Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 5 de outubro de 2016 Páx. 45807

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 131/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Plan de emerxencia exterior do complexo industrial San Cibrao.

O Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece no seu artigo 6 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior.

O Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece que é a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza), a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil (actualmente Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), o órgano responsable da elaboración do Plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, establece, no seu artigo 76, que os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil, e serán homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil. Segundo o artigo 77 do dito decreto, a aprobación dos plans polo Consello da Xunta de Galicia será publicada no Diario Oficial de Galicia.

O plan foi sometido a un período de información pública de 20 días hábiles, mediante Resolución do 27 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en aplicación do disposto no punto 2 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Tamén foi remitido aos concellos de Cervo e Xove no 13 de xuño de 2016, en cumprimento do artigo 33 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, que indica no punto 2 que lle corresponde ao Consello da Xunta, logo de informe da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais, precedendo consulta ás entidades locais e entidades que regulamentariamente se establezan.

No 24 de maio de 2016, o Grupo de Traballo da Comisión Permanente da Comisión Galega de Protección Civil acordou por unanimidade a presentación do Plan de emerxencia exterior do complexo industrial San Cibrao á Comisión Galega de Protección Civil.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 6 de xuño de 2016, emitiu informe favorable a este plan.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

Un. Apróbase o Plan de emerxencia exterior do complexo industrial San Cibrao.

Dous. Este plan de emerxencia exterior atoparanse á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de Emerxencias.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan no plan como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial que a criterio da Comisión Galega de Protección Civil non supoñan a necesidade duna nova tramitación do plan.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza