Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Mércores, 26 de outubro de 2016 Páx. 47791

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2016, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2016

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO
Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2016,
do 10 de febreiro, do solo de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, na súa reunión do día 6 de setembro de 2016, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. De conformidade coas negociacións previas mantidas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, do 12 de abril de 2016, para o estudo e a proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 22.d), 30, 31, 34, 42.6, 85.1, 129, 130 e 131 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, ambas as partes considéranas liquidadas de conformidade cos seguintes compromisos:

a) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 22.d) e 30, ambas as partes entenden que os dous preceptos se refiren, exclusivamente, a actuacións urbanísticas realizadas por expropiación.

b) En relación coas discrepancias manifestadas sobre os artigos 31.1 e 34, ambas as partes entenden que a condición de solo rústico que se outorga aos terreos sometidos a algún réxime de especial protección, de conformidade coa lexislación sectorial de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas, ou coa lexislación sectorial de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais, require que, de acordo coa dita lexislación, estean excluídos da transformación mediante a urbanización ou que, á marxe da protección sectorial que merezan, non reúnan as condicións exixidas pola lexislación urbanística para seren clasificados como solo urbano ou solo de núcleo rural.

De acordo co anterior e á marxe da aplicación desta interpretación, desde o mesmo momento da sinatura deste acordo, a Xunta de Galicia comprométese a introducir de forma expresa, no desenvolvemento regulamentario dos artigos 31.1 e 34.1 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, as seguintes redaccións:

«Artigo 31. Concepto e categorías

1. Terán a condición de solo rústico:

a) Os terreos sometidos a algún réxime de especial protección incompatible coa súa transformación mediante a urbanización, de conformidade coa lexislación sectorial de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas ou coa lexislación sectorial de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais.

Non terán a consideración de solo rústico os terreos que, aínda que estean sometidos a algunha protección sectorial das mencionadas, reúnan as condicións establecidas na Lei do solo de Galicia para seren clasificados como solo urbano ou solo de núcleo rural, sen prexuízo de que neles se apliquen as disposicións pertinentes da citada normativa sectorial de protección».

«Artigo 34. Solo rústico de especial protección

1. O planeamento clasificará como solo rústico de especial protección os terreos que, de acordo coas lexislacións sectoriais de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas, resulten incompatibles coa transformación mediante a urbanización, así como aqueles cuxa protección veña demandada polos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais que concorran neles».

c) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 42.6, ambas as partes interpretan que o convenio a que se fai referencia non prexulga de ningún xeito a aplicación do disposto na Lei 33/2003, do patrimonio das administracións públicas, en relación co réxime urbanístico e a xestión dos bens públicos da Administración xeral do Estado, sempre que así proceda.

d) En relación coas discrepancias manifestadas sobre o artigo 85.1, ambas as partes entenden que este precepto se debe interpretar e aplicar nos termos previstos na lexislación básica estatal, concretamente do artigo 42.2 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana, é dicir, limitando a lexitimación expropiatoria á aprobación dos instrumentos da ordenación territorial e urbanística que habiliten directamente para a súa execución e cando esta deba producirse por expropiación. A Xunta de Galicia comprométese a introducir esta interpretación no desenvolvemento regulamentario que realice da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

e) En relación coas discrepancias manifestadas sobre os artigos 129, 130 e 131, a Xunta de Galicia comprométese a introducir no desenvolvemento regulamentario da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a condición indispensable do necesario consentimento do propietario para poder aplicar as técnicas da ocupación directa e a permuta forzosa, tal e como reclama o artigo 43.1 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, así como a interpretar os devanditos preceptos de acordo con tal limitación, ata o momento no cal se produza a aprobación e entrada en vigor do devandito regulamento.

Segundo. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 6 de setembro de 2016

Cristóbal Montoro Romero

Ministro de Facenda e Administracións Públicas

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza