Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2016 Páx. 48269

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo

EDICTO (117/2015).

Eu, Sarai Paniagua Acera, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo, fago saber que no presente procedemento de relacións more uxorio, seguido por instancia de Kelly Mendes Alves Ferreira fronte a Tiago José Rosa de Jesús, se ditou sentenza, cuxo teor literal é o seguinte:

«Sentenza número 364.

Vigo, 15 de xuño de 2016.

María del Carmen Salvador Mateos, maxistrada xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo (xulgado de familia), viu os autos seguidos neste xulgado baixo o número 117/2015, sobre garda e custodia e alimentos respecto de fillo menor de idade, por instancia de Kelly Mendes Alves Pereira, representada pola procuradora dos tribunais Paula Llordén Fernández-Cervera e con asistencia letrada de Cristina Pérez Rodríguez, contra Tiago José Rosa de Jesús, declarado en rebeldía procesual, e no cal interveu o Ministerio Fiscal, de acordo cos seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Procedente da oficina de repartición tivo entrada neste xulgado demanda sobre garda, custodia e alimentos respecto de fillo menor de idade, subscrita pola procuradora dos tribunais Paula Llordén Fernández-Cervera, que actúa na representación arriba indicada, contra o demandado que figura no encabezamento, na cal, tras alegar os feitos e fundamentos de dereito que considerou de aplicación e que constan no escrito de demanda, terminou suplicando ao xulgado que ditase sentenza nos termos indicados no suplico da demanda.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, deuse traslado ao demandado e ao Ministerio Fiscal para que no prazo de vinte días puidesen comparecer en autos e contestar a demanda.

O Ministerio Fiscal presentou escrito de contestación á demanda, en que alegou os feitos e fundamentos de dereito que considerou convenientes.

Ao non comparecer a parte demandada, foi declarada en rebeldía procesual e convocáronse as partes e o Ministerio Fiscal á correspondente vista, a cal tivo lugar o día 14 de xuño de 2016, co resultado que consta en autos, e quedaron as actuacións concluídas para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación deste xuízo observáronse os termos e prescricións legais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 770 da Lei de axuizamento civil, na súa regra sexta, dispón que nos procesos que versen exclusivamente sobre garda e custodia de fillos menores ou sobre alimentos reclamados en nome dos fillos menores, para a adopción de medidas cautelares que sexan adecuadas aos ditos procesos se seguirán os trámites establecidos na lei para a adopción de medidas previas, simultáneas ou definitivas nos procesos de nulidade, separación ou divorcio.

Polo tanto, cando se trata de resolver cuestións relativas á patria potestade, garda e custodia de fillos, réxime de visitas, pensión de alimentos ou cuestións relativas ás relacións paterno-filiais, a propia lei prevé a remisión ao procedemento previsto no artigo 770 da LAC, para aqueles casos en que non haxa acordo entre os solicitantes das medidas.

Segundo. No presente caso, tendo en conta que a demandante non compareceu á vista sinalada, o que impediu ao tribunal coñecer as concretas circunstancias persoais, económicas e sociais da familia e, especialmente, do menor a que se refire o presente procedemento, e tendo en conta a escasa proba achegada, procede desestimar a demanda, xa que non se conta con ningún elemento que permita realizar ningún pronunciamento con relación ao menor.

Terceiro. A desestimación da demanda supón a condena en custas da parte demandante, por aplicación do disposto no artigo 394.1 da Lei de axuizamento civil.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolución.

Na demanda interposta pola procuradora dos tribunais Sra. Llordén Fernández-Cervera, en nome e representación de Kelly Mendes Alves Pereira, como demandante, contra Tiago José Rosa de Jesús, declarado en situación de rebeldía, e en que interveu o Ministerio Fiscal, desestímoa e absolvo o demandado das peticións deducidas na súa contra.

Non se fai especial pronunciamento en canto ás custas.

Modo de impugnación: recurso de apelación no prazo de vinte días desde a notificación desta resolución, ante a Audiencia Provincial.

Este recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en sentido contrario ao resolto (artigo 456.2 da LAC).

Así, por esta miña sentenza, da cal se expedirá testemuño para a súa unión aos autos, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E ao estar o dito demandado, Tiago José Rosa de Jesús, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Vigo, 6 de outubro de 2016

A letrada da Administración de xustiza