Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2016 Páx. 46096

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2016, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado pola Orde do 15 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 140, do 24 de xuño).

En sesión que tivo lugar o día 20 de setembro de 2016, o tribunal nomeado pola Orde do 19 de maio de 2016 (DOG núm. 100, do 27 de maio) para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo C1, acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6. da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o 20 de outubro de 2016, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas, no salón de actos e na aula 1 da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, en Santiago de Compostela.

Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas que figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario, doutrina ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o seu persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas nas que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, tabletas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento do que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2016

Francisco Tomás Couso González
Presidente do tribunal