Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Mércores, 7 de decembro de 2016 Páx. 53892

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2016 pola que se encomenda a Tragsa a execución da obra de adaptación de espazos na Escola Politécnica Superior de Lugo.

Encomenda de xestión pola que a Universidade de Santiago de Compostela encarga á empresa Transformación Agraria, S.A. (Tragsa) a execución, no Campus de Lugo, da adaptación de espazos existentes para adega e almacén nos aularios da Escola Politécnica Superior (EPS) da USC (expediente 411/2016).

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), actuando en nome e representación da USC, en virtude das facultades legais que lle confiren a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, do 12 de abril, e os estatutos da USC aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro,

EXPÓN:

Primeiro. O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), establece no seu artigo 3.1.c) que, para os efectos da citada lei, as universidades públicas forman parte do sector público, e no seu artigo 3.2.c) que as universidades públicas teñen a consideración de administracións públicas e, polo tanto, son poderes adxudicadores.

Segundo. O réxime xurídico de Tragsa e as súas filiais está regulado pola disposición adicional vixésimo quinta (DA 25ª) do TRLCSP e polo Real decreto 371/1999, do 5 de marzo, polo que se regula o réxime da empresa de Transformación Agraria, S.A.

De acordo co punto segundo da citada DA 25ª, Tragsa e as súas filiais teñen a consideración de medios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e dos poderes adxudicadores dependentes delas.

Terceiro. O artigo 24.6 do TRLCSP prevé que as relacións entre Tragsa e os poderes adxudicadores dos cales é medio propio instrumental se regulen mediante as encomendas de xestión previstas no dito artigo.

Cuarto. Consonte deriva dos informes do Servizo da Asesoría Xurídica datados en outubro de 2016, do Servizo de Xestión Económica da Xerencia do 7 de outubro e do arquitecto técnico responsable das infraestruturas no Campus de Lugo do 28 de setembro, a USC pode encomendar á empresa pública Tragsa a execución, da obra de adaptación de espazos existentes para adega e almacén nos aularios da EPS, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Obxecto da encomenda

O obxecto da presente encomenda de xestión é a execución, no Campus de Lugo, da obra de adaptación de espazos existentes para adega e almacén nos aularios da EPS, cun orzamento de execución, descrito segundo a relación valorada que se achega como anexo, calculado conforme as tarifas oficiais vixentes de Tragsa, aprobadas por Resolución do Ministerio de Economía e Facenda do 30 de xullo de 2015 (BOE do 1 de agosto), que acada a cantidade de cento vinte mil novecentos oitenta e cinco con sesenta e cinto céntimos (120.985,65 €), IVE excluído.

Segunda. Actuacións que se deben desenvolver

A presente encomenda realizase por razóns de eficacia e por carecer a USC dos medios técnicos apropiados para executar por si mesma as obras que constitúen o seu obxecto.

Os traballos deberán executarse tal e como se definen nos proxectos básico e de execución da obra citada na cláusula anterior, realizados polo técnico responsable de infraestruturas no Campus de Lugo, Ramón Fernández Varela, e pola empresa Obradoiro Enxeñeiros, e seguindo as ordes e instrucións que para a súa correcta execución diten estes na súa condición de dirección facultativa da obra.

Terceira. Partida orzamentaria

O importe da presente encomenda satisfarase con cargo á partida orzamentaria 8032 7G01 64100.

O presente expediente está financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e forma parte do convenio de colaboración coa USC para o Plan de actuación 2015-2016 do Campus Terra.

Cuarta. Aboamento dos traballos

O aboamento dos traballos realizarase mediante certificacións mensuais emitidas polo director facultativo e as correspondentes facturas emitidas pola empresa.

Quinta. Inicio das actuacións e duración de encomenda

O prazo de execución será de dous meses, contados desde a data da acta de comprobación de implantación.

Sexta. Natureza da encomenda

A presente encomenda ten a natureza dos contratos e negocios xurídicos excluídos do ámbito de aplicación do TRLCSP, previstos no seu artigo 4.1.n), rexerase polas súas propias normas, e aplicaranse os principios do TRLCSP para resolver as dúbidas que poidan suscitarse.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2016

Juan Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela