Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2016 Páx. 46094

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2016, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 16 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 18 de xuño), pola que se lles dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o día 29 de setembro de 2016, o tribunal nomeado pola Orde do 11 de abril de 2016 (DOG número 72, do 15 de abril), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde da Consellería de Facenda do 16 de xuño de 2015 (DOG número 114, do 18 de xuño), modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (DOG número 220, do 18 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Á vista das reclamacións presentadas, anular a pregunta 15. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta de reserva número 21.

Segundo. Desestimar o resto das reclamacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.3 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos). Para estes efectos, fíxase en 10 o número de respostas correctas precisas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na citada base da convocatoria.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polos/as aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral e Información á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web (funcionpublica.xunta.gal) da Xunta de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.2.7 da convocatoria, os/as aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda, nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2016

Mercedes Cardelle Espasandín
Presidenta do tribunal