza por valor de 9.360,5 euros, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de tres meses, contado a partir da notificación desta resolución, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto de execución das instalacións e, se é o caso, as separatas técnicas correspondentes.

Neste proxecto de execución deberanse atender as dúas observacións do informe da xefatura territorial, que non foron atendidas nesta fase de autorización administrativa e que están relacionadas coa planta de GNL e co estudo básico de seguridade e saúde.

Terceira. A autorización administrativa que se outorga afecta o termo municipal da Fonsagrada, na provincia de Lugo, e recolle a gasificación do núcleo de poboación da Fonsagrada, de acordo coas especificacións e planos que figuran na documentación técnica seguinte, presentada por Gas Galicia SDG, S.A. e asinada pola enxeñeira industrial Isabel Fernández Romero, colexiada nº 16.707 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid:

• Proxecto de autorización administrativa de distribución de gas natural no termo municipal da Fonsagrada (Lugo), abril 2015.

• Addenda ao proxecto de autorización administrativa de distribución de gas natural no termo municipal da Fonsagrada (Lugo), maio 2016.

• Estudo de viabilidade para implantación dun módulo de GNL na Fonsagrada, agosto 2016.

Cuarta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas