Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2017 Páx. 236

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2016 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de leite e determinados produtos lácteos ao alumnado de centros escolares, e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 327611.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Será destinatario da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

Segundo. Obxecto

A resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia de leite e de produtos lácteos transformados e a convocatoria das ditas axudas para o ano 2017.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 26 de decembro de 2016 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de leite e determinados produtos lácteos ao alumnado de centros escolares e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

A axuda concédese para o leite, leite con chocolate ou con zume de froitas ou aromatizado, iogur de sabores ou con froitas e queixo, por unha cantidade global máxima de 0,25 litros de equivalente de leite por alumno e día lectivo.

O importe unitario da axuda por 100 kg de produto é de 18,15 € para todo o leite e os iogures de sabores. No caso dos iogures con froitas o importe é de 16,34 €/100 kg. No caso do queixo, o importe da axuda varía de 54,45 €/100 kg para queixos frescos e transformados, aromatizados ou non, que conteñan un 90% en peso de queixo ata 138,85 €/100 kg para os demais queixos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria