A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de avogados para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo, letra B), punto 1 c), as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e a asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, que no seu artigo 45 establece que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o que corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de decembro de 2015, na que se fixaba que a cantidade para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta era o 3,13 % do importe total devindicado durante o ano 2015, calculado sobre o importe do certificado o ano 2014, polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas. As limitacións orzamentarias dese momento non permitiron que se fixase a porcentaxe no 8 %, tal e como se fixo na orde equivalente relativa ao devindicado polos colexios de procuradores de Galicia, que son os outros profesionais que atenden o sistema de asistencia xurídica gratuíta.
Tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias actuais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, preténdese complementar a porcentaxe fixada na mencionada Orde do 29 de decembro de 2015, de modo que o importe total acade o 8 % do devindicado durante o ano 2015 polos colexios de avogados de Galicia (calculado sobre o importe certificado o ano 2014), igualando así a porcentaxe fixada para os colexios de avogados e mais para os colexios de procuradores.
En virtude do exposto,
DISPOÑO:
Artigo único
A cantidade adicional destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 4,87 % do importe total devindicado durante o ano 2015 (calculado sobre o importe certificado o ano 2014) polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de catrocentos cincuenta e oito mil catrocentos corenta euros e trinta e sete céntimos (458.440,37 €).
Disposición derradeira primeira
Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda
A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza