A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos por parte dos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.
No artigo 20 da dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente e, no seu punto, establécense segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.
Para dar cumprimento a este precepto, publicouse a Orde do 2 de marzo de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia. A evolución da actividade administrativa supuxo a modificación do ficheiro detallado no anexo, o que obriga tamén, conforme a citada Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, á modificación da Orde do 2 de marzo de 2011.
En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Mediante esta orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza modifícase o contido do ficheiro de datos de carácter persoal denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, segundo se especifica no anexo.
Artigo 2. Contido
A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta orde.
Artigo 3. Finalidade e uso do ficheiro
Os datos de carácter persoal incluídos no ficheiro da Secretaría Xeral da Igualdade modificado por esta resolución só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.
Artigo 4. Cesión de datos
Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e nos declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas, haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.
Artigo 5. Órgano responsable dos ficheiros
A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade.
No anexo detállase a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.
Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade
O ficheiro modificado por esta orde está clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo figura a clasificación (nivel alto) do dito ficheiro.
A persoa titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, as obrigas e os dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2016
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO
Modificación dun ficheiro responsabilidade
da Secretaría Xeral da Igualdade
Denominación do ficheiro |
Relacións administrativas coa cidadanía e entidades |
Descrición da súa finalidade e usos previstos |
Xestión das relacións administrativas coa cidadanía, entre elas, procedementos administrativos, rexistros, portelo electrónico 24×7, axudas, subvencións; e xestión das relacións administrativas con outros organismos públicos ou entidades sen ánimo de lucro (asociacións, fundacións, universidades, etc.) que manteñan relación coa Comunidade Autónoma de Galicia. |
Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos |
Cidadáns/ás e residentes e representantes de entidades que manteñen relacións administrativas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Solicitantes. Beneficiarios/as. Representantes legais. |
Procedemento de recollida de datos |
Formularios en papel e electrónicos. |
Procedencia dos datos |
A propia persoa interesada ou quen a represente. Entidades privadas. Administracións públicas. |
Estrutura básica do ficheiro Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos) |
Datos especialmente protexidos: saúde, violencia de xénero. Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, enderezo postal e electrónico, sinatura, pegada, nº Seguridade Social/mutualidade. Datos de características persoais. Datos de información comercial. Datos económicos, financeiros e de seguros. Datos de circunstancias sociais. Datos académicos e profesionais. Datos de detalle de emprego. Datos de transaccións. Datos relativos á comisión de infraccións penais e administrativas. Outro tipo de datos. |
Sistema de tratamento |
Mixto. |
Comunicacións ou cesións de datos |
Outros órganos da Comunidade Autónoma con competencia en materia de igualdade, subvencións, política social, sanidade e emprego. Outros órganos da Administración do Estado con competencia en materia de igualdade, subvencións, política social, sanidade e emprego. Outros órganos da Unión Europea con competencia en materia de igualdade, subvencións, política social, sanidade e emprego. Outros órganos da Administración local con competencia en materia de igualdade, subvencións, política social, sanidade e emprego. Forzas e corpos de seguridade. |
Transferencias internacionais de datos a terceiros países |
Non se prevén. |
Órgano responsable do ficheiro |
Secretaría Xeral da Igualdade. |
Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición |
Secretaría Xeral da Igualdade. Edificio Administrativo San Lázaro, s/n. 15781 Santiago de Compostela (A Coruña). |
Nivel do ficheiro |
Alto. |