Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 5 de decembro de 2016 Páx. 53677

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña

EDICTO (580/2016).

A Coruña, 6 de setembro de 2016

Vistos por min, Marta Canales Gantes, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 desta cidade, os presentes autos de xuízo verbal, rexistrados co número 580/2016-M, sobre reclamación de cantidade, en que foi parte demandante a entidade Bankinter Consumer Finance EFC, S.A., representada pola procuradora Susana Prego Vieito, e coa asistencia letrada de José Luis Bollaín Covarrubias, e parte demandada Manuel Nieto Gómez, en situación procesual de rebeldía.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 5 de maio de 2016, procedente da quenda de repartición, tivo entrada neste xulgado a demanda interposta pola procuradora Susana Prego Vieito, pola cal, en nome e representación da entidade Bankinter Consumer Finance EFC, S.A., promovía os presentes autos de xuízo verbal sobre reclamación de cantidade, contra Manuel Nieto Gómez, alegando en síntese os seguintes feitos: 1) Orixe da débeda: o contrato de tarxeta de pagamento aprazado Capital One de Bankinter, número de tarxeta
5520 9102 0975 0629. 2) Contía da débeda: 3.988,30 euros. 3) Cedeuse o crédito. 4) Designación de arquivos. E, con cita dos fundamentos de dereito oportunos, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola cal se condene o demandado a aboar a cantidade de 3.988,30 euros, incrementada cos xuros pactados desde a data de certificación e as custas.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, ante a falta de comparecencia e de contestación á demanda por parte do demandado, mediante a dilixencia do 2 de setembro de 2016 foi declarado en rebeldía, e declaráronse os autos concluídos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste xuízo observáronse todas as prescricións legais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Tal e como se sinala nos antecedentes de feito da presente resolución, a parte demandada foi declarada en rebeldía posto que, malia constar expresamente citada, optou por non comparecer. Esta declaración non implica no caso de autos unha avinza ou unha admisión de feitos, tal e como expón o artigo 496 da LAC. Porén, o certo é que da dita incomparecencia se debe extraer unha conclusión, á vista do artigo 217.3 da Lei procesual, posto que a resolución da presente controversia descansa no dito precepto, a inversión da carga da proba, recollida no artigo 217 da LAC. Sinala o artigo precitado que corresponde ao demandado a carga de probar os feitos que, conforme as normas que lles sexan aplicables, impidan, extingan ou enerven a eficacia xurídica dos feitos probados pola demandante.

De todo o actuado nos presentes autos non existe argumento ningún para privar de virtualidade as pretensións da parte demandante, posto que esta probou de forma puntual os elementos que posibilitan a súa reclamación, achegando proba documental, a cal non foi impugnada, expresiva da relación contractual, disposicións realizadas e débeda pendente, que ascende en total á cantidade de 3.988,30 euros.

A parte demandada non compareceu para contestar a demanda, negando a débeda en todo ou en parte, nada fixo e non impugnou os documentos achegados pola demandante, polo que debe asumir as consecuencias dos seus actos e aboar a cantidade referida, incrementada cos xuros pactados desde a data da certificación.

Segundo. En materia de custas, de conformidade co disposto no artigo 394 da LAC, corresponde o seu aboamento á parte demandada.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que estimando integramente a demanda interposta pola entidade Bankinter Consumer Finance EFC, S.A., representada pola procuradora Susana Prego Vieito, contra Manuel Nieto Gómez, en situación procesual de rebeldía, debo condenar e condeno a Manuel Nieto Gómez a que aboe á entidade Bankinter Consumer Finance EFC, S.A. a cantidade de tres mil novecentos oitenta e oito euros con trinta céntimos (3.988,30), incrementada cos xuros pactados desde a data da certificación.

Corresponde o aboamento das custas á parte demandada.

Notifíquese ás partes e fágaselles saber que contra esta sentenza se poderá interpor recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña no prazo dos vinte días seguintes ao da súa notificación, que se presentará ante este mesmo xulgado con suxeición ao previsto nos artigos 455 e concordantes da Lei de axuizamento civil.

De conformidade co establecido na disposición adicional décimo quinta da LOPX na reforma introducida pola LO 1/2009, do 3 de novembro, complementaria da Lei de reforma da lexislación procesual para a implantación da nova oficina xudicial, pola que se modifica a LOPX 6/1985, do 1 de xullo, a admisión a trámite do recurso quedará supeditada, cando se presente, á acreditación da prestación de depósito por parte do recorrente, na conta de depósitos e consignacións deste xulgado, do importe de 50 euros.

De conformidade co disposto no artigo 2 da Lei 10/2012, do 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da Administración de xustiza, a interposición do recurso de apelación contra a presente sentenza exixe a presentación da correspondente taxa, que autoliquidará o suxeito pasivo conforme o modelo oficial. No caso de que non se presente, observarase o disposto no artigo 8.

Así, por esta miña sentenza, da cal se expedirá testemuño para a súa incorporación aos autos, pronúncioo, mándoo e asínoo».

Publicación. A anterior resolución leuna e publicouna a maxistrada xuíza que a subscribe, no día da data, en audiencia pública.

Dou fe.

A Coruña, 6 de setembro de 2016

Mª Elena Mouzón Cuesta
Letrada da Administración de xustiza