Ao estaren vacantes os postos que se determinan no anexo I adxunto a esta orde, procede ofrecelos aos profesores especiais de institutos técnicos de ensinanzas medias, integrados no dito corpo polo Real decreto 1467/1998, do 2 de decembro, e que se atopan prestando servizos en centros situados no ámbito de xestión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Por todo iso, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
RESOLVE:
Primeiro. Facer pública a relación de postos vacantes que se indican no anexo I desta orde, que poden ser cubertos polos profesores especiais de institutos técnicos de ensinanzas medias que reúnen os requisitos previstos nesta orde.
Segundo. Poderán optar voluntariamente á praza anunciada nesta convocatoria dirixindo a súa instancia á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nos termos indicados na base décimo segunda, os funcionarios que se atopen nalgunha das situacións que se indican a seguir:
a) Os funcionarios que estean en situación de servizo activo con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
b) Os funcionarios que se atopen en situación de servizos especiais.
c) Os funcionarios que estean en situación de excedencia voluntaria. Se se trata do suposto de excedencia voluntaria por interese particular recollida na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG do 4 de maio), só poderán participar se ao finalizar o curso escolar en que se realicen as convocatorias transcorreu un ano desde que pasaron a esta situación.
Terceiro. Para participar neste proceso, os interesados deberán cubrir a instancia no modelo que se xunta como anexo II desta orde, consignarán nela os centros que soliciten por orde de preferencia, especificando o código de centro, a localidade e o nome do centro, así como cantos datos se requiren nela. Xunto coa instancia deberán achegar a documentación acreditativa dos méritos alegados na forma especificada no anexo III.
Cuarto. A instancia orixinal, así como a documentación a que se alude no punto anterior, dirixiranse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e poderán presentarse:
a) No Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.
b) Nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia.
c) Na secretaría do centro educativo en que presta servizos o persoal concursante.
d) En calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sen prexuízo do anterior, deberá terse en conta que para outros efectos distintos do concurso de traslados, as secretarías dos centros docentes non son unha das oficinas en que poden presentarse documentos dirixidos a calquera organismo público.
O prazo de presentación de solicitudes e documentos será desde o día 8 de novembro de 2016 ao 28 de novembro de 2016, ambos os dous incluídos. Finalizado este prazo non se admitirá ningunha nova solicitude nin a modificación das presentadas.
Quinto. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos baremará os méritos, adxudicará os destinos e exporá a resolución provisional na páxina web da consellería (www.edu.xunta.es). As ditas adxudicacións realizaranse seguindo as puntuacións obtidas polos participantes e tendo en conta a orde por eles establecida na súa petición de postos.
No caso de que se produzan empates no total das puntuacións, estas resolveranse atendendo sucesivamente á maior puntuación en cada unha das epígrafes do baremo, pola orde en que aparecen nel e, se é o caso, pola maior puntuación nas subepígrafes, seguindo igualmente a mesma orde.
Sexto. Os participantes poderán presentar reclamacións á resolución provisional, a través do órgano en que presentaron a súa instancia de participación, no prazo de dez días naturais, contados a partir da data de exposición da dita resolución.
Sétimo. Resoltas as reclamacións a que se refire o punto anterior, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos elevará a definitiva a resolución provisional e publicaraa no Diario Oficial de Galicia. Os destinos obtidos na dita resolución serán irrenunciables e os interesados deben incorporarse a eles o 1 de setembro de 2017.
Oitavo. Para a avaliación das solicitudes de reingreso, teranse en conta os méritos que en tempo e forma aleguen e xustifiquen dos especificados no anexo III desta orde.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2016
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO I
Vacantes: 1.
Localidade: IES As Lagoas, Ourense.
Código: 32009190.