Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2016 Páx. 55436

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 21 de decembro de 2016 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega na empresa Transportes Pacholo, S.L., que comeza ás 0.00 horas do día 23 de decembro de 2016 ata as 23.59 horas do día 11 de xaneiro de 2017.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

A sección sindical da CIG comunica a folga convocada en Transportes Pacholo, S.L., que afecta a todos os traballadores da empresa citada que prestan os seus servizos para o transporte de residuos urbanos de Sogama, e dará comenzo ás 0.00 horas do día 23 de decembro de 2016 ata as 23.59 horas do día 11 de xaneiro de 2017, o cal significa que, no caso de non decretarse os servizos mínimos solicitados, se teña que paralizar totalmente a actividade de xestión dos residuos durante os días que dure a folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, unha vez oído o comité de folga.

Á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), en virtude do establecido no artigo 10 da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, correspóndelle a función de xestión dos residuos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento previstas no plan de xestión de residuos urbanos, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, o parágrafo segundo do dito artigo engade que toda a xestión da Sogama se realizará de forma que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos previstos na devandita lei e nos correspondentes plans de residuos da Xunta, para o cal deberá concertar as súas accións coas dos xestores ou xestoras que interveñan nas fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos iníciase coa recepción dos residuos de 294 municipios –aténdese a unha poboación superior a 2,2 millóns de persoas–, o que supón unha media diaria de arredor de 2.200 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama en Cerceda por medio de camións e/ou trens, neste último caso procedentes de Ourense, Lugo e Vigo.

Esta empresa encárgase de realizar o transporte de contedores de residuos urbanos por estrada, desde as plantas de transferencia de Galicia ata as instalacións de Sogama en Cerceda, e tamén realiza o transporte destes contedores baleiros de volta ás súas plantas de transferencia para recoller os residuos que entregan os concellos nas mencionadas plantas de transferencia. Realizan tamén o transportes de contedores desde as plantas ata o ferrocarril naquelas instalacións en que se optou por ese medio de transporte.

Polo tanto, a parada deste servizo considérase estratéxica para a continuidade da xestión dos residuos, sobre todo nas datas de Nadal en que hai un incremento importante de residuos. A súa alteración suporía o colapso das estacións de transferencia e imposibilita directamente a prestación do servizo público, que foi expresamente regulado na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e na Lei de bases de réxime local, que cualifica a xestión de residuos como servizo ineludible á comunidade (Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 9 de outubro de 2002, Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira, nº 1538/2002, rec. 380/2002).

O proceso que se realiza nas instalacións de Sogama débese desenvolver en ciclo continuo e, polo tanto, a súa interrupción é grave en calquera das súas fases. Pero a paralización nunha fase inicial como é o transporte de residuos desde as plantas de transferencia ata os centros de xestión de Cerceda (A Coruña) provocaría o inmediato colapso destas plantas por non poder evacuar os contedores de residuos cheos ata o mencionado centro de xestión, quedando sen posibilidade de tratamento aproximadamente 2.200 toneladas de residuos diarias.

En Galicia actualmente non existe outra instalación que poida asumir tal cantidade de toneladas diarias de lixo, polo que a acumulación de residuos sen tratamento durante varios días non podería ser solucionada de forma axeitada polo Complexo Medioambiental de Sogama, aínda que traballase a pleno rendemento, unha vez finalizada a folga, sen decretar os servizos mínimos.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos no ámbito autonómico que, no mellor dos casos, tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles, e non se podería garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalacións mediante o sinalamento de servizos esenciais para a comunidade, ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Con data do 20 de decembro de 2016, convocado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio na sede da dita consellería, dáselle audiencia ao comité de folga para determinar os servizos mínimos. Na reunión mantida para oír o comité de folga, este solicita que se rebaixe o número de efectivos propostos pola empresa para cubrir os servizos mínimos.

En virtude do anterior, tendo en conta as alegacións efectuadas polo comité de folga, así como tamén o informado por Sogama e pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, e oído o comité de folga,

ACORDO:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afecta os traballadores da empresa subcontratista de Sogama, Transportes Pacholo, S.L., que se iniciará ás 0.00 horas do vindeiro día 23 de decembro de 2016 e que se estenderá ata as 23.59 horas do día 11 de xaneiro de 2017, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación:

Luns

(26 dec./

2 xan./9 xan.)

Martes

(27 dec./

3 xan./10 xan.)

Mércores

(28 dec./

4 xan./11 xan.)

Xoves

(29 dec./

5 xan.)

Venres

(23 dec./

30 dec./6 xan.)

Sábado

(24 dec./

31 dec./7 xan.)

Domingo

(25 dec./

1 xan./8 xan.)

Condutores

54

54

39

39

34

24

0

Mecánico-condutor

1

1

1

1

1

1

0

Artigo 2

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos será realizada pola dirección da empresa Transportes Pacholo, S.L.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio