Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Luns, 14 de novembro de 2016 Páx. 50226

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución correspondente á infraestrutura gasista denominada extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/27-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24 de febreiro de 2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa e se aproba o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Outeiro de Rei, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2010/11-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 13 de abril de 2012 e no Boletín Oficial da provincia do 19 de xuño.

Este proxecto de execución recolle a gasificación de varias urbanizacións situadas ao sur do termo municipal de Outeiro de Rei (preto do límite co termo municipal de Lugo), e prevese a subministración de gas natural a través dunha conexión coa rede proveniente do termo municipal de Lugo, na estrada municipal da urbanización dos Alargos, continuando a canalización ata a urbanización residencial Triaqua, pasando polas urbanizacións Salete e Os Alargos, cunha lonxitude total de 6.871 m.

En canto ao desenvolvemento deste proxecto de execución, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu dúas actas de autorización de funcionamento, con datas 23.9.2013 e 20.2.2016, por un total de 4.698,9 m de canalizacións.

Segundo. O 22 de decembro de 2015 a empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de aprobación do proxecto de execución denominado Extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), acompañada do proxecto e das separatas técnicas para as entidades afectadas.

Este proxecto de execución recolle a gasificación dunha área xeográfica pertencente ao núcleo urbano de Outeiro de Rei e, en consecuencia, alongada da área xeográfica correspondente ao primeiro proxecto de execución (urbanizacións situadas ao sur do termo municipal de Outeiro de Rei); en consecuencia, someteuse (baixo o número de expediente IN627A 2015/27-0) non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución senón tamén ao procedemento de autorización administrativa previa, por tratarse dunha infraestrutura gasista non recollida no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural no termo municipal de Outeiro de Rei.

A infraestrutura gasista recollida no proxecto de execución presenta as seguintes características básicas:

– Terá o seu seu inicio no punto de entrega de gas natural (saída da ERM que se instalará no polígono 60, parcela 234 do termo municipal de Outeiro de Rei, e que será obxecto doutro proxecto), continúa por varias rúas (Castro, Un, D, praza do Concello, F, estrada N-VI, E) ata chegar ás instalacións de Ingapan, S.L., cunha lonxitude total de 1.592 m.

– A súa presión máxima de operación será de 4 bar e realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,5, en diámetros de 110 e 90 mm.

Terceiro. O 10 de febreiro de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/27-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23 de marzo de 2016, no Boletín Oficial da provincia do 10 de marzo e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 10 de marzo, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Outeiro de Rei.

Durante este trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 7 de marzo de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de execución (infraestrutura gasista correspondente á extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Concello de Outeiro de Rei, Begasa, Telefónica e Ono.

As entidades que contestaron (Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Concello de Outeiro de Rei, Begasa e Telefónica) presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade. Non obstante, o Concello de Outeiro de Rei propuxo no seu informe un cambio de trazado da canalización de gas.

A respecto das entidades que non contestaron (Ono), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Quinto. Para atender o cambio de trazado da canalización de gas proposto polo Concello de Outeiro de Rei, o 27.5.2016 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de aprobación da addenda ao proxecto de execución Extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), acompañada da addenda e das separatas técnicas para as entidades afectadas.

A rede recollida nesta addenda ten o seu inicio no punto de entrega de gas natural (previsto no proxecto inicial) e continúa por varias rúas (Castro, Un, D, praza do Concello, rúa do Concello, avenida Terra Chá, estrada N-VI, estrada LU-115 e E) ata chegar ás instalacións de Ingapan, S.L., cunha lonxitude total de 1.649 m.

Sexto. O 8 de xullo de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas da citada addenda, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados: Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e Concello de Outeiro de Rei.

As entidades que contestaron (Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e Concello de Outeiro de Rei) presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

Sétimo. O 28 de setembro de 2016 os servizos técnicos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas emitiron informe favorable sobre o expediente de referencia (IN627A 2015/27-0), de cara ao outorgamento da autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada Extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista correspondente á extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista, conformado polos seguintes documentos técnicos:

– Proxecto de autorización de execución de instalacións - Extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado nº 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), datado en decembro de 2015 e no cal figura un orzamento de 66.986,54 €.

– Proxecto de autorización de execución de instalacións - Addenda ao proxecto de extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo), asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado nº 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), datado en maio de 2016 e no cal figura un incremento do orzamento de 13.751,61 € (o que supón un orzamento total da infraestrutura gasista de 80.738,15 €).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora da infraestrutura gasista, Galicia SDG, S.A., constituirá no prazo de dous meses contado desde o momento do outorgamento da autorización unha fianza por valor de 1.339,73 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto titulado Proxecto de autorización de execución de instalacións - Extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Ingapan, S.L. e zona de influencia do seu trazado en Outeiro de Rei (Lugo) e a súa addenda; e nos cales figura un orzamento total de 88.738,15 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deben comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos da competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Novena. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condiciones estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas