Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 2 de decembro de 2016 Páx. 53600

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial.

A Xunta de Goberno Local da Cidade de Santiago, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 25 de novembro de 2016, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial, redactada polos servizos técnicos municipais en novembro de 2016.

b) Someter o expediente a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio que para o efecto se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación individual a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.

c) Durante o trámite de información pública, solicitarase o informe do director xeral do Patrimonio Cultural, en cumprimento do exixido polo artigo 34.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

d) O acordo de aprobación inicial determina automaticamente, por aplicación do que dispón o artigo 47.2 da LSG, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas para a autorización de novos establecementos hoteleiros, aloxamentos e vivendas turísticas, e actividades de residencial comunitario (non universitario) no ámbito territorial de aplicación das seguintes ordenanzas do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1):

– Ordenanza de recinto intramuros (RI).

– Ordenanza de áreas urbanas históricas inmediatas (AU).

– Ordenanza de lineais históricos periféricos (LH).

– Ordenanza de ordenación de rueiros (R).

– Ordenanza de tecidos históricos renovados polo planeamento anterior (THR).

– Ordenanza das implantacións e reformas do planeamento anterior (IR).

A suspensión terá a duración máxima de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación do acordo de aprobación inicial, e extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente no Servizo de Planeamento e Xestión e formular as alegacións que xulguen oportunas. Na páxina web do Concello www.santiagodecompostela.gal, poderase consultar a documentación sometida a información pública.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2016

O alcalde
P.D. (DEC/3997/2015, do 16 de xuño)
Jorge Duarte Vázquez
Concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade