Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 21 de outubro de 2016 Páx. 47406

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO de notificación de auto e dilixencia de ordenación (ETX 2/2016).

Eu, Susana Varela Amboage, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de execución de títulos xudiciais 2/2016 deste xulgado do social, seguido por instancia de María Vázquez García contra La Empanadilla Sabrosa, S.L. sobre despedimento, foi ditado auto do 27 de maio de 2016 e dilixencia de ordenación do 29.6.2016, co contido literal seguinte:

«Auto

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2016

Maxistrada que o dita: Susana Villarino Moure

Antecedentes de feito:

Único. O 22 de decembro de 2015 María Vázquez García presentou demanda de execución da sentenza pronunciada no procedemento de despedimento número 568/2015. Foi ditado auto con orde xeral de execución no 24 de febreiro de 2016. A letrada da Administración de xustiza convocou incidente que se celebrou no pasado 10 de maio de 2016 co resultado que conta nos autos. Practicada a proba -documental-, a parte emitiu as súas conclusións, e os autos quedaron vistos para resolver.

Feitos probados:

Primeiro. Nos autos número 568/2015 deste xulgado foi ditada sentenza do 27 de novembro de 2015 pola cal se declaraba a improcedencia do despedimento efectuado respecto da demandante, agora executante, e condenaba a empresa demandada a optar no prazo de cinco días entre o aboamento da indemnización que se detallaba na parte dispositiva da sentenza ou a readmisión con aboamento dos salarios de tramitación ata a notificación da sentenza.

A sentenza foi notificada á parte demandada no 1 de decembro de 2015. Non consta efectuada opción.

Dáse por reproducido o contido da sentenza que consta nos autos, onde consta o salario regulador para os efectos do despedimento -1.514,6 euros mensuais- e antigüidade -1 de abril de 2014-.

Segundo. Por dilixencia do 15 de decembro de 2015 declárase a firmeza da sentenza.

Terceiro. A empresa non procedeu á readmisión da executante.

Cuarto. A executante consta que percibiu prestacións de desemprego desde o 13 de xuño de 2015 ata o 21 de xuño de 2015 e desde o 9 de outubro de 2015 ao 16 de marzo de 2016, e que estivo de alta na seguridade social por conta da empresa Morgana SCQ, S.C. desde o 22 de xuño ao 30 de setembro de 2015 en virtude dun contrato a tempo parcial co 50 % da xornada e desde o 17 de marzo de 2016 ata, polo menos, o 9 de maio de 2016 consta de alta na Seguridade Social por conta de dúas empresas, Masara Astoria, S.L. e Catañeda Ferreira, José Manuel, cun contrato a tempo completo.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. Os anteriores feitos probados resultan do procedemento declarativo de que dimana a presente execución e da proba practicada no presente incidente, e débese sinalar que entendo que é a empresa quen debe probar a readmisión, pois o contrario suporía obrigar o traballador a probar un feito negativo. Nada probou a executada. Os datos relativos á prestación de desemprego e alta por conta de novas empresas constan no informe de vida laboral presentado.

Segundo. De conformidade co artigo 56.3 do ET, en caso de se declarar a improcedencia do despedimento e de non optar o empresario -como sucede no presente caso- entenderase que procede a readmisión. Por tanto, o vínculo laboral permaneceu vivo, razón pola cal o lexislador permite ao traballador, no caso de non se proceder á readmisión, executar a súa sentenza mediante o incidente de non readmisión, ex. artigo 280 LRXS.

A comparecencia prevista no artigo 280 LRXS celebrouse no pasado día 2 de febreiro de 2016. O artigo 281 LRXS establece que, salvo nos casos en que non quede demostrada a non readmisión, o que non sucede no presente caso segundo o exposto no fundamento anterior, o xuíz ditará auto en que declarará extinguida a relación laboral na data da devandita resolución, acordará aboar ao traballador as percepcións económicas previstas nos números un e dous do artigo 56 do ET -indemnización e salarios de trámite-, rateando os períodos de tempo inferiores a un ano e computando como tempo de servizo o transcorrido ata a data do auto.

Pois ben, polo que respecta á indemnización, débese calcular a data da presente resolución e o importe ascende ao importe de 3.565,58 euros.

Respecto aos salarios de tramitación, devindícanse desde o despedimento, no 12 de xuño de 2015, ata a presente resolución coas seguintes matizacións: en primeiro termo, o cálculo dos salarios de tramitación realízase sen prexuízo da regularización do importe das prestacións de desemprego -que non se demostrou e se descoñece neste momento, pero si consta que se percibiron- que segundo o artigo 209.5, letra b da Lei xeral da Seguridade Social, deberá descontar o empresario da suma obxecto dos salarios de tramitación para o seu ingreso á entidade xestora e, en segundo lugar, dado que consta que a executante traballou, cando menos, desde o 22 de xuño ao 30 de setembro de 2015 cun contrato a tempo parcial e desde o 17 de marzo de 2016 ata o 9 de maio de 2016 cun contrato a tempo completo, e non constando os ingresos percibidos, haberá que considerar que percibiu a parte proporcional do SMI no ano 2015 e o SMI na parte do ano 2016 traballado, polo que procede detraer os ingresos relativos ao dito período por constar que percibiu salarios da nova empresa, e isto porque os salarios de tramitación o que pretenden é indemnizar unha falta de ingresos mais non que a executante obteña un enriquecemento inxusto. Nada proban as partes respecto dos sucesivos meses, polo que esta xulgadora descoñece se continuou a prestar servizos para a nova empresa, polo que o desconto se limitará á parte que si consta que houbo prestación de servizos para outra empresa.

Resulta, así, en concepto de salarios de tramitación 17.670,33 euros, dos cales habería que descontar 870,45 euros correspondentes ao percibido desde o 22 de xuño ao 30 de setembro de 2015 partindo do 50 % do SMI para o dito ano e 1.357,02 euros correspondentes ao período en que prestou servizos no ano 2016 para outra empresa calculado partindo do SMI, o que supón un total en concepto de salarios de tramitación de 15.442,86 euros, sen prexuízo do desconto que deba efectuar a empresa do importe percibido pola parte executante en concepto de prestacións de desemprego.

En caso de non se proceder ao cumprimento voluntario desta resolución, a execución continuará como pecuniaria pola suma de ambos os dous importes, máis 200 euros de honorarios do letrado da parte executante e a cantidade correspondente orzada para xuros e custas da execución.

Decido:

Declarar extinguida á data da presente resolución a relación laboral que unía María Vázquez García con La Empanadilla Sabrosa, S.L. e condeno a dita empresa a aboar á executante 3.565,58 euros en concepto de indemnización e 15.442,86 euros en concepto de salarios de tramitación, sen prexuízo do desconto que efectúe, se for o caso, a empresa do importe percibido pola parte executante en concepto de prestacións de desemprego.

No caso de non se proceder ao cumprimento da presente resolución, continuará a pedimento de parte a presente execución como pecuniaria polo importe total de 19.008,44 euros, máis 200 euros de honorarios do letrado da parte executante e 1.900,8 euros que se orzan para xuros e custas da execución, sen prexuízo da súa ulterior liquidación.

Notifíquese esta resolución ás partes e ao Fogasa e fágaselles saber que contra ela poden interpor recurso de reposición no prazo de tres días desde a súa notificación.

Así o acordo, mando e asino.

A maxistrada xuíza»

«Dilixencia de ordenación:

Letrada da Administración de xustiza Susana Varela Amboage

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil dezaseis.

Revisado o estado da conta de depósitos e consignacións xudiciais e constando un importe de 19,05 euros procedente do embargo das contas bancarias e devolucións tributarias da executada, transfírase ao número de conta designado pola executante o dito importe á conta do principal.

Quedando pendente de satisfacer na presente executoria a suma de 18.989,39 euros de principal, máis 200,00 euros en concepto de honorarios de letrado e 1.900,80 euros en concepto provisorio de xuros e custas da execución, e sen encontrar bens suficientes, e de conformidade ao artigo 276.1 da LXS, acordo:

Dar audiencia a María Vázquez García e ao Fondo de Garantía Salarial para que no prazo máximo de quince días pidan o que ao seu dereito conviñer para a continuación da executoria, designando en tal caso bens concretos do debedor sobre os cales despachar execución.

Respecto ao escrito do 26 de maio de 2016 presentado pola parte executante, consúltese a base de datos informática do Rexistro Mercantil a fin de descubrir o administrador da entidade executada e o domicilio deste. Á vista do resultado da indagación, notifíquese a presente resolución, así como o auto do 27 de maio de 2016 e o decreto do 3 de xuño de 2016 a Miguel Ángel Rodríguez Santalices a través do SCACE de Santiago de Compostela no seu domicilio sito en Urbanización Os Verxeles, nº 71, Teo,15866 A Coruña.

Notifíquese ás partes e fágaselles saber que, en aplicación do mandado, contido no artigo 53.2 da LXS, no primeiro escrito ou comparecencia ante o órgano xudicial, as partes ou interesados e, se for o caso, os profesionais designados, sinalarán un domicilio e datos completos para a práctica de actos de comunicación. O domicilio e os datos de localización facilitados con tal fin, producirán plenos efectos e as notificacións neles intentadas sen efecto serán válidas en canto non sexan facilitados outros datos alternativos, sendo carga procesual das partes e dos seus representantes mantelos actualizados. Así mesmo, deberán comunicar os cambios relativos ao seu número de teléfono, fax, enderezo electrónico ou semellantes, sempre que estes últimos estean a ser utilizados como instrumentos de comunicación co tribunal.

Modo de impugnación. Mediante recurso de reposición que se interporá ante quen dita esta resolución, no prazo de tres días hábiles seguintes á súa notificación, con expresión da infracción que contén a xuízo do recorrente, sen que a interposición do recurso teña efectos suspensivos con respecto á resolución impugnada.

A letrada da Administración de xustiza»

E para que sirva de notificación en legal forma á entidade La Empanadilla Sabrosa, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios deste órgano xudicial.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo no suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2016

A letrada da Administración de xustiza