Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2016 Páx. 55815

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 22 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se aproba a versión 2.0 das Guías para a habilitación electrónica de procedementos.

O Consello da Xunta de Galicia do 25 de abril de 2013 aprobou as guías para a habilitación electrónica de procedementos e servizos que teñen o obxectivo de axudar os órganos e unidades da Administración xeral e do sector autonómico de Galicia, na elaboración de normas que regulan procedementos administrativos e servizos e facilitar o cumprimento da normativa en materia de administración electrónica e simplificación administrativa.

As guías aprobadas están a ser unha importante axuda a todos os órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na elaboración de proxectos de disposicións administrativas que regulen procedementos administrativos ou servizos.

A publicación da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo base para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia.

A Lei 39/2015 derroga expresamente a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que ata o de agora constituían a base normativa para o desenvolvemento da administración electrónica.

Deste xeito, dada a necesidade de actualizar as devanditas guías á nova lexislación vixente e á realidade social do tempo en que deben ser aplicadas, procedeuse a unha revisión e actualización completa do contido recollido nas guías para a habilitación electrónica de procedementos polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos.

Esta nova versión das guías recolle as previsións normativas actualizadas ás novas disposicións relativas ao impacto do desenvolvemento da administración dixital, tendo como referentes a Lei 39/2015, a Lei 40/2015 e as liñas establecidas no Plan de administración e goberno dixital Horizonte 2020.

Deste xeito, esta nova versión das guías que aquí se aproban configúranse como unha serie de directrices de emprego obrigatorio, cuxa finalidade é promover o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións nas relacións entre a Administración pública e a cidadanía e entre as diferentes administracións, e dar cumprimento ás prescricións legais da administración electrónica en vigor.

Por todo o exposto,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Aprobar a versión 2.0 das guías para a habilitación electrónica de procedementos, que entrarán en vigor o mesmo día da súa publicación.

Segundo. Publicar esta nova versión das guías na intranet da Xunta de Galicia, no enderezo http://intranet.xunta.gal/guias-habilitacion-procedementos, onde estarán permanentemente actualizadas.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2016

Natalia Prieto Viso

Directora xeral de Avaliación

e Reforma Administrativa

Mar Pereira Álvarez

Directora da Axencia para a

Modernización Tecnolóxica de Galicia