Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 2 de decembro de 2016 Páx. 53538

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Abegondo (expediente IN407A 2015/193-1).

Expediente: IN407A 2015/193-1.

Promotor: Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (UDESA).

Instalación: centro de seccionamento e manobra Vizoño e liñas de interconexión (Abegondo).

Concello: Abegondo.

Feitos.

1. O 19 de xuño de 2015 o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

1. Instalación e montaxe do centro de seccionamento e manobra Vizoño, de tipo interior en edificio de uso exclusivo, a partir dun local xa existente, antigo centro de transformación, que será reformado para adecualo ao seu novo uso, incluíndo 4 celas de media tensión de entrada/saída de liñas, motorizadas, todas elas con illamento e corte en SF6.

2. Dous tramos de liña subterránea de media tensión simple circuíto, interconexión desde o apoio existente AP1 da LMTA ao CTI Beche (expediente 51.943) e da LMTA en proxecto, co CSM Vizoño en proxecto, con condutores unipolares de aluminio e illamento seco tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240 kAl+H16), de 18 metros de lonxitude para cada un dos circuítos.

3. Dous tramos de liña subterránea de media tensión simple circuíto, interconexión desde o apoio existente AP0 da apertura da actual LMT Vilacoba Vizoño-CTI Fontela Abegondo (expediente IN407A 2005/511), co CSM Vizoño en proxecto, con condutores unipolares de aluminio e illamento secto tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3x(1x240 kAl+H16), de 45 metros de lonxitude para cada un dos circuítos.

4. Construción de liña aérea de media tensión 20 kV, enlace CT Castromaior coa LMTA ao CTI Beche, mediante condutor de aliaxe de aluminio recuberto con plástico XLPE, designado como CCX 55-AL3 24 kV segundo a UNE-EN 50397-1, de 1.493 m de lonxitude.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 29 de setembro de 2015.

– DOG: 4 de novembro de 2015.

– BOP: 19 de outubro de 2015.

– Xornal La Voz de Galicia: 15 de novembro de 2015.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 16 de decembro de 2015.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

Por medio dun anuncio desta xefatura territorial do 4 de marzo de 2016 (publicado no BOE do 27 de abril) foron notificados os interesados descoñecidos de conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Durante o período durante o cal se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

• Manuel Jesús Naveira Cañás, mediante escrito do 12 de novembro de 2015, solicita que se modifique o trazado alegando en síntese o seguinte:

– Que a liña atravesa o predio na súa totalidade.

• Ernesto Luis Rodríguez Pérez, mediante escrito do 6 de novembro de 2015, solicita que se modifique o trazado alegando en síntese o seguinte:

– Que non son instalacións de utilidade pública senón de negocios privados.

– Que lle vai xerar prexuízos que entende que non son necesarios.

– Que existe un proceso de concentración parcelaria que vai cambiar os titulares das parcelas afectadas.

• Jorge Etcheverría López, mediante escrito do 9 de novembro de 2015, solicita que se cambie a titularidade do predio nº 21 do proxecto alegando en síntese o seguinte:

– Que a anterior titular faleceu e el é o novo adxudicatario dos bens.

• Manuel Jesús Naveira Cañas e Ricardo Ríos Manteiga, mediante escrito do 23 de decembro de 2015, solicitan que se cambie a titularidade dos predios (parcelas 403 e 404 do polígono 37 de Abegondo) e as superficies afectadas polo proxecto e que se desestimen as alegacións presentadas por Manuel Jesús Naveira Cañas o día 12 de novembro de 2015 alegando en síntese o seguinte:

Existencia de erros no rexistro e cartografía catastral.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor que contestou:

– Escrito de data 30 de novembro de 2015, no que se valoran as alegacións presentadas por Ernesto Luis Rodríguez Pérez, no que, en síntese, manifesta o seguinte:

Que o artigo 54 da Lei 24/2013, do sector eléctrico di: «Decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica...» e ao ser unha instalación de distribución é de utilidade pública.

Que a liña foi deseñada do modo máis eficaz desde o punto de vista técnico, baixo o criterio de UDESA, que é a quen lle corresponde determinar o deseño das súas instalacións.

Que non propón un trazado alternativo que cumpra coas exixencias do artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Que as afeccións individuais sobre cada parcela serán concretadas no levantamento de actas previas á ocupación.

Que o dono do predio servente poderá solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, e correrán polo seu custo os gastos da variación, segundo o artigo 153 do Real decreto 1955/2000.

– Escrito de data 21 de decembro de 2015, no que se valoran as alegacións presentadas por Jorge Etcheverría López, no que, en síntese, manifesta o seguinte:

Que a Lei de expropiación forzosa exixe que as actuacións expropiatorias se entendan con aqueles titulares dos bens e dereitos que como tales aparezan en rexistros públicos que produzan presución de titularidade, que só pode ser destruída xudicialmente ou, no seu defecto, a quen apareza con tal carácter nos rexistros fiscais. Este non é o caso.

De todas formas, no momento de levantamento de actas previas á ocupación poderán achegar toda a documentación acreditativa da titularidade.

– Escrito de data 26 de xaneiro de 2016, no cal se valoran as alegacións presentadas por Manuel Jesús Naveira Cañas e Ricardo Ríos Manteiga, no que en síntese manifesta o seguinte:

Que debe aterse ao contido do rexistro catastral, aínda que ten en conta a solicitude de modificación.

De todas formas, no momento de levantamento de actas previas á ocupación poderán achegar toda a documentación acreditativa da titularidade.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2.10.2015).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2.10.2015).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27.12.2013).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27.12.2000).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19.3.2008).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9.6.2014).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18.9.2002).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14.10.1982).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 194, do 9.10.2015).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4.12.2015).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17.12.1954).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización das instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar:

– Non procede atender a solicitude realizada por Ernesto Luis Rodríguez Pérez polo seguinte:

Non se apreciou ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58 a) da Lei 24/2013, de 26 de decembro, do sector eléctrico, nos predios afectados pola expropiación.

– Respecto ás solicitudes realizadas por Jorge Etcheverría López, Manuel Jesús Naveira Cañas e Ricardo Ríos Manteiga, así como a terceira de Ernesto Luis Rodríguez Pérez:

As cuestións relativas á titularidade poderán alegarse e reflectirse na acta previa á ocupación no suposto de que, ao non achegaren as partes a un acordo amigable, se inicie e se tramite o procedemento expropiatorio.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

Resolvo:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude, á cal se xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2.10.2015), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 2 de novembro de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña