Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 2 de decembro de 2016 Páx. 53598

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Carballeda de Valdeorras

EDICTO de convocatoria para elección de xuíz de paz substituto.

En cumprimento do previsto no artigo 101 e concordantes da Lei orgánica do poder xudicial, anúnciase convocatoria pública para a provisión do cargo de xuíz de paz substituto deste concello de Carballeda de Valdeorras, conforme as seguintes bases:

1ª. Solicitudes: as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes mediante instancia que se presentará no Rexistro Xeral deste concello, das 9.00 ás 14.00 horas, durante o prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia, o prazo contarase a partir da última publicación.

Coa solicitude, na que se fará constar que se reúnen as condicións establecidas na base 2ª desta convocatoria para o desempeño do cargo de xuíz de paz substituto, presentaranse os seguintes documentos:

a) Certificación de nacemento ou fotocopia compulsada do DNI.

b) Certificación expedida polo Rexistro Xeral de Penados e Rebeldes, xunto con declaración complementaria na que se faga referencia ao artigo 2 da Lei 68/1980, no seu punto 1.a) referente a se se atopa inculpado ou procesado.

c) Xustificación de méritos que alegue o solicitante.

2ª. Condicións legais que teñen que reunir os solicitantes: ser español, maior de idade e non ter a idade de xubilación na carreira xudicial, non estar incurso en causas de incapacidade ou incompatibilidade previstas para o desempeño das funcións xudiciais, a excepción do exercicio de actividades profesionais ou mercantís.

As causas de incompatibilidade sinaladas no artigo 389 da Lei orgánica do poder xudicial operarán con posterioridade ao nomeamento, mediante opción efectuada polo nomeado.

Son causas de incapacidade: estar impedido física ou psiquicamente para a función xudicial; estar condenado por delito doloso en canto non se obteña a rehabilitación; estar procesado ou inculpado por delito doloso en canto non se obteña a absolución ou se dite auto de sobresemento, e non estar no pleno exercicio dos dereitos civís (artigo 303 da Lei orgánica do poder xudicial).

Carballeda de Valdeorras, 31 de outubro de 2016

Mª Carmen González Quintela
Alcaldesa