Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Mércores, 7 de decembro de 2016 Páx. 53827

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela

EDICTO (484/2013).

Marina Pilar García de Evan, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento ordinario 484/2013 deste xulgado do social, seguido por instancia de Lucian Grancea contra Dyr Yiranny Instalación y Decoración en Placas de Yeso, S.L., Fogasa, Somague Engenharia, S.A. sucursal en España, Sacyr, S.A., UTE As Cancelas Santiago, sobre ordinario, se ditou auto con data do 9 de novembro de 2016, do teor literal seguinte:

«Auto:

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2016.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 4 de novembro de 2016 ditouse sentenza, respecto da cal a parte demandante solicita aclaración.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Dispón o artigo 267.1 da Lei orgánica do poder xudicial que “Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que conteñan”.

Ao anterior precepto débese agregar o establecido nos artigos 214 e seguintes da Lei de axuizamento civil, ao establecer que os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material que conteñan.

As aclaracións a que se refire o punto anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo, caso en que será resolta polo tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Pola súa banda, o artigo 215 refírese á emenda e ao complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, e establece que as omisións ou defectos que poidan conter sentenzas e autos e que for necesario remediar para levar plenamente a efecto as devanditas resolucións poderán ser emendados, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecidos no artigo anterior.

De se tratar de sentenzas ou autos que omitisen manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e tramitadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contado desde a notificación da resolución, logo de traslado da devandita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou que non procede completala.

Se o tribunal advirte en sentenzas ou autos que ditase as omisións a que se refire o punto anterior poderá, no prazo de cinco días contado desde a data en que se dita, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que acordase.

Non caberá recurso ningún contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores puntos deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, se é o caso, contra a sentenza ou auto a que se refira a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, de seren procedentes, comezarán a computarse desde o día seguinte ao da notificación do auto que recoñecese ou negase a omisión de pronunciamento e acordase ou denegase remediala.

Doutra parte, non procede acceder á imposición de custas no presente procedemento. A mera non comparecencia do demandado non é razón de temeridade ou mala fe.

Segundo. En aplicación do anterior, a parte demandante solicita aclaración da sentenza do 4 de novembro de 2016 por entender que se produciu un erro na transcrición da resolución.

Efectivamente, na resolución da sentenza recóllese:

Que estimando integramente a demanda interposta por Lucian Grancea contra Dyr Yiranny Instalación y Decoración en Placas de Yeso, S.L., debo condenar e condeno a mercantil demandada a que lle aboe ao demandante a suma de 72,45 euros polos conceptos sinalados no feito cuarto da demanda e no feito probado sétimo da presente resolución, máis os xuros do artigo 29.3 do ET respecto da cantidade de 6.624,38 euros (correspondente aos conceptos salariais) desde a presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución, e os xuros do artigo 1108 do Código civil respecto da cantidade de 643,07 euros (correspondentes á indemnización por fin de contrato) desde a presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución.

E no fundamento xurídico quinto:

Polo que, con base no exposto nos fundamentos anteriores, e de conformidade co previsto nos artigos 4.2.f), 35 e 38 do ET, que estipulan como dereito do traballador o de percepción puntual da remuneración pactada ou legalmente establecida, o aboamento das horas extraordinarias de traballo, e o dereito ao desfrute das vacacións retribuídas, procede a íntegra estimación da demanda e, en consecuencia, a condena da demandada a aboarlle ao demandante a suma de 7.267,45 euros polos conceptos sinalados na demanda e no feito probado sétimo da presente resolución, máis os xuros do artigo 29.3 do ET respecto da cantidade de 6.624,38 euros a que ascenden os conceptos salariais desde a presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución, e os xuros do artigo 1108 do Código civil respecto da cantidade de 643,07 euros correspondentes á indemnización por fin de contrato –que por ser concepto indemnizatorio non devindica o xuro do artigo 29.3 do ET– desde a presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución.

E vistas as cantidades que se recollen tanto na fundamentación xurídica como na resolución, apréciase un erro na transcrición da cantidade de 7.267,45 euros, xa que se recolle na resolución 72,45 euros, cando en realidade debería recollerse a cantidade de 7.267,45 euros. Polo tanto, a resolución da sentenza deberá quedar redactada do seguinte modo:

Que estimando integramente a demanda interposta por Lucian Grancea contra Dyr Yiranny Instalación y Decoración en Placas de Yeso, S.L., debo condenar e condeno a mercantil demandada a que lle aboe ao demandante a suma de 7.267,45 euros polos conceptos sinalados no feito cuarto da demanda e no feito probado sétimo da presente resolución, máis os xuros do artigo 29.3 do ET respecto da cantidade de 6.624,38 euros (correspondente aos conceptos salariais) desde a presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución, e os xuros do artigo 1108 do Código civil respecto da cantidade de 643,07 euros (correspondentes á indemnización por fin de contrato) desde a presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución e os do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación.

Parte dispositiva:

Procede aclarar a sentenza do 4 de novembro de 2016 no sentido sinalado no fundamento xurídico segundo desta resolución.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe ningún recurso.

Así, por esta miña resolución, pronúncioo, mándoo e asínoo. Carolina Nores Díaz, maxistrada titular do Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela».

E para que sirva de notificación en legal forma a Dyr Yiranny Instalación y Decoración en Placas de Yeso, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios deste órgano xudicial.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2016

A letrada da Administración de xustiza