Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 5 de outubro de 2016 Páx. 45810

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de setembro de 2016 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Coruña Biomedical Institute (CorBI Foundation).

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Coruña Biomedical Institute (CorBI Foundation) con domicilio na rúa Federico Tapia, número 13, na Coruña.

Feitos:

1. O 29 de xullo de 2016 Julio José Casal González, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Coruña Biomedical Institute (CorBI Foundation) foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 29 de xuño de 2016, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 1.743, por Julio José Casal González, Luis Miguel Martínez Otero, David Carro Meana, Juan José Nieto Roig, Francisco Javier Novelle Secades, Rosana Rodríguez López, José Manuel Vázquez Rodríguez, José Ramón Pérez Sante, María Eulalia Pérez Sedeño, Enrique Castellón Leal, Enric Banda Tarradellas, Manuel de León Rodríguez, Luis Bejerano Gómez, Pedro Regojo Balboa, María Victoria Otero Espinar, David Ríos Ínsua, Victoria Ley Vega de Seoane, Camilo José Cela Conde, Carlos Belmonte Martínez, Santiago Canals Gamoneda, Juan Lerma Gómez, Susana Martínez-Conde García, Stephen Louis Macknik, Manuel Ángel Castro Alamancos e María Felipa Jove Santos, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– Promover e desenvolver a investigación científica sobre a saúde humana, especialmente no ámbito da investigación biomédica;

– Achegar a investigación punteira, a investigación fronteira e o persoal que desenvolve estas actividades á cidadanía, convertendo a Fundación nun referente da ciencia máis avanzada e ligando a esta entidade a un impacto positivo e duradeiro no benestar da humanidade;

– A Fundación será unha institución de excelencia que se dotará da capacidade necesaria para competir na escena autonómica, nacional e internacional da investigación biomédica, para contribuír á translación deste coñecemento á área clínica e potenciar a prestación de servizos encamiñados a mellorar a saúde e o benestar da sociedade;

– A Fundación promoverá e canalizará a participación activa do mundo empresarial e do financiamento privado na investigación científica a través do patrocinio e o mecenado en apoio da ciencia;

– A Fundación potenciará a transferencia á sociedade e á contorna biomédica o coñecemento, a información e a experiencia xerados pola investigación, erixíndose a Fundación como unha plataforma de interrelación entre a investigación e o tecido empresarial.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Julio José Casal González como presidente; Luis Miguel Martínez Otero como vicepresidente; Pedro Regojo Balboa como secretario; e Manuel de León Rodríguez, Enric Banda Tarradellas, Luis Bejerano Gómez, Carlos Belmonte Martínez, David Carro Meana e Enrique Castellón Leal como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Coruña Biomedical Institute (CorBI Foundation), con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 5 de setembro de 2016,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Coruña Biomedical Institute (CorBI Foundation), e adscribila ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente, e con carácter potestativo, pódese interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza