En sesión que tivo lugar o 29 de setembro de 2016, o tribunal nomeado por Orde do 19 de maio de 2016 (DOG núm. 100, do 27 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o 19 de outubro de 2016, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas, nas aulas 1 e 10 da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.
Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.
En relación cos textos legais dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.
Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.
Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2016
Paula Oliete Trillo
Presidenta do tribunal