Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2016 Páx. 48425

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, da repotenciación do parque eólico Malpica, situado nos concellos de Malpica de Bergantiños e Ponteceso (A Coruña), promovido pola sociedade Parque Eólico Malpica, S.A. (expediente IN661A 2014/1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Parque Eólico Malpica, S.A. (en diante o promotor) en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública da repotenciación do parque eólico Malpica (en diante a repotenciación do parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 14.12.1995, a Dirección Xeral de Industria autorizou as instalacións electromecánicas, declarou de utilidade pública e recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial do parque eólico de Malpica, no termo municipal de Malpica de Bergantiños, composto por 67 aeroxeradores Ecotecnia de 225 kW de potencia unitaria (15,075 MW de potencia total).

Segundo. O 13.2.1997, a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución do parque eólico.

Terceiro. O 21.4.1997, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio autorizou a posta en marcha do parque eólico.

Cuarto. O 12.6.2001, a Dirección Xeral de Industria autorizou as instalacións electromecánicas, aprobou o proxecto de execución e recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial da ampliación do parque eólico, composta por 2 aeroxeradores Ecotecnia de 750 kW de potencia unitaria (1,5 MW de potencia total).

Quinto. O 28.6.2002, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha das instalacións da ampliación do parque eólico Malpica. Desta forma o parque eólico quedou constituído por 69 aeroxeradores, cunha potencia total de 16,575 MW.

Sexto. O 13.3.2014, o promotor presentou o anteproxecto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial, e solicitou a autorización administrativa para a repotenciación do parque eólico.

Sétimo. Mediante a Resolución do 8 de setembro de 2014, da xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudo de impacto ambiental do proxecto de repotenciación do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 15.10.2014, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 25.9.2014 e no xornal La Voz de Galicia do 24.9.2014. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e dos concellos afectados (Malpica de Bergantiños e Ponteceso).

Durante o período de información pública non se recibiu ningunha alegación.

Oitavo. O 8.9.2014, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos condicionados técnicos oportunos, as correspondentes separatas do anteproxecto da repotenciación do parque eólico aos seguintes organismos: Concello de Malpica de Bergantiños, Concello de Ponteceso, Retegal e Augas de Galicia. No caso dos concellos de Malpica de Bergantiños e de Ponteceso non se recibiu resposta.

Noveno. O 3.10.2014 Retegal emitiu o correspondente condicionado. O promotor mostrou a súa conformidade mediante escrito do 20.10.2014.

Décimo. O 6.5.2015, Augas de Galicia emitiu o correspondente condicionado. O promotor mostrou a súa conformidade mediante escrito do 8.6.2015.

Décimo primeiro. O 29.6.2015, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria (en diante a xefatura territorial) informou que a área definida pola poligonal da repotenciación do parque eólico non estaba afectada por ningún dereito mineiro vixente.

Décimo segundo. O 17.7.2015, a xefatura territorial emitiu o informe relativo á solicitude de autorización administrativa e de aprobación do proxecto sectorial e á tramitación ambiental da repotenciación do parque eólico. Coa mesma data, remitiu a documentación correspondente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo terceiro. O 11.11.2015, o promotor solicitou a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública para a repotenciación do parque eólico, achegando a correspondente relación de bens e dereitos afectados.

Décimo cuarto. O 11.2.2016, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos condicionados técnicos oportunos, as correspondentes separatas do proxecto de execución da repotenciación do parque eólico aos seguintes organismos: Concello de Malpica de Bergantiños, Concello de Ponteceso, Augas de Galicia, Retegal e Autoridade Portuaria da Coruña.

Décimo quinto. O 12.2.2016, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións da repotenciación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo sexto. O 17.2.2016, o Concello de Ponteceso emitiu informe sobre a separata remitida. O promotor manifestou a súa conformidade mediante escrito do 16.6.2016.

Décimo sétimo. Por Resolución do 19 de febreiro de 2016, da xefatura territorial, someteuse a información pública a declaración de utilidade publica, en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que iso implica, da repotenciación do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.4.2016, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 9.3.2016 e no xornal La Voz de Galicia do 8.3.2016.

Durante o período de información pública presentáronse, nas datas que se indican, as seguintes alegacións: Manuel Fondo Martínez, o 1.4.2016; Luis Manuel Varela García, o 23.3.2016; Mª Dolores Blanco Álvarez, o 22.3.2016 e o 5.4.2016; Mercedes García Ferreiro, o 5.4.2016; Mª Josefa Ferreiro Martínez, o 30.3.2016; Rosalía Castro Ordóñez, o 30.3.2016; Estrella Barreira Varela, o 31.3.2016; María Dourado Varela, o 31.3.2016; Jesús Manuel Lema Pampín, o 12.4.2016; Mª Carmen García Varela, o 12.4.2016; Olga Estramil Cancela, o 8.4.2016; Gloria Teresa Fernández Blanco, o 18.4.2016; Adolfina Suárez Castro, o 26.4.2016; Dosinda García Santiago, o 9.5.2016; José Antonio Vitureira Duarte, o 29.4.2016.

Décimo oitavo. O 28.4.2016, a xefatura territorial reiteroulles a solicitude de condicionado técnico aos seguintes organismos: Concello de Malpica de Bergantiños, Augas de Galicia, Retegal e Autoridade Portuaria da Coruña. Transcorrido o prazo correspondente, ningún destes organismos emitiu o condicionado solicitado.

Décimo noveno. O 28.7.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa á repotenciación do parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 22 de agosto de 2016 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Vixésimo. O 16.8.2016, a xefatura territorial emitiu o informe relativo á tramitación da solicitude de autorización de construción e de declaración de utilidade pública. O 17.8.2016 remitiu a documentación correspondente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo primeiro. O 5.9.2016, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto sectorial da repotenciación do parque eólico.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e de acordo co establecido polos artigos 54 e 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e 14.1 e 18.2 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como polo artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aplicable ao presente procedemento en virtude do artigo 23 do mencionado Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; no Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. No informe do Servizo de Enerxía e Minas da Coruña do 29.6.2015 non se recolle ningún dereito mineiro vixente que afecte a área definida pola poligonal do parque eólico, polo que non foi necesaria a apertura do trámite de compatibilidade a que se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, aplicable ao presente procedemento en virtude do artigo 23 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

Cuarto. En relación coas alegacións presentadas durante o trámite de información pública correspondente á solicitude de declaración de utilidade pública para o parque eólico, indicadas no antecedente de feito décimo sétimo, a continuación resúmese o seu contido:

– Algúns alegantes solicitan aclaracións sobre as afeccións do proxecto aos seus predios e que o promotor se poña en contacto con eles para tratar de acadar un acordo que evite a expropiación.

– Erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA) relativos á titularidade e tipo de cultivo dalgúns predios, datos identificativos dos interesados, enderezos de notificación, etc.

– Desconformidade coa ocupación dos predios por información confusa sobre o tipo de ocupación e por non estar de acordo coas compensacións económicas ofrecidas polo promotor.

En vista do contido destas alegacións e das respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

– En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados, así como das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre estes.

– No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor e as persoas afectadas con anterioridade ou durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

– En canto ás afeccións por servidume de paso, estas implican a ocupación dos terreos para o establecemento de novos camiños ou a ampliación dos existentes, o dereito de paso ou acceso e a ocupación temporal de terreos ou outros bens necesarios para a construción, vixilancia, conservación e reparación dos camiños. Así mesmo, a servidume de paso subterráneo para as conducións de enerxía eléctrica comprende a ocupación do subsolo polos cables condutores, así como a ocupación temporal de terreos ou outros bens necesarios para a construción, vixilancia, conservación e reparación das correspondentes instalacións.

De acordo con todo o que antecede, e en exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a repotenciación do parque eólico Malpica, situado nos concellos de Malpica de Bergantiños e Ponteceso (A Coruña) e promovido por Parque Eólico Malpica, S.A.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución. Parque eólico Malpica (repotenciado). Outubro 2015, asinado polo enxeñeiro industrial Guillermo Planas Roca, colexiado nº 7819 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, e visado polo mesmo Colexio o 13.10.2015, co número 201503673. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Parque Eólico Malpica, S.A.

Domicilio: Paseo de la Castellana, 141, Edif. Cuzco IV, 9ª planta, 28046 Madrid.

Denominación: repotenciación parque eólico Malpica.

Concellos afectados: Malpica de Bergantiños e Ponteceso (A Coruña).

Potencia instalada: 16,45 MW.

Produción de enerxía eléctrica: 64.713 MWh/ano.

Orzamento de execución material do parque eólico repotenciado: 15.642.161,68 euros.

Orzamento de execución material do desmantelamento: 259.818,20 euros.

Coordenadas UTM perimétricas da poligonal do parque eólico (ETRS89, fuso 29):

Vértice

UTM-X

UTM-Y

P1

508.275

4.795.786

P2

509.375

4.795.786

P3

509.375

4.793.286

P4

508.875

4.793.286

P5

508.275

4.794.786

Coordenadas UTM de localización dos aeroxeradores (ETRS89, fuso 29):

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

MA_1

508.733

4.795.684

MA_2

508.792

4.795.201

MA_3

508.455

4.794.709

MA_4

508.668

4.794.545

MA_5

508.660

4.794.148

MA_6

508.831

4.793.920

MA_7

509.036

4.793.606

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 7 aeroxeradores Enercon E-92 de 2.350 kW de potencia nominal unitaria con xerador asíncrono, sobre fuste tubular metálico cunha altura da buxa de 78,3 m e un diámetro de rotor de 92 m.

– 7 centros de transformación de potencia unitaria de 2.500 kVA e con relación de transformación 0,4/20 kV, instalados individualmente no interior de cada aeroxerador cos correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 20 kV de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación existente, con condutor tipo RHZ1 12/20 kV (Al) e sección variable segundo o tramo.

– Unha torre anemométrica autoportante de 78 m de altura.

– Revisión dos compoñentes e do transformador 20/66 kV da subestación eléctrica existente.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Parque Eólico de Malpica, S.A. constituirá, de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, unha fianza polo importe de 318.039,60 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 20.2 do mencionado Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

2. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Parque Eólico de Malpica, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 164.939 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co previsto no artigo 22 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, seguindo o procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As actuacións de desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico, así como as de execución das instalacións correspondentes á repotenciación autorizada, realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. O prazo para a execución da totalidade das actuacións autorizadas, así como para a posta en marcha das novas instalacións, será de oito meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 28.7.2016 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Parque Eólico Malpica, S.A. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido nos artigos 14.3 e 18.3 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas